Leve suba dos becerros frisóns de recría en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado e a dos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 21 de marzo

Leve suba dos becerros frisóns de recría en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia Abanca caracterizáronse pola lixeira suba nos prezos dos becerros de recría de raza Frisona e pola baixada nos de Cruce. O prezo medio do vacún maior subiu. Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado e a dos ovos e manter a dos leitóns. O coello mantense sen cambios na Lonxa de Madrid.

En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes tenderon a unha pequena suba, aínda que con excepcións. Así, na de menos de 20 días, a cotización media baixou ata os 117 euros, fronte aos 143 da pasada semana. Sen embargo, na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media subiu a 145 euros por xato, catro máis que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos baixaron ata unha media de 170 euros, fronte aos 179 da semana anterior.

En canto aos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos esta semana foron á baixa, aínda que tamén con excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias subiron nos machos ata os 319 euros, fronte aos 284 da pasada semana. Porén, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou, quedando nos 334 euros de media, dezaseis menos que o pasado martes. Nas femias o prezo medio quedou estable nos 232 euros, igual que na anterior poxa. Nos xatos de máis de 51 días o prezo medio subiu claramente ata os 504 euros, fronte aos 439 euros de media da pasada semana.

No vacún maior a tendencia xeral foi á alza. Deste xeito, quedaron en 1.045 euros de media en categoría primeira, 743 en segunda -a máis numerosa- e 470 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.132, 713 e 455 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

Silleda_vacun_5_3_17

Suba dos ovos e e sen cambios no coello

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis subir as cotizacións: un 0,01% na XL ata os 1,40 euros a ducia; un 0,02% na L , ata os 1,26 euros; mentres que a M subiu un 0,04%, quedando a ducia nos 1,19 euros e a S revalorizouse un 0,03% ata acadar os 0,99 euros.

Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana: 1,70 euros o quilo.

Suba do porco cebado e sen cambios nos leitóns

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana subir de novo as cotizacións. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións subiron un 0,01%, acadando os 1,295 e 1,270 euros por quilo, respectivamente; a Canle II subiu un 0,013% ata os 1,649 euros por quilo. O desvelle mantivo as cotizacións sen cambios, nun intervalo de prezos de entre 0,84 e 0,90 euros o quilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións mantivéronse sen cambios nos 1,570 euros o quilo. No resto de países da Unión Europea a tendencia foi tamén á estabilidade ou a unha pequena suba.

En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións da pasada semana nos 57 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 62 euros para os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

Silleda_porcino_5_3_17

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información