A montaña galega demanda “medidas reais” fronte á seca e os lumes

Milleiros de gandeiros das zonas orientais de Lugo e Ourense participan en Santiago nunha mobilización de Unións Agrarias na que se emprazou á Xunta a ofrecer solucións, en lugar de “axudas virtuais”

A montaña galega demanda “medidas reais” fronte á seca e os lumes

A mobilización congregou a milleiros de produtores hoxe en Santiago. A marcha cara a Xunta foi precedida por catro tractores.

Os gandeiros das zonas máis castigadas pola seca e os lumes mobilizáronse esta mañá en Santiago nunha manifestación convocada por Unións Agrarias. O acto congregou a milleiros de produtores, que demandaron da Xunta “medidas reais” para enfrontar as dificultades. Tiveron especial protagonismo na protesta as zonas da montaña oriental de Lugo e Ourense, afectadas por xeadas, seca e lumes, se ben houbo tamén produtores doutras comarcas, coma o Xurés, sur de Lugo e representación de áreas vitícolas.

Ao comezo da marcha, que discurriu entre a Alameda compostelá e a Consellería do Medio Rural, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, resumía a situación: “Onde más falta nos fan os poucos gandeiros que quedan é nas zonas de montaña de Ourense e Lugo. Se ante unha situación na que golpeou a xeada, golpeou a seca e golpeou o lume, non axudamos a quen son valientes por seguir adiante, non é crible que este Goberno teña vontade de loitar polo rural. A Xunta ten que dar solucións”, reclamou García.

As axudas anunciadas pola Xunta para enfrontar seca e lumes son consideradas insuficientes polos produtores, que demandan “medidas reais”. “Todos vós sabedes o que está pasando e as axudas virtuais que está anunciando a Xunta” -expuxo García no seu discurso ao remate da mobilización-. “Esas axudas nunca tiveron o obxectivo de chegar ós vosos bolsillos, senón de aparentar ante a sociedade que son sensibles ós problemas do rural”.

Numerosos carteis sobre a seca acompañaron a marcha da manifestación.

Numerosos carteis sobre a seca acompañaron a marcha da manifestación.

Axudas
Unións critica que as axudas só cubran aspectos relacionados con cuestións como pozos e bebedoiros. Advirte ademais de que a burocracia inviabiliza boa parte dos posibles apoios. Entre os produtores que participaron na marcha, o sentemento sobre as axudas era similar. “Axudas?, onde están? Dáme a risa con elas. O que necesitamos son axudas para alimentar as vacas. As vacas non teñen que comer, hai que levarlles auga e xa non temos nin auga. Cereal non houbo porque a xeada arrasou con todo e herba collemos un 70% menos. Un desastre”, resume José Ramón Ballesteros, un gandeiro da Mezquita (Ourense).

“Necesitamos axudas para alimentar ás vacas porque non teñen que comer” (José Ramón Ballesteros, gandeiro da Mezquita)

“O ano pasado collemos 530 rolos de herba e este ano 130. En centeo, quen sementaba uns 800 quilos, colleu cento e pico, non recuperou nin a semente” -detalla José Ramón-. “Este ano está a ser moi difícil. Precisamos liquidez, porque se non, imos ter que vender parte das vacas para alimentar as outras” -conta o produtor, que se incorpou no 2003 a unha explotación de vacún de carne na que manexa na actualidade unhas 50 vacas nai en algo máis de 80 hectáreas.- “Hai bastante xente nova incorporada na nosa zona, pero se non cambia a situación, non temos futuro ningún”.

Gandeiros dos Ancares na mobilización.

Gandeiros dos Ancares na mobilización.

Ancares e lumes
Outras comarcas, coma os Ancares, describen unha situación similar, moi agravada alí polos lumes de outubro. “Collemos para o inverno a metade de forraxe dun ano normal a causa da seca. Cos lumes, polo de agora só tivemos a solución dos gandeiros que se solidarizaron con nós. As perspectivas que temos son de ruína total se o Goberno non toma medidas”, explica Hugo López, un gandeiro novo de Donís (Cervantes) que viu como en outubro se queimaba todo o monte de varas no que pastaba o seu gando.

“Queimouse todo o monte de varas no que pastaba o meu gando. Se non podo botar as vacas ó monte, é a ruína” (Hugo López, gandeiro dos Ancares)

A incertidume agora é grande, pois a lexislación prohíbe -salvo excepcións- que os animais poidan pastar en terreo queimado, co problema engadido de que os produtores perderían as axudas da PAC. “Se non podemos botar as vacas ó monte, non temos como mantelas nin posibilidades de sobrevivir”, explica Hugo, que manexa un rabaño dunhas 30 vacas, a maioría de raza asturiana.

Desde Unións reclaman que non se criminalice ós gandeiros. “Se non hai axudas nin solucións, alomenos que non haxa persecución”, plantea Roberto García. “A limpeza do monte é importante para a prevención de incendios, pero hai que comezar por permitirlle ós gandeiros que teñan vacas, ovellas e cabras que poidan levalas ós montes, non prohibirlles a utilización, como está a facer a Xunta. En Asturias é posible”, compara. Medio Rural comprometeuse a estudar o problema dos pastos queimados, pero polo de agora non existen solucións en firme.

María Páez, gandeira de vacún de carne de Viana do Bolo (Ourense).

María Páez, gandeira de vacún de carne de Viana do Bolo (Ourense).

“Están trucando a ilusión de moitos gandeiros que, coma min, optaron por quedarse nun sitio onde agora é inviable vivir”

A seca preséntase como o gran problema. O oriente de Ourense é das zonas máis afectadas, ata o punto de que pancartas e carteis aludían na mobilización a concellos como A Gudiña, A Veiga ou Viana do Bolo coma “zona cero da sequía”.

“Cando imos recoller a nosa forraxe, non a temos; cando imos recoller o noso centeo, non o hai; cando queremos recoller o noso mel, collemos madeira, as alzas das colmeas, porque mel non hai. Pero non chegou con iso. Cando tiñamos que recoller castañas, as castañas non existiron. Hai familias enteiras que viven das castañas e este ano, en lugar de coller 24.000 quilos, teñen 4.000, e con 4.000 euros non se vive, señora conselleira”. Quen así resume a situación na zona oriental de Ourense é María Páez, gandeira de vacún de carne e responsable de Unións Agrarias na comarca, que falou ao final da mobilización ante os produtores.

“Hai familias enteiras que viven da castaña e que este ano, en lugar de coller 24.000 quilos, teñen 4.000”

“Eu son unha gandeira de carne, señora conselleira, e véñolle dicir o que representan os meus amigos, os meus compañeiros, outros gandeiros que coma min optaron por quedarse nun sitio onde agora é inviable vivir. Agora non podemos soster o que temos. Eu non podo darlle de comer as miñas vacas porque as miñas vacas este mes tiñan que estar pastando e estoulles dando a forraxe que recollín para o inverno. Toda a nosa ilusión estánola trocando unha señora coma vostede e o señor presidente, que dixo que esta era a lexislatura do rural e que está vendendo unhas axudas mentirosas”, criticou.

A mobilización rematou cun chamamento a manter a loita ata acadar solucións. “Teñamos dignidade e loitemos. Eu son da Mezquita, o último recuncho de Ourense, e dígovos que hai futuro e que temos que ter dignidade para loitar polo futuro”, animou José Ramón González, responsable de Gandería de carne de Unións Agrarias.

Galería de imaxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información