O baixo prezo da carne preocupa ós criadores de raza rubia galega

Acruga celebrou a súa asemblea anual en Lugo, na que presentou un balance con aumento de socios, de canles comercializadas e de prezos dos animais que ofrece en poxas

O baixo prezo da carne preocupa ós criadores de raza rubia galega

Poxa de rubia galega organizada por Acruga. / Imaxe de arquivo (Acruga).

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) pechou o pasado ano con 2.400 asociados en toda Galicia, un número que supón unha lixeira suba en relación con exercicios anteriores. A entidade móstrase satisfeita destes resultados, se ben está preocupada polos prezos da carne, que se mantén nuns niveis bastante baixos, o que reduce a marxe de beneficio para os produtores e provoca incerteza no sector.

O presidente de Acruga, César Dorado, antes da asemblea anual que se celebrou onte nun hotel da capital lucense, coa presenza duns 200 gandeiros, afirmou que a asociación está “a crecer, non hai que esquecer que hai moitos gandeiros que teñen unha idade elevada e van pechando gandarías, pero tamén se incorporan outros novos, de modo que imos tendo un equilibrio”.

Por outra parte, recordou que “o leite baixou e é un problema para todos, pero o prezo da carne nestes momentos tamén está moi baixo, polo que estamos todos afectados por esa rebaixa de prezos, de modo que a situación non é moito mellor nun sector que no outro”.

Acruga comercializou no 2014 unha media de 53 canais á semana, seis máis que o ano anterior

Dorado tamén fixo referencia á colaboración que manteñen os criadores de raza rubia galega con Ternera Gallega -a través da que venden coa marca ‘Ternera Galega – Carne de Rubia Galega’ – porque segundo o seu presidente, está a dar resultado para mellorar a presenza no mercado, non só en prezos senón tamén como un veículo “para dar a coñecer a carne” desta raza, “dentro da propia Indicación Xeográfica Protexida”.

No seu balance anual, Acruga destacou a boa marcha do seu servizo de comercialización de canais, posto en marcha no 2013. Ese ano o número de canais comercializadas foi 2.241, cunha media semanal de 47, procedentes dun total de 316 explotacións galegas. No pasado exercicio, o 2014, rexistrouse unha media semanal de 53 animais á semana.

Recría de xovencas
Por outra parte, o centro de recría que a asociación ten en Castro de Ribeiras de Lea “está a funcionar moi ben”, segundo César Dorado. “Hai gandeiros que queren adquirir xovencas e nós témolas no centro de Castro para poder venderllas a eses novos produtores, ao igual que a aqueles que xa están a traballar coa raza pero queren incrementar a súa cabana”, precisou.

A asociación adxudicou 85 animais en poxa, cun prezo medio de 2.057 euros

Nese sentido, subliñou que “o centro de recría é moi importante para a raza e para a asociación”, porque se non estivese a funcionar, Acruga non podería “crecer demasiado”. “Compramos as xovencas cando teñen sobre nove meses e metémolas no centro de recría. Vendémolas cando están preñadas, a partir dos 20 meses de vida, a un prezo alcanzable, porque non se trata de facer negocio,” indicou Dorado.

En canto ás poxas de animais organizadas o pasado ano, a asociación destaca a mellora da demanda e da valoración dos animais que ofrece. En 2014, Acrupa participou en 19 certames gandeiros, nos que se adxudicaron 85 animais dos 94 ofrecidos. O prezo medio de compra de exemplares foi de 2.057 euros, novo récord anual. No 2013 xa se superaran por primeira vez os 2.000 euros de media por animal e este ano melloráronse esas cifras.

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo (Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información