Manuel Lameiro, o maior gandeiro en extensivo de Galicia

Hai 11 anos que Manuel Lameiro comezou a ter vacas en extensivo na Veiga (Ourense) logo de vivir durante anos en Madrid. Agora conta con máis de 300 vacas Vianesas e Asturianas de los Valles e a capital española é o destino da súa carne

Manuel Lameiro, o maior gandeiro en extensivo de Galicia

Manuel Lameiro con algúns dos animais da súa gandeiría.

Hai 20 anos que Manuel Lameiro marchou para Madrid e 11 que comezou coa cría de vacas en extensivo nas montañas de A Veiga, na comarca de Valdeorras (Ourense). Hoxe conta con arredor duns 500 animais e acaba de trasladarse a vivir coa súa familia a súa vila natal, na montaña ourensá.

“A min gústanme as vacas e busquei a maneira de poder volver a estas terras e ter vacas. Así é que as circunstancias da vida leváronme a ser empresario pero son gandeiro por devoción”, comenta Manuel.

“Son empresario por circunstancias da vida e gandeiro por devoción”

A Madrid aínda regresa varias veces por semana para atender os negocios que rexenta na capital, e que lle permiten comercializar a súa propia carne: dúas carnicerías e dous restaurantes. Agora quere estar máis centrado na gandería. “Vivín 20 anos na Veiga, logo outros 20 en Madrid e con 40 decidín volver”, comenta.

Entre as Vianesas e as Asturianas de los Valles

Ten dous rabaños, un de Vianesas, que é o máis numeroso, e outro de Asturianas de los Valles, ademais dun grupo de 25 bois para a ceba. “Decidinme polas Vianesas por ser unha raza de aquí e polo ben que pairen e o boas nais que son”, xustifica Manuel.

Gandaria-Lameiro-A-Veiga-Vacas-

Manuel ten dous rabaños, un de Vianesas e outro de Asturianas de los Valles.

Apela tamén á calidade da carne que logran as Vianesas para decantarse por elas. “Son vacas de pouco rendemento en canto a produción pero que teñen unha moi boa carne”, defende o gandeiro. “Se non fora porque comercializo eu directamente a carne se cadra xa tiña que ter deixado de ter vianesas ou telas cruzado con outras razas”, recoñece.

En canto á raza Asturiana de los Valles elixiuna pola súa produtividade e tamén pola calidade. “Dentro das razas de carne é unha das que mellores resultados pode darche pero tamén dan moito traballo”, apunta.

Volver levar o gando ó monte

A Veiga é o concello con maior extensión da provincia de Ourense, con 290 quilómetros cadrados, e iso fai que as ganderías de vacún desta zona sexan de cría en extensivo e que ademais conten cunha importante base territorial. É o caso tamén de Manuel que foi facéndose cargo de terras que quedaban abandonadas e que fixo acordos coas comunidades de montes para meter o seu gando. “Pouco a pouco fun dispoñendo de terreos en distintas aldeas que xa non tiñan actividade gandeira”, explica Manuel.

Procura dispoñer de parcelas cerradas con zonas de arborado e pradeiras

As vacas pacen no monte de parroquias como Carracedo, San Lourenzo ou Pradolongo, entre outras. Conta con fincas cerradas que inclúen tanto zona de arborado como pradeiras ou monte raso, nunha superficie de arredor de 2.000 hectáreas.

Ganderia-Lameiro-A-Veiga-

Manuel conta con arredor de 500 animais repartidos entre dous rebaños e os cebadeiros.

Nalgunhas destas fincas dispón de naves onde os animais poden resgardarse cando queren e nas que tamén lles bota de comer. “Procuramos ter parcelas grandes e que estean ben comunicadas para poder cambialas vacas con facilidade dunhas fincas a outras”, comenta o gandeiro.

A altitude deste concello, que conta co cume máis alto de Galicia, Pena Trevinca, é tamén determinante para a gandería. “Aquí temos pouca produtividade pero gran calidade de herba que lle dá un sabor exquisito á carne”, explica o gandeiro.

Camiño do ecolóxico

Manuel atópase agora en pleno proceso de transición a unha produción en ecolóxico. Ata o momento mercaba unha parte importante dos forraxes pero o cambio motiva que se centre en conseguir incrementar a produción tanto de herba seca como de silo.

“Nestas terras hai pasto de calidade pero é pouco produtivo. Co cambio a ecolóxico e coas limitacións de abonado aínda se vai reducir máis a cantidade de forraxes por iso estou tentando segar máis superficie”, indica.

Xato-e-vaca-ganderia-lameiro-

Xunto con Manuel, na gandería traballan tres operarios.

Ata setembro do 2020 non contará co selo de produción ecolóxica pero quere comezar a finais deste verán con tódolos cambios que implica este tipo de produción. Así, entre as variacións que se inclúen está o de introducir un penso axeitado a unha produción en ecolóxico, para o que baralla optar polos pensos Ecofeed.

“Eu creo realmente que a produción ecolóxica é unha forma de conseguir máis calidade para a carne e, sobre todo, reducir o impacto no medio ambiente que a gandería ten, por iso estou agora co cambio”, comenta o gandeiro. Manuel apela tamén á calidade como un valor que faga competitiva á carne galega fronte á doutros países como Alemaña ou Holanda..

Ademais de atoparse en plena transición, Manuel quere continuar a incrementar os seus rabaños nos próximos anos e, de feito, acaba de incorporarse á gandería tamén a súa muller, mediante un plan de incorporación. Tamén pretende sumar outro traballador ós tres operarios cos que conta na actualidade.

Comezará a finais de verán cos cambios para ecolóxico aínda que non contará co selo ata setembro do ano próximo

Manuel ten tamén 6 cans que contribúen a gardar os rabaños nuns montes onde a presenza do lobo é habitual. Ademais dispón dun avisador de partos para tentar minimizar as perdas dos xatos no nacemento e para atallar as complicacións que poidan ter no parto as vacas.

Ganderia-Lameiro-A-Veiga-_Boi-

Ademais da carne dos xatos e os anellos, Manuel tamén comercializa carne de boi e vaca.

Comercializar a produción propia

Polo de agora, Manuel está a criar a maioría das femias que lle nacen co obxectivo de seguir medrando e sacrifica arredor de 90 becerros ó ano, todos eles castrados. Comercializa tres liñas de carne: os becerros que van ata os 12 meses, os becerros anellos, dos 12 ata os 24 meses; e os animais de máis de 48 meses. Nesta categoría de animais adultos conta con dous cebadeiros en extensivo de bois e vacas, separados por sexos, e que vai cebando en función da dispoñibilidade e demanda.

Comercializa a carne da súa gandería nas dúas carnicerías e dous restaurantes que ten en Madrid

Toda a carne que produce comercialízaa directamente nos seus negocios. “Non compro máis carne da que produzo e non vendo a carne das miñas vacas a ningún outro distribuidor. Teño unha produción limitada pero tento que sexa da máxima calidade posible e que chegue ó cliente de xeito directo”, comenta o empresario e gandeiro.

Así, as dúas carnicerías que ten, no Mercado de San Antón e no de Antón Martín, e os dous restaurantes, situados no centro de Madrid, son a porta de comercialización da súa carne. “Non teño unha produción moi alta pero a carne está gustando moito. A xente en Madrid valora moito que sexa carne galega criada nas montañas, de xeito extensivo e de razas autóctonas, todo iso contribúe a que sexa de calidade”, comenta Lameiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información