Leve recuperación dos prezos da recría e o vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia experimentou hoxe unha lixeira suba dos becerros de recría e do gando vacún maior e houbo baixadas nos tenreiros carniceiros. Mantivéronse os prezos dos porcos cebados, os leitóns e os ovos

Leve recuperación dos prezos da recría e o vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou na xornada de hoxe unha leve recuperación dos prezos dos becerros de recría, tanto dos animais de raza frisoa como dos de cruces industriais. Tamén se apreciou unha subida no gando de vacún maior. Mentres, o prezo dos becerros carniceiros experimentou unha baixada nesta feira. En canto ás mesas de cotizacións, acordaron manter o prezo do porcino, en case tódalas categorías, e o dos leitóns. Tampouco houbo cambios nos ovos.

Nesta xornada contabilizouse unha menor afluencia de gando de recría, pasando dos 773 que se rexistraran a semana pasada a 549 becerros. No referido ós prezos, houbo subidas en case tódalas categorías. No caso dos becerros de raza frisoa, os animais de menos de 20 día acadaron os 74 euros de media, logo dun incremento de 14 euros. Nesta sesión non houbo femias desta categoría.

Mentres, os tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, foi unha das seccións nas que os prezos baixaron, neste caso 3 euros, ata situarse nos 93 euros. Nas femias a baixada foi máis acusada, 18 euros, para fixarse un prezo medio de 64 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos cotizáronse a 138 euros de media, 25 máis que a semana anterior pero nas femias o prezo caeu dos 122 euros ata os 39 euros.

No caso dos becerros de cruces industriais, os tenreiros de menos de 20 días experimentaron unha baixada de 33 euros ata situarse nos 180 euros de media. As becerras desta sección acadaron os 148 euros logo dunha subida de 4 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 7 euros ata os 289 euros mentres nas femias o prezo quedou en 193 euros, 1 euros menos ca hai unha semana. Na sección de máis idade, os becerros de máis de 50 días tamén se rexistrou unha suba, no caso dos machos foi de 8 euros, para acadar os 400 euros de media, e nas femias incrementouse 1 euro ata os 266 euros.

En canto ós becerros carniceiros, nesta xornada houbo unha baixada dos prezos. No caso dos frisóns, os machos cotizáronse a 376 euros, 136 menos que a semana anterior, e nas femias, o único exemplar adxudicado rexistrou un prezo de 335 euros, 66 menos que a media da feira pasada. Nos de becerros de cruce, os machos baixaron 120 euros, ata situarse nos 797 euros, e as femias experimentaron unha redución de 50 euros, ata os 760 euros de media.

O gando de vacún maior tamén rexistrou unha subida na maioría das categorías. Así, as vacas de primeira pagáronse a 1.128 euros, 46 euros máis, e as de segunda a 715 euros, logo dun incremento de 12 euros. Porén, nas vacas de desvelle houbo unha baixada de 14 euros para situarse nos 425 euros de media.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-6_08_2019-

Estabilízase o prezo dos leitóns

En canto ó porcino, a mesa de cotización decidiu manter case sen variacións o prezo do porco cebado, a excepción da categoría de desvelle onde se rexistrou unha leve suba. Así, o selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo. Nos animais de desvelle, logo dun incremento de 0,010 euros, o prezo queda entre os 0,69 e os 0,75 euros o quilo.

No caso dos leitóns, logo de varias semanas á baixa, estabilízase o prezo e mantense sen cambios con respecto á feira pasada. O bacoriño de 20 quilos está nos 54 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 49 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 2,7 e 2,45 euros respectivamente.

Nesta sesión non houbo variacións no prezo dos ovos e os de categoría XL mantéñense a 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Tampouco variou o prezo da galiña de desvelle que queda nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

En canto ó prezo do coello continúa sen cambios e cotízase a 1,85 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Porcino-6_08_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información