Máis de 400 gandeiros danse cita na asemblea de Acruga

Máis de 400 gandeiros déronse cita hoxe na asemblea anual de Acruga, na que se decidiu continuar co purgado do libro xenealóxico e intensificar a venda de seme no exterior, un mercado ao que xa se envían dúas de cada tres doses desta raza

Máis de 400 gandeiros danse cita na asemblea de Acruga

Gandeiros homenaxeados

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta mañá a súa asemblea anual, unha das máis concurridas dos últimos anos, con máis de 400 gandeiros participantes. A xuntanza, na que se recoñeceu o traballo dos 58 produtores de rubia galega que se xubilaron o pasado ano, prodúcese despois da reelección de César Dorado como presidente da Asociación logo das eleccións celebradas o mes pasado. O presidente de Acruga agradeceu a reelección e animou a seguir traballando na conservación e mellora da raza rubia galega malia o peche de explotacións dos últimos anos, en moitos casos, por falla de relevo xeracional.

Foi un día de festa e de confraternización no que Acruga expuxo o balance da súa actividade ao peche do pasado ano, destacando como datos positivos o récord de 2.150 euros de prezo medio dos animais vendidos en poxas; o importante incremento no número de incorporacións, con 64 novos gandeiros o pasado ano; e o aumento da venda e exportación de seme a novos países de Europa, África e Asia.

Na parte negativa deste balance figura o descenso no número de animais inscritos no libro xenealóxico, debido por unha banda ao peche de explotacións e, por outra, á intensificación por parte de Acruga dos controis de filiación nos animais de raza rubia galega, co obxectivo de achegar unha maior fiabilidade aos rexistros e garantir a pureza dos animais desta raza.

A asemblea anual de Acruga tamén serviu para homenaxear a 58 gandeiros que se xubilaron ao longo deste ano. O presidente de Acruga agradeceu a todos eles o seu traballo e esforzo e sinalou que pese ao elevado número de xubilacións, nos últimos anos están a medrar as incorporacións de gandeiros á raza rubia galega. De feito no 2017 houbo 64, fronte aos 38 rexistrados en 2016. Este foi un dos datos positivos destacados no balance anual da asociación, no que tamén se falou do incremento do prezo medio logrado nas poxas polos exemplares pertencentes a Acruga. Así, en 2013 o prezo medio foi de 2.049 euros; 2.057 euros en 2014; 2.000 euros en 2015; 1.950 en 2016; e de case 2.150 o pasado ano. Esta tendencia á alza continúa no exercicio actual, como o proba o feito de que na última poxa, a nacional de Adai, se alcanzase un prezo medio de 2.300 euros para as femias, con récord de cotización, como os 4.000 euros pagados por un dos exemplares.

Novas instalacións do centro de recría Gayoso Castro

No apartado de poxas cobra especial importancia as xatas preñadas procedentes do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, onde Acruga colabora coa Deputación de Lugo na selección de animais de alto valor xenético para satisfacer a demanda de novos gandeiros, dos criadores galegos e para presentar ás poxas que se realizan dentro e fóra da provincia. Neste sentido, hai que destacar que medrou tanto o número de adjudicaacións como o prezo medio destes animais. Así, no 2017 das 44 xatas preñadas presentadas en poxas, adxudicáronse 43, e o prezo medio nese ano para os exemplares procedentes da granxa Gayoso Castro foi de 2.102 euros, moi por enriba dos 1.800 euros de prezo de saída co que se inicia a poxa destes animais.

O convenio que a asociación mantén coa Deputación de Lugo será renovado, segundo anunciou o propio deputado provincial responsable de Agricultura e Gandería, Lino Rodríguez Ónega, que anunciou asemade que se mellorarán as instalacións da granxa Gayoso Castro onde se realiza a recría de animais de raza Rubia Galega. Anunciou que as novas instalacións estarán listas na vindeira primavera.

Exportación de seme

Outro dos aspectos que se abordou na asemblea foi a evolución na exportación de doses de seme. Mentres que en 2012 vendéronse 96.190, o pasado ano pechouse con case 315.500, das cales unhas 200.000 exportáronse fóra de España, coa apertura de novos mercados. Así, a países importadores como Brasil, Polonia, Portugal, México, Nicaragua, Panamá, Venezuela, USA e Italia, tamén hai que sumar desde fai un par de anos a Indonesia, Turquía, Uruguai e Australia. A razón deste incremento na venda de seme de rubia galega está na utilización desta raza para cruces industriais, unha vez que se demostrou que co seme galego lógranse animais con maior produción cárnica e de moi boa calidade, polo que en menos meses os gandeiros obteñen un maior rendemento cárnico.

Ademais de manter e mellorar a exportación de seme, está prevista a creación dunha estrutura de comercialización e exportación de material xenético para a internacionalización da raza, un proxecto que contará coa participación de FEAGAS, ASEAVA e Acruga.

Pureza da raza

A intensificación dos controis de filiación nos animais para garantir a pureza da raza foi outro dos obxectivos que se marcou Acruga nos dous últimos anos. Isto trouxo consigo que varios animais que estaban no rexistro definitivo do libro xenealóxico pasasen a formar parte do rexistro auxiliar, ata determinar a súa árbore xenealóxica. Trátase de exemplares que, aínda atopándose dentro do prototipo racial, coas súas mostras de sangue non se puido comprobar que fosen fillos dos proxenitores declarados na xenealoxía, polo cal é necesario eliminalos temporalmente do Libro Xenealóxico ata poder comprobar, mediante filiación no Laboratorio Oficial, cales son os proxenitores reais.

O 2017 pechouse, por tanto, cun lixeiro descenso dos animais inscritos no libro xenealóxico, 36.256, cuns 10.800 nacementos e uns 25.500 reprodutores. Destes, a metade aproximadamente están inscritos no rexistro auxiliar e a outra metade, no definitivo. O presidente de Acruga avanzou que se seguirá incidindo no control de filiación da raza e a depuración dos rexistros dos animais incorrectos para mellorar a pureza.

Seme sexado

A asemblea anual de Acruga tamén serviu para poñer sobre a mesa algúns dos próximos obxectivos que van marcar a axenda de traballo da asociación. Dentro do obxectivo de mellora xenética, entre os proxectos futuros de Acruga figuran o inicio do estudo da xenómica da raza rubia galega e sexar seme de touro destinado á produción tanto de femias, para aquelas explotacións que queren recriar novillas coas que aumentar o seu rabaño, como de machos no caso de explotacións que non pretenden un incremento de cabezas senón obter un maior rendemento cárnico. Tamén se incidirá desde Acruga nos estudos de parentesco e consanguinidade para mellorar o vigor xenético da raza e evitar así problemas nos nacementos.

A asemblea en imaxes:

Mellora da comercializacion e logo Raza Autóctona 100%

Incidir na promoción da carne de rubia galega será outra liña de traballo que se intensificará con accións como a solicitude do logotipo Raza Autóctona 100% Rubia Galega e a firma ou renovación de convenios con indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún como é Ternera Galega Suprema e Vaca e Boi de Galicia

No apartado de novas tecnoloxías, Acruga prevé a posta en funcionamento dunha app para móbiles que axilice o traballo dos gandeiros á hora de realizar determinados trámites. Tamén se pretende incrementar o número de explotacións que realizan pesadas dos seus animais ao nacemento e ao destete, xa que na actualidade só medio cento participa de xeito habitual neste programa.

Programa de embrións

Durante o transcurso da asemblea tamén se puxo de manifesto a importancia de manter e mellorar a colaboración que Acruga mantén con varios organismos e institucións públicas e o presidente da asociación, César Dorado, aproveitou a presenza de autoridades na entrega de galardóns para reclamarlles apoio para os gandeiros como sosténs que son do medio rural.

Entre os convenios en vigor, está o subscrito co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a conservación, mellora e fomento das razas puras de gando de produción; e do programa de consolidación e diversificación da raza rubia galega, a través da obtención de descendentes machos de alto valor xenético e para a formación dun núcleo de reprodutoras de elite para doar embrións, que leva a cabo coa axuda da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Os gandeiros presentes incidiron na necesidade de que estes embrións sexan implantados en vacas con boas condicións reprodutoras para mellorar os niveis de éxito xestante obtidos na actualidade.

Recoñecemento aos gandeiros e gandeiras que se xubilan

A cita anual dos criadores de rubia galega, celebrada en Lugo, tamén serviu para homenaxear aos 58 gandeiros que se xubilaron o pasado ano, e que recibiron un obsequio conmemorativo por parte das autoridades que asistiron ao acto, entre elas, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial e do Concello de Lugo, así como das entidades bancarias Caixa Rural e Abanca.

Estes foron os gandeiros e gandeiras homenaxeados:

Julián Capón Pardo (Baralla)
Manuel Otero Villares (Baralla)
Élida Pérez Fontal (Baralla)
María Álvarez Fernández (Baralla)
María Sol Suazo López (Baralla)
Isabel Gayoso Carreira (Begonte)
Alicia Montero Fontal (O Courel)
Jesús Fernández Quiroga (Cervantes)
María Del Carmen Párdo Vilanova (O Corgo)
Amelia Enríquez Arruñada (A Fonsagrada)
Fé López López (Casa Vicente CB, A Fonsagrada)
Antonio López López (Láncara)
Milagros Campo Fernández (Láncara)
Carlos Quiroga Cela (Lugo)
Genoveva Clara Cruz Penelas (Lugo)
José López Pérez (Paradela)
José Gayoso López (Paradela)
Pedro Barreal Villanueva (Samos)
Urbano López González (Samos)
María José Campo Rodríguez (Samos)
Ana María López Rodríguez (Sarria)
Alicia Albín Páramo (Sarria)
Vicente Rolle Rodríguez (Viveiro)
Carmen Árias Fernández (Xunqueira de Espadanedo)
Concepción Pérez Díaz
Germán Valcárcel Fernández
Jaime Fernández Silva
Avelino Castaño Prado
Eduardo Gómez García
Lorigados Gil Fernández
José María Couso Monedero
Marina Río Fernández
Almudena Lenzo Seijo
Laura López López
María Aurora González Diéguez
Estrella Rivas Núñez
Fidel López Carrete
Manuela Armada Barreiro
Urbano Vilabrille López
José Miguel Fariñas Vilanova
José Manuel Beatriz Blanco
José María Bolaño Rico
Manuel Burgo Pena
Germán Rozas Prados
Manuel Fernández Pérez
Lucía Vilanova Valín
Marcelino Fernández Carreira
Dolores Rodríguez Vázquez
Pilar Caneiro Rodríguez
José Antonio López Rodríguez
Benigno López Varela
Álvaro López Castro
Carmen López González
Javier López López
Manuel Tallón Aldegunde
María Elena Fonteboa Fernández
Ángela López Rodríguez
María Teresa Aldariz Vilanova

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información