Nova cita coa feira máis antiga de Galicia esta semana nas San Lucas de Mondoñedo

O programa segue apegado á tradición coa baixada dos cabalos, a feira de gando, concursos morfolóxicos e de andadura e un expectáculo de doma nocturna único en Galicia

Nova cita coa feira máis antiga de Galicia esta semana nas San Lucas de Mondoñedo

Mondoñedo prepárase xa para acoller a miles de visitantes nas feiras e festas das San Lucas, as máis antigas de Galicia, que se veñen celebrando desde o ano 1156 na cidade que foi capital do Reino de Galicia. Cita obrigada para os amantes dos cabalos, a celebración, organizada pola asociación As San Lucas en colaboración co Concello de Mondoñedo, segue fiel ás súas orixes nuns festexos apegados á tradición e co agro como protagonista.

O presidente da asociación organizadora, Miguel Souto, que xunto á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, está a presentar estes días a festa nas cidades que, coma Mondoñedo, foron capital das sete provincias galegas durante a Idade Media, subliña que “as San Lucas son feira, festa, cultura e tradición”. As San Lucas seguen mantendo esa esencia das festas de antano, cos cabalos convertidos nun dos atractivos indiscutibles para unha das celebracións con máis encanto do país e que marca, xunto co San Froilán, o final do calendario festivo do verán en Galicia.

Durante cinco días, do mércores 17 ao domingo 21 de outubro, a cidade episcopal réndese ao balbordo dos cabalos pola Praza da Catedral, declarada Patrimonio da Humanidade, ao seu paso polas rúas empedradas camiño do Campo da Feira, á presenza do gando, dos tratantes, dos compradores e vendedores, ás casetas do polbo na Alameda e á música e a festa en cada recuncho, con teatro, maxia, música tradicional, charangas e verbena.

Protagonismo dos cabalos

O programa, que pretende chegar a todos os públicos combinando tradición e modernidade, arrincará o mércores 17 ás 20:45 horas co pregón, que correrá a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, quen realizou os seus estudos no seminario e no instituto San Rosendo de Mondoñedo.

Antes do pregón chegará un dos momentos álxidos das San Lucas, a tradicional chegada dos cabalos polas rúas empedradas da cidade ata a feira e o seu paso pola Praza da Catedral, que será retransmitida por unha pantalla xigante. Como cada ano, gandeiros e gandeiras da localidade, coma Tania Pérez Pértega, baixan o seu gando do monte seguindo unha tradición secular que manteñen viva.

O día 17 os gandeiros baixan o seu gando desde o monte para a feira do día seguinte

O día 17 os gandeiros e gandeiras baixan o seu gando desde o monte para a feira do día seguinte

Ao día seguinte, o xoves 18 será a feira anual de gando. Entre as actividades dese día atópase tamén a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, a cargo de Javier Simón e Toño Serrano, que será a primeira vez que se poida ver en Galicia. Terá lugar o día grande das Feiras e Festas de As San Lucas, o 18 de outubro, ás 21:00 horas na Praza da Catedral. Poderase ver un segundo pase o día 19, tamén ante o monumento declarado Patrimonio da Humanidade, nesta ocasión, ás 21:30 horas.

Tanto na feira do día 18 como nos diversos concursos e certames repártense importantes premios

A programación recolle ademais outras citas para os amantes dos cabalos, como un concurso morfolóxico de cabalos e eguas de Pura Raza Galega o sábado 19, valedeiro para a gran final da Copa Galicia, un de cabalos trotóns o domingo 21 e outro de andadura galega o xoves 18. Tanto na feira do día 18 como nos diversos concursos repártense importantes premios que animan á participación a gandeiros e criadores.

Música

No eido musical, haberá actuacións de diferentes grupos e orquestras, como a Panorama o día 17, Compostela e Satélites o 18, París de Noia e Principal o 19, La Favorita e Israel o 20 xunto co grupo Extra e Palladium o 21. O broche de ouro porao o concerto de Carlos Núñez no interior da Catedral de Mondoñedo o domingo 21 ás 20:00 horas.

A programación recolle ademais, entre outras moitas citas, a actuación de Quico Cadaval, o encontro folclórico, teatro, demostracións de ferrado e forxa, a segunda xuntanza de tractores clásicos e a homenaxe ao destacado compositor Pascual Veiga, autor da música do Himno Galego e natural de Mondoñedo, o último día das festas.

Xunto co gando, a gastronomía local é outra das protagonistas da festa

A faceta gastronómica tamén está moi presente nas San Lucas. Á tradición de comer o polbo engádese a variedade e calidade da gastronomía mindoniense, co pan, as empanadas, as tartas e os produtos da horta como emblemas principais. As San Lucas é un bo momento para achegarse a visitar Mondoñedo, un lugar cunha grande riqueza histórica, cultural, patrimonial e natural, coa Cova do Rei Cintolo ou o Barrio dos Muíños como complemento ao seu fermoso casco histórico, a súa importante Catedral e ao Camiño Norte a Santiago que atravesa o municipio.

Mercado de Agricultura Ecolóxica

Elena Candia e os presidentes do CRAEGA e da asociación As San Lucas presentaron o Mercado

Elena Candia e os presidentes do CRAEGA e da asociación As San Lucas presentaron o Mercado

O programa suma este ano outra novidade, un Mercado de Agricultura Ecolóxica certificada que terá lugar na Praza do Concello durante os cinco días que duran as San Lucas. A iniciativa conta coa colaboración do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que preside Francisco López Valladares.

Deste xeito, na localidade mariñana daranse cita produtores ecolóxicos, que ofrecerán aos visitantes 25 produtos inscritos no CRAEGA, e que se poderán visitar e mercar en seis casetas de madeira diferentes. O día 19, na Praza do Concello, haberá un showcooking, da man do recoñecido chef Martín Mantilla.

PROGRAMA COMPLETO DAS SAN LUCAS 2018:

cartel Feira de Gando As San Lucas 2018 programa san lucas 2018_ok.FH11 programa san lucas 2018_ok.FH11

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información