“Necesitamos apoio da administración para promover o consumo de coello”

Entrevista a Javier Gómez Madrigal, presidente da Interprofesional do Coello (INTERCUN). Descarta a construción de novos matadoiros en Galicia e confía en que os prezos repunten nos próximos meses.

“Necesitamos apoio da administración para promover o consumo de coello”

 Javier Gómez Madrigal

Javier Gómez Madrigal é presidente da Interprofesional do Coello (INTERCUN). Galicia é a segunda comunidade produtora de carne de coello en España e unha das que conta cun sector cunícola máis organizado.

O presidente de Intercun participa estes días en Santiago de Compostela no 40 Symposium de Cunicultura de ASESCU (Asociación España de Cunicultura).

En que situación se encontra o sector produtor de coellos neste momento?
Estamos nun momento realmente malo porque hai un desaxuste entre a produción e a demanda. Posiblemente sexa o consumo o que nos prexudica máis, porque hai unha presión moi forte da carne de porco que, polo veto ruso, baixou os prezos e nos está a afectar.

Como se vai superar esta situación?
Dende Intercun estamos a promover o noso produto, esperaremos a pasar agosto, xa que na época estival hai maior venda.

Os prezos terían que subir, pero o que pasa é que neste momento se está a conxelar coello e iso provoca unha perda de prezo. Non se pode estar a conxelar canles e subir o prezo vivo. Aínda que hai algunhas voces que reclaman exportar fóra de España o que non damos vendido aquí, a realidade é que xa somos o país europeo que máis carne de coello exporta, aproximadamente o 10% da nosa produción, pero é insuficiente.

Francia e Italia foron os primeiros produtores e consumidores de coello da UE e non obstante o consumo baixou un 40% nos últimos anos. Porén, en España durante a última década o consumo e a produción mantivéronse.

Sendo unha carne saudable e a un prezo asequible, que falla para aumentar o seu consumo?
O consumidor de coello ten máis de 35 anos e os novos consumidores non cociñan ou fano moi pouco e a carne de coello necesita un cociñado. Dende as empresas do sector estanse a realizar despezamentos e produtos alternativos, pero que aumentan o prezo.

Conseguimos dende Intercun comunicar ao consumidor que a carne de coello é sá e isto débenos levar ao optimismo. Só nos faltan recursos para realizar máis campañas de comunicación.

Por onde pasa o futuro das granxas de coellos?
Estamos nun momento moi interesante para o sector produtor porque hai xente moi competitiva e novas liñas de traballo. Non podemos esquecer, non obstante, de que hai un diferencial de ata 40 céntimos por quilo -o prezo medio está en 1,5 euros/kg- entre as granxas máis competitivas e as que menos. Desgraciadamente, isto levaranos a un axuste.

“A diferencia entre as granxas máis eficientes e as que menos é de 40 céntimos por kilo”

Que lle demandades á administración?
Fundamentalmente o apoio á promoción. Estamos no mercado europeo e moitas veces a administración española non é capaz de romper ese marco que nos regule. Neste momento estamos intentando, con Francia e, sobre todo, con Portugal, acceder a unha liña de axudas europeas para interprofesionais agrarias de dous países que presenten unha proposta conxunta de promoción do produto e, de ser aprobada, sería unha partida interesante para promoción.

O prezo que se pagaba ao produtor pola pel de coello compensaba ata agora as oscilacións da carne. Non obstante, nos últimos meses sufriu tamén unha forte caída…
A verdade é que é un mercado absolutamente imprevisible porque depende de China: máis do 90% da pel de coello europea expórtase a China. E se a moda cambia, se vai menos frío en China ou en Rusia ou se baixa o poder de consumo en Rusia, o prezo da pel de coello tamén sofre unha forte baixada.

Esta previsto algún novo proxecto de matadoiro de coello en Galicia?
Había un rumor de que se ía construír un pero parece que non vai para adiante. O problema é que en España hai 54 matadoiros de coellos e case todas as liñas están infrautilizadas. É un problema comercial e de consumo o que temos, non de salas de sacrificio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información