poxa acruga fonsagrada1

Media de 1.940 euros por animal na poxa de ACRUGA na Fonsagrada

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) abriu hoxe con éxito a súa tempada de poxas, con pleno de adxudicacións na poxa da Fonsagrada, celebrada esta mañá no mercado gandeiro, ante numeroso público.

O bo tempo, a coincidencia coas festas e o feito de ser a primeira poxa da tempada repercutiu no bo resultado desta poxa na que se venderon o cinco xovencas preñadas a prezos por riba dos 1.800 euros, fixados para a saída.

A primeira das touras adxudicouse por 1.900 euros; a segunda e a quinta por 1.850, mentres que a terceira e a cuarta lograban as máis altas cotizacións da mañá ao acadar ambas os 2.050 euros. Estes resultados arroxan un prezo medio de 1.940 eurs.

En calquera caso e á marxe dos resultados, desde Acruga o seu presidente, César Dorado, valorou o feito de que “se seguen adxudicando todos os animais que se presentan ás poxas, o que demostra que a demanda segue en aumento e que os gandeiros teñen claro a boa calidade das xovencas que traemos. Todos saben que proceden do centro de recría da granxa Gayoso Castro e iso para eles é toda unha garantía”, sinalou.

Vindeira poxa o día 15 en Pedrafita

Ademais desas garantías de calidade en canto á súa valoración xenética, reprodutora, morfolóxica e produtora, outro dos incentivos dos gandeiros á hora de poxar por estes exemplares son as axudas de Caixa Rural, que concede a cada comprador 200 euros por animal. A poxa de hoxe contou con 14 posibles compradores que sacaron o cartón que lles permite participar nas poxas. Deles, os que finalmente levaron as touras ás súas ganderías pertencen aos municipios de Lalin, Friol, A Fonsagrada e Láncara.

A próxima poxa de xovencas preñadas levará a cabo o próximo día 15 de setembro en Pedrafita do Cebreiro.