Lixeira suba do gando de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou hoxe unha suba dos prezos da recría. A tendencia no vacún maior e nos becerros carniceiros de cruces industriais foi á baixa. Tamén baixa o porco cebado mentres os leitóns e o coello se manteñen sen cambios e soben os ovos

Lixeira suba do gando de recría en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha lixeira suba nos prezos da recría. Tamén houbo subas nos becerros carniceiros frisóns, mentres que os de cruces industriais baixaron ó igual co vacún maior. Nas mesas de cotización decidiuse unha baixada do porco cebado, mentres os leitóns se manteñen e soben os ovos.

No referido ó gando de recría, a tendencia foi á alza en boa parte das categorías, tanto nos becerros frisóns, como nos de cruces industriais. Nos becerros de raza Frisoa nos animais máis novos a suba foi de 7 euros e o prezo situouse nos 75 euros. A única baixada nos frisóns veu na sección de entre 20 e 50 días, cunha redución de 2 euros con respecto da semana pasada ata os 93 euros. A suba máis importante produciuse nos becerros de máis de 50 días, cun incremento de 17 euros ata acadar os 114 euros de media.

Na recría de cruces industrias a única baixada rexistrouse nos animais máis novos, nos de menos de 20 días, que pasaron a cotizarse a 276 euros, 24 menos que na feira anterior. Mentres, nos becerros de entre 20 e 50 días houbo un incremento de 13 euros ata acadar os 311 euros. Tamén subiron os tenreiros de máis de 50 días que se cotizaron a 388 euros, 6 euros máis que hai unha semana.

Nos becerros carniceiros, os animais de raza Frisoa experimentaron unha suba tanto nos machos (52 euros), que acadaron os 549 euros; como nas femias (50 euros), que se situaron nos 367 euros. No caso dos becerros de cruce industrial houbo unha baixada e os prezos quedaron nos 818 euros nos machos, 40 euros menos; e as femias cotizáronse a 758 euros, 90 por debaixo do acadado a semana anterior.

O gando vacún experimentou unha baixada nesta sesión nas categorías máis baixas. Así, mentres a sección de vacas de primeira acadou os 1.079 euros, logo dunha suba de 18 euros, nas de segunda o prezo baixou en 14 euros ata os 701 euros. As vacas de desvelle tamén rexistraron unha baixada, neste caso de 20 euros, para situarse nos 445 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-08_10_2019-Vacuno-

Baixada no porcino e suba nos ovos

Nesta xornada, as mesas de cotizacións do porcino acordaron unha nova baixada do porco cebado que foi dos 0,01 ós 0,013 euros por quilo dependendo da categoría. No caso do porco cebado selecto e normal a baixada foi de 0,01 euros e o prezo quedou en 1,475 e 1,450 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II foi a que rexistrou unha maior baixada, de 0,013 euros e pasa a cotizarse a 1,883 euros o quilo. Nos animais de desvelle mantívose o prezo entre os 0,73 e os 0,79 euros.

Nos leitóns non houbo cambios esta semana. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa mantense en 58 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 53 euros. O prezo por quilo é de 2,9 e 2,65 euros respectivamente.

En canto ós ovos houbo unha suba en boa parte das categorías. Os únicos ovos que se mantiveron sen variación foron os da XL que continúan en 1,43 euros a ducia. Mentres, nos ovos da categoría L houbo un incremento de 0,02 euros e pasan a pagarse a 1,27 euros a ducia. Nos da M, a suba foi de 0,03 euros e acadan os 1,13 euros. Na S, a ducia cotízase a 0,92 euro logo dun incremento de 0,02 euros. Tamén houbo variacións esta semana no prezo da galiña de desvelle, cunha baixada de 0,02 euros polo que pasa a situarse nun intervalo de 0,08 e 0,16 euros o quilo.

E no relativo ó prezo do coello non houbo variacións na Lonxa de Madrid e o quilo mantense en 2,30 euros.

Central-Agropecuaria-08_10_2019-Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información