Medio Rural prevé que na primavera se dea por rematado o brote de tuberculose bovina na Serra da Capelada

Medio Rural prevé que na primavera se dea por rematado o brote de tuberculose bovina na Serra da Capelada

Gando vacún nos montes de Cedeira

O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería de Medio Rural, José Balseiros, respondeu este venres na Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento Galego a unha pregunta do PsdeG-PSOE sobre os casos de tuberculose en gando vacún na serra da Capelada, no concello de Cedeira,

Balseiros recordou que se trata dunha contorna con afeccións recorrentes desta enfermidade debido á importación de gando doutras Comunidades con alta incidencia desta enfermidade. Isto obrigou a aplicar dende 2014 un plan de acción acorde que implica inmobilizar as granxas evitando o movemento de animais a outros territorios.

Este plan permitiu a semana pasada levantar as restricións de movemento do gando a 50 explotacións das 90 que estaban inmobilizadas dende hai máis de dous anos para a entrada e saída de gando. E se os resultados seguen a ser favorables, sen positivos nas probas, de cara á próxima campaña de control (entre os meses de febreiro e marzo) podería procederse a desmobilizar o resto de granxas afectadas na comarca, unhas 34.

Finalmente, José Balseiros clarificou tamén que a cuestión dos “falsos positivos” é un mito, xa que cando un animal dá positivo en tuberculose significa que desenvolverá a enfermidade ao longo da súa vida, co risco de contaxio que implica, aínda que unha vez que chegue ao matadoiro non se constaten lesións perceptibles. Por iso, de cara a evitar a expansión da enfermidade procédese ao sacrificio dos animais infectados, aboándolle ao propietario a correspondente indemnización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información