Só o 7% dos pensos galegos para alimentación gandeira levan antibióticos

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou este venres a XIX Xornada Técnica da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso organizada por Agafac. Máis dun cento de expertos do sector analizaron en Santiago a situación actual e as alternativas ao uso de antimicrobianos para loitar contra as superbacterias

Só o 7% dos pensos galegos para alimentación gandeira levan antibióticos

De esquerda á dereita, Javier Barcia, Ángeles Vázquez e Bruno Beade

Como reducir a utilización de antibióticos nos pensos que se fabrican en España destinados á alimentación animal e as alternativas ao seu uso centraron a xornada organizada hoxe en Santiago pola Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso (FITP) -constituída pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac)- á que asistiron máis de 130 representantes do sector.

Baixo o lema “Alternativas ao novo escenario de redución de antibióticos en alimentación animal”, a XIX Xornada Técnica da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso contou coa presenza de destacados especialistas en nutrición e seguridade alimentaria, e tamén coa asistencia da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que clausurou o acto ás 14:15 horas.

Aínda que o uso de medicamentos está moi controlado pola lexislación española e europea, o sector leva anos autorregulándose, loitando contra o uso inadecuado de medicamentos e reducindo, na medida do posible, a súa utilización nos pensos que saca ao mercado, tal e como quedou reflectido no simposio.

Non sen receita

O director de Agafac, Bruno Beade, lembrou que en Galicia a porcentaxe de pensos medicamentosos sitúase no 7%, é dicir, que o 93% do alimento que finalmente inxeren os animais está totalmente libre de antibióticos. “O sector de pensos encárgase de fornecer o medicamento que receita un veterinario para que o tratamento sexa o máis homoxéneo posible, e faino sempre baixo prescrición médica”, subliñou Beade.

Porén, o director de Agafac apostou pola prevención como o mellor antídoto contra as resistencias bacterianas e a aparición das superbacterias, un fenómeno que -indicou- tamén afecta os humanos, principalmente polo uso estendido de antibióticos para infeccións virais, a prescrición de antibióticos de amplo espectro en lugar de antibióticos máis específicos e o uso inadecuado dos mesmos por parte dos pacientes.

No seminario, cuxa apertura correu a cargo de Javier Barcia Gallo, presidente de Agafac, puxo sobre a mesa distintos puntos de vista sobre o uso dos antibióticos e os retos da Unión Europea, cada vez máis esixente nos seus controis.

O presidente da Comisión Técnica da Confederación de Fabricantes de Alimentos Compostos (Cesfac), Mariano Gorrachategui García, disertou sobre as micotoxinas, substancias tóxicas causadas por fungos, e as distintas formas de reducir o seu impacto. Luisa Delgado Núñez, responsable do departamento técnico de Agafac, presentou aos asistentes o estudo sectorial “Contaminación cruzada de Galicia. Medidas correctoras”.

Pola súa banda, o profesor da Universidade de Lleida, Lorenzo José Fraile Sauce, centrou a súa intervención no uso racional dos antibióticos, mentres que Pedro Medel de la Torre, director de I+D de Innovabiotics, explicou as alternativas aos medicamentos.

Novas dietas

O experto defendeu unha actuación integral en catro campos: bioseguridade, xenética, manexo e nutrición. Explicou, por exemplo, que no ámbito da bioseguridade aumentar o perímetro de seguridade dos vehículos que acceden ás granxas reduciría considerablemente o risco de patóxenos; e defendeu cambios nas dietas como unha fórmula adecuada en ocasións para previr en lugar de curar, do mesmo xeito que prolongar a idade de destete dos leitóns.

Medel mostrouse optimista sobre o futuro porque “o sector fixo un gran esforzo. Está concienciado”. Respecto diso, estimou que España -unha potencia a nivel europeo e mundial en produción de pensos, con 22 millóns de toneladas ao ano- alcanzará a media da Unión Europea en canto á redución de antimicrobianos “nun prazo de dous ou tres anos”.

A XIX Xornada Técnica da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso tamén contou coa participación de Francesc Molist Gasa, do instituto de investigación holandés Schothorst Feed Research, que pronunciou o relatorio “Medidas nutricionais para reducir o uso de antibióticos”.

Unha vez realizada a presentación dos estudos, informes e relatorios, o encontro continuou cun debate coa participación dos asistentes á xornada, cuxo acto de clausura presidiu a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información