Medio Ambiente triplica no 2016 as axudas para danos do lobo

A Consellería adicará máis de 300.000 euros a compensar as perdas gandeiras. O agro viña demandando unha mellora do programa desde hai anos, xa que parte dos afectados quedaba sen cobrar

Medio Ambiente triplica no 2016 as axudas para danos do lobo

Danos por ataque do lobo

O programa de axudas para compensar ás explotacións gandeiras por ataques de lobo triplicarase no 2016. A Consellería de Medio Ambiente destinará máis de 300.000 euros á medida, fronte ós 106.000 dos últimos anos. O agro viña demandando desde hai tempo esta mellora, pois parte dos afectados polos ataques quedaba sen cobrar todos os anos por falta de fondos. A maiores, o sector quéixase do retraso no pago das axudas, que se pode dilatar ata dous anos.

A progresiva recuperación das poboacións de lobo en Galicia, unida á extensificación da gandaría nas zonas de montaña, está a xerar nos últimos anos un aumento dos ataques do cánido, unha situación que non ía acompañada de medidas de apoio paralelas por parte da Administración. As estatísticas da Xunta reflicten cada ano entre 1.000 e 1.500 denuncias por danos causados polo lobo, se ben o sector dá por seguro que as perdas reais son sensiblemente maiores.

Demandan financiamento de medidas de prevención e controis autorizados da especie

O aumento das axudas para compensar danos, que chegarán ata os 300.000 euros no 2016, triplicando a coantía do 2015, é ben vista polo sector, aínda que os gandeiros piden outras accións para lograr unha mellor coexistencia do lobo coa gandaría. O financiamento de medidas de prevención e os controis autorizados da especie para evitar a sobrepoboación son dúas das cuestións que expertos do lobo e gandeiros coinciden en sinalar como precisas para avanzar na convivencia co animal.

O sector tamén está descontento polo retraso no pago das axudas por danos, que se pode dilatar por enriba dos dous anos. A esta cuestión, úneselle o feito de que parte dos afectados nunca chega a cobrar porque a Consellería comunícalles insuficiencia de fondos para facer fronte ós pagos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información