Medra a preocupación no agro galego pola falta de choivas

No que vai de abril non se rexistraron precipitacións de importancia en Galicia e as previsións apuntan a que o tempo seco e solleiro se manterá nos próximos quince días. Preocupa especialmente a perda do segundo corte de herba, de pastos e do cereal de primavera.

Medra a preocupación no agro galego pola falta de choivas

Prados xa secando en Viana do Bolo (Ourense)

A falta de choivas empeza a ser tamén unha preocupación crecente para os agricultores e gandeiros galegos. Tras un inverno inusualmente seco, a práctica ausencia de precipitacións no que vai de abril, e sen que se prevean tampouco de forma importante nos próximos quince días, fai aumentar a preocupación dos profesionais do agro.

Despois dun primeiro corte de herba que xa foi escaso en cantidade, neste momento o que máis risco corre é a herba para realizar o segundo corte, os pastos ou os cereais de primavera, que empezan nalgunhas zonas a agostarse, cando deberían estar neste momento na fase de maior vigor. Tamén preocupa, de prolongarse a seca, a sementeira do millo ou a dispoñibilidade de auga para o regadío na Limia. A situación estase volvendo máis preocupante nas provincias de Lugo e de Ourense, nas que menos precipitacións se teñen rexistrado.

Meteogalicia: “Poderíamos rematar abril con case nada de choiva”

No seu informe climatolóxico para Galicia, Aemet xa advertiu de que “o pasado inverno foi seco ou moi seco”, só por detrás do dos anos 1991 e 1988. Meteogalicia confirma este balance nos seus informes climatolóxicos: as choivas en xaneiro foron un 66% inferior ao normal, e en febreiro e marzo aproximáronse á media pero con importantes excepcións, xa que na provincia de Ourense ou no Sur de Lugo as precipitacións reducíronse máis dun 20%.

En canto ao mes de abril, Juan Taboada, de Meteogalicia, confirma que “están sendo escasísimas as precipitacións e poderíamos rematar o mes con case nada de choiva”.

A causa deste tempo anormalmente seco débese a que “hai unha zona de altas presións ao norte da Península Ibérica que impide que cheguen a Galicia as borrascas procedentes de Terranova”. “É unha situación que se da en menos dun 30% dun inverno ou dunha primavera normal, pero que este ano sucedeu”, engade. Deste xeito, os ventos mantéñense do norte ou do nordés, cando nesta época deberían soprar do suroeste traendo o tren de borrascas.

Sen previsións de choiva significativa para os próximos 15 días

En canto ás previsións, os distintos modelos, tanto de Meteogalicia como de Aemet, apuntan a que non se producirán precipitacións de importancia -con entrada de borrascas dende o Atlántico- durante os próximos 15 días.

“A curto prazo, ata luns ou martes, vai continuar o anticiclón, con tempo seco e vento do nordés e sen previsións de choivas, a non ser algunha tormenta illada. O que poida pasar máis alá é complicado porque os prognósticos en primavera e a medio prazo en Galicia non acaban de ter fiabilidade suficiente”, explica Juan Taboada.

¿Como lles está a afectar a seca ás ganderías?

Nieves Fernández Vidueira, gandeira de ovino en Viana do Bolo: “Está secando todo o pasto”

Nieves Fernández Vidueira pastorea un rabaño dunhas 430 ovellas de raza galega en Viana do Bolo, no oriente da provincia de Ourense. Resume a situación sen medias tintas: “Está secando todo o pasto, sobre todo nas parcelas con menos profundidade de solo, e incluso as fontes do monte están deixando de deitar auga”.

“Nunha primavera normal -explica-, no mes de abril debería haber pasto a rebentar para o gando, e de feito nós facemos unha programación dos partos para os meses de abril e maio, pero este ano non hai alimento nos prados”.

José Manuel Méndez, gandeiro de vacún de carne e membro da directiva da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon): “A situación empeza a ser moi complicada”

José Manuel Méndez, gandeiro de vacún de carne e membro da directiva da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), recoñece que “agora mesmo a situación empeza a ser moi complicada”.

Recoñece que “a seca está afectando moitísimo nesta zona”, especializada no vacún de carne en pastoreo. “Normalmente aquí facemos un primeiro corte da herba para ensilar e ter como reserva para o verán e logo pastoreamos o que sería o segundo corte. Pero este ano houbo fincas nas que nin sequera puidemos facer o primeiro corte e estámoslle metendo as vacas antes de que sequen para que polo menos pazan a herba que hai”, asegura José Manuel Méndez.

Óscar Morado, gandeiro de vacún de leite de Guitiriz: “Perdemos o diñeiro do abono de primavera para as pradeiras”

Óscar Morado é socio de Sat Margá, unha gandería de vacún de leite en pastoreo situada no concello lucense de Guitiriz. No seu caso, asegura que “onde máis estamos a notar a seca é que tras o pastoreo as pradeiras agroman rápido pero non tiran e temos menos quendas de pasto”.

Ademais, asegura que “están saíndo nas parcelas moito trevo, unha especie de raíces fondas e que aguanta mellor a seca, pero que sole empezar a dominar nos prados nos meses de xullo ou setembro, non agora en plena primavera”.

A falta de precipitacións provocou tamén que os abonos de síntese, fundamentalmente nitróxeno, que botaron nas pradeiras tampouco actuasen, o que lles supuxo unha importante perda económica.

Seca nos prados de Viana do Bolo (Ourense)

Andrés Prieto, socio de Sat San Martiño, unha explotación de vacún de leite de Vilalba (Lugo): “Xa nos dixeron que o prezo da palla e da alfalfa vai subir”

Andrés Prieto, é socio de Sat San Martiño, unha explotación de vacún de leite de Vilalba (Lugo) con 430 cabezas de gando.

Asegura que no seu caso “onde máis notamos a seca foi na herba para ensilar, que baixou bastante, e o millo esperamos botalo para a semana”.

Ao igual que moitas ganderías de vacún de leite de Galicia, nesta explotación tamén mercan para o gando palla e alfalfa deshidratada de Castela. Neste sentido, recoñece que “o prezo da alfalfa pecheino en setembro para todo o ano 2017 e o da palla en decembro”, un acerto á vista das previsións de menor colleita destas forraxes. E é que en amplas comarcas de Castela e León deixáronse de sementar miles de hectáreas de alfalfa e tamén de millo forraxeiro ante a forte seca. “Para o ano que ven xa me dixo o intermediario que o prezo da alfalfa ía ser diferente”, asegura Andrés.

Na Limia preocupa a perda do cereal de primavera e que non haxa auga para regar as patacas

Na comarca da Limia, a principal produtora de cereal e de pataca de Galicia a seca está afectando principalmente ao cereal de primavera e está favorecendo que a sementeira da pataca se adiantase case un mes respecto ás datas habituais.

Servando Álvarez director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia informa de que “mentres o cereal de inverno ten boa aparencia e, ao ter o sistema radicular máis desenvolto, está a aguantar ben a seca, o que foi sementado en primavera xa está amarelando, sobre todo nas terras máis areosas”.

“Se non chove pero se manteñen as temperaturas frescas pode aguantar e espigar, pero se volven subir as temperaturas por riba dos 25 graos e se mantén a seca perderíase a colleita de cereal de primavera”, asegura.

Sen embargo, a principal preocupación dos agricultores da Limia é pola pataca, o seu cultivo principal, e do que este ano se prevé que se incremente a superficie plantada ata as 3.400 hectáreas. “Se non chove o suficiente e se incrementa o caudal do Limia, non vai haber auga para regar a pataca e iso si pode supor un dano importante”, advirte Servando.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información