“As macrogranxas de 200.000 polos non son para España”

Ángel Martín, secretario xeral de Propollo, a interprofesional da avicultura de carne de polo, debulla algunhas das claves do sector. Augura que o impacto no medio ambiente limitará as explotacións de grandes dimensións na produción española

“As macrogranxas de 200.000 polos non son para España”

Ángel Martín durante a xornada centrada no sector avícola celebrada en Silleda.

Falamos con Ángel Martín, secretario xeral de Propollo, a Organización Interprofesional da Avicultura De Carne de Polo, con motivo da súa participación nas xornadas sobre o sector avícola organizadas recentemente por Unións Agrarias en Silleda. Martín apunta os retos e debilidades que se lle presentan ao sector nun momento de transformación.

Nos últimos anos o sector avícola viviu un bo momento, cal é a situación actual?
O sector tivo nos últimos tempos anos bos e malos, por iso o acertado é avalialo en base a períodos de dez anos posto que dun ano a outro pode haber perturbacións de mercado por motivos moi diferentes. Así, o ano pasado afectounos moito o peche do mercado de Sudáfrica, outro ano afectounos a influenza aviaria en Europa… É un sector que está moi suxeito a variacións, do mesmo xeito que todos os derivados do campo.

A pesar destes atrancos, fortaleceuse o sector nos últimos anos?
É certo que a produción segue crecendo. En canto ao consumo, está estabilizado. Aínda que nos fogares o consumo baixou, isto débese ao cambio de hábitos nas familias, que xa non cociñan tanto como antes nas súas casas. Nos últimos catro anos, o consumo nos fogares baixou en 75.386 toneladas, mentres, o consumo nos restaurantes incrementouse. Tamén creceron fortísimamente as exportacións, xa que mandamos carne de polo a case todos os países do mundo. Aínda que non sexa o forte do sector, cada día vai gañando peso.

Hai risco de que se produza un boom na produción e que non se corresponda coa demanda?
Creo que non, o consumo vai avanzando lento pero inexorablemente.

Que peso ten a avicultura galega dentro do sector?
A produción de carne de polo en Galicia incrementouse entre 2013 e 2017 ao redor de 16.200 toneladas, cunha produción actual de 160.625 toneladas. Galicia representa en torno ao 13% da produción española.

“O futuro pasa pola presentación da carne de polo de formas alternativas: o despece e os pratos precociñados”

Que perspectivas se contemplan para o sector a curto prazo?
O futuro pasa pola presentación da carne de polo de formas alternativas. Van aparecendo novas ofertas no mercado, novas formas de preparar o pito e cada vez véndese máis despezamento de pito, que suma valor á cadea de produción. Ademais, aínda que por agora é aínda moi tímido, está a iniciarse o mercado dos pratos preparados, é a gran esperanza para o sector.

Cada vez prodúcese máis pito en todo o mundo pero tamén se consome máis, por exemplo, en EEUU consómese unha media de 48 quilos por persoa ao ano. Estes consumos non son de pitos enteiros, senón que o que está a proporcionar estes consumos son os pratos precocinados e o despezamento. Así é que os estadounidenses teñen xa os supermercados cheos dunha variada oferta de pito precocinado. Tamén o Reino Unido, Australia ou Canadá son grandes consumidores de carne de pito.

A estas formas de consumo tamén hai que sumar que se poidan desenvolver outras alternativas, como o pito de curral. O abanico de posibilidades é moi amplo para o sector.

Estamos nunha época de transformacións na produción, o futuro está reservado só para as grandes granxas?
É verdade que hai un movemento a favor de facer este tipo de granxas pero aquí, a diferenza doutros países, non se está optando por modelos de superproducción. En España seguiremos nos modelos de produción de 40 a 60.000 polos por explotación. As “macrogranxas” de 200.000 pitos non son para España, son unha utopía. En España o impacto ao medio ambiente elevaría os custos co que non o farían rendible, non temos as condicións climatolóxicas doutros países. Ademais, agora mesmo non hai altas concentracións avícolas en ningunha comunidade autónoma.

Que saída queda aos produtores máis veteranos con granxas antigas que ven reducida a súa competitividade?
Hai que saber adaptarse aos tempos e si é verdade que aqueles que teñen unhas granxas máis antigas polo menos deben axustarse a unhas medidas de bioseguridad imprescindibles na produción actual de polos. Se cadra, estes produtores poden reorientar a súa produción cara a outras producións como as de pavo, pularda ou perdiz. Non sempre a opción de polos segue sendo a máis viable para eles.

“Os produtores de granxas antigas poden contemplar reorientar a súa produción para o engorde de pavos, pularda, perdiz ou mesmo dedicalas ó porcino”

Creo que esas granxas son moi aproveitables para facer unha produción para un engorde dun polo máis especial e diferente xa que boa parte delas son granxas de 20.000 polos que xa non son rendibles. Mesmo se pode contemplar cambiar totalmente de sector e aproveitar as instalacións para o cebo de porcino.

Eses produtores teñen que valorar que lles pode ser rendible e antes de materializar o cambio deben asegurarse de que van contar cun matadoiro que asuma a súa produción, xa que é un factor clave e estamos a ver que algunhas das granxas que quedan baleiras son as que están máis afastadas aos matadoiros.

Hai moitos produtores que optasen por estes cambios?
Houbo un crecemento importante. Nos últimos anos rexistráronse xa 1.600 granxas que estaban centradas na produción de pito e cambiáronse ao pavo. Tamén se incrementou a demanda, xa que ata hai pouco o consumo de pavo en España era moi baixo e agora, do mesmo xeito que no resto de Europa, está a incrementarse.

Un dos problemas que denuncian desde hai anos os produtores é a indefensión fronte ás integradoras, en que aspectos débese incidir para mellorar esta relación?
É unha relación na que debe haber un contrato no que sempre quede claro os engordes que se van a realizar e garantir que se cumpren as obrigacións por cada unha das partes.

Desde Unións Agrarias reclamaban unha normativa específica que regule esta relación, cre que sería a clave para mellorar esta relación?
Sempre que tentamos unha regulación específica temos topado de cheo co Tribunal de Defensa da Competencia que non o admite. O que creo que si funcionaría é fixar os dereitos e obrigacións que ten cada unha das partes e que pode mellorar a situación e as reclamacións de integradores e integrados.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información