Montes veciñais que xeran riqueza, o caso de Espiñarcao

Esta comunidade de montes de Romariz, en Abadín (Lugo), creou 160 hectáreas de pastizais que permiten que 11 veciños comuneiros manteñan alí as súas ganderías

Montes veciñais que xeran riqueza, o caso de Espiñarcao

O monte veciñal de Espiñarcao conta con 160 hectáreas de pastizais e alberga na actualidade 220 vacas.

O monte veciñal de Espiñarcao, en Romariz (Abadín, Lugo) estaba hai 30 anos a toxos e queirogas, con algúns campeiros polo medio que aproveitaban vacas e cabalos. Os veciños mantiñan alí pequenos rabaños de vacas rústicas, cruces na súa maioría de razas autóctonas, coas que incluso facían unha trashumancia á serra do Xistral nos meses do verán. Daquela, a mediados dos anos 80, xurdiu a idea de implantar pastizais no monte veciñal, un proceso que xerou moitas reticencias ó comezo pero que, pasados os anos, continúa a demostrarse como un acerto.

Na actualidade, o monte veciñal en mancomún de Espiñarcao conta con 160 hectáreas de pastizais, dun total de 204. O resto son 18 hectáreas de piñeiral e zonas de moita pendente que non se poden laborear, polo que os comuneiros practican alí queimas controladas, autorizadas pola Administración, coas que facilitan o pastoreo deses terreos.

“Cando creamos o primeiro pastizal, axiña nos demos de conta de que producía máis que o resto do monte todo” (Marcelino Díaz, comuneiro)

Proceso
“Cando se falou por primeira vez de crear os pastizais no monte, case ninguén quería. Desconfiábase, había o rumor de que subiría a contribución e había quen pensaba que a Administración se quedaría co monte se non o coidabamos” -lembra Marcelino Díaz, gandeiro e integrante da comunidade de montes de Espiñarcao-. “Logo tamén estaba o feito de que para crear os pastizais, tiñamos que sacar o gando do monte”.

“O primeiro proxecto non foi fácil”, recoñece Marcelino. “Pelexou moito por sacalo adiante Eloi Villada -técnico de Extensión Agraria- e ao final decidímonos a facer un primeiro pastizal de 25 hectáreas. Estabamos vendo que outras comunidades próximas tamén os estaban creando e que funcionaban. Cando puxemos en marcha o noso pastizal, axiña nos demos de conta de que esas 25 hectáreas producían máis que o resto do monte todo e entón, xa eramos os veciños os que queriamos facer algo máis, non a Administración”.

Mangas de manexo.

Mangas de manexo.

Das 25 hectáreas iniciais de pastizais pasouse ás 160 da actualidade, un proceso no que a Administración puxo o material e os traballos de rozas e laboreos, e os veciños puxeron a man de obra para facer os peches, sacar pedras e tocóns, e sementar.

Situación actual
A importancia daqueles traballos plásmase na situación actual dos pastizais, que albergan un total de 220 vacas divididas entre 11 comuneiros, a razón de 20 por veciño. “O cambio permitiunos mellorar moito en xenética, ter vacas máis alimentadas e animais que tivesen partos todos os anos. A rendibilidade é outra”, destacan. Cada veciño ten as súas propias vacas e decide que manexo facer dos seus becerros, se cebalos na casa ou vendelos como pasteiros, con destino a un cebadoiro.

A extensión do pastizal incluso permite que a comunidade reserve dúas parcelas cada ano para silo de herba, que se lle suministra ás vacas en inverno. “Cando hai mal tempo no inverno, temos os animais nunha zona a carón do piñeiral, onde os alimentamos e onde se poden resgardar entre as árbores cando neva ou cando vén a xistra e fai moito vento e chuvia”.

As néboas do Fiouco, as mesmas que obrigan a pechar a autovía A-8, crean as condicións ideais para os pastos

Salvo nos temporais duros de inverno, o monte de Espiñarcao presenta unhas condicións ideais para o gando extensivo. “Temos un solo bo e un microclima excepcional para os pastos. As néboas do Fiouco, que fan pechar a autovía A-8 con frecuencia, son as mesmas que lles aportan moita humidade ós nosos pastos”, sinala Marcelino, que participou recentemente nunhas xornadas sobre montes veciñais organizadas polo Consello da Cultura Galega para contar a experiencia da comunidade de Espiñarcao.

“O monte veciñal de sempre tivo moita importancia para nós. Cando eu comecei a ir ó monte co gando, atopábame con que había peches abandonados no medio do monte feitos con muros de sebe e non sabía de que eran”, conta. “Resulta que antes a xente facía estivadas no monte comunal. Cavábao, queimaba os terróns e sementaba centeo para facer o pan. O monte era o que daba o pan e hoxe en día segue a ser moi importante. Podemos dicir que o monte veciñal xerou moita riqueza e axudou a fixar poboación. A base territorial é fundamental para calquera proxecto de gandería”, conclúe Marcelino.

espiñarcao estandar monte veciñal

Traballos en común

O mantemento das 160 hectáreas de pastizais de Espiñarcao realízase en común. Os comuneiros túrnanse para executar as tarefas de pequenos desbroces e abonado que fan tódolos anos, cada un co seu tractor. Tamén traballan en conxunto para reparar peches ou para sacar pedras. Hai anos, cando inseminaban as vacas, as tarefas eran maiores, pero na actualidade teñen catro touros, 3 limusines e un blonde, que reduciron o traballo.

As razas de touro enfocáronse a lograr unha maior facilidade dos partos, xa que con frecuencia as vacas paren soas, aínda que son retiradas dos pastizais antes do parto e levadas á explotación do seu propietario, onde teñen o becerro e pasan os primeiros quince días tras o parto, antes de regresar ó monte.

Lobo
“Facémolo así por temas sanitarios e tamén porque nese tempo, os animais son máis sensibles a ataques do lobo. Esta é unha zona de moito lobo e se por agora non sufrimos moitos ataques é porque temos ó lado un monte con poldros e ó lobo élle máis fácil cazar poldros. Os cabalos tratan de escapar, as vacas agrúpanse e tratan de defenderse”, compara Marcelino. “Se non tivesemos os poldros ó lado, estariamos perdidos”, recoñece. “De tódolos xeitos, xa se me ten dado o caso de chegar á finca e atoparme co lobo tratando de matar un becerro”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información