Leccións para o sector gandeiro do programa de Salvados sobre o sector porcino

Analizamos coa axuda de varios expertos en comunicación os erros que cometeu o sector gandeiro no programa de Jordi Évole 'Stranger pigs', que causou un importante impacto negativo na sociedade española.

Leccións para o sector gandeiro do programa de Salvados sobre o sector porcino

O documental “Stranger pigs” do programa de Jordi Évole “Salvados” causou un importante impacto na sociedade española, ao revelar as supostas condicións nas que se crían os porcos nas granxas en intensivo, así como o trato que reciben os traballadores da industria cárnica.

Cunha campaña de difusión previa impactante e sensacionalista, -”Porcos coméndose entre eles: as imaxes de canibalismo que mostran as crueis prácticas dunha granxa”, advertía o anuncio previo- o programa da Sexta foi un dos máis vistos da noite do pasado domingo, cun 12,8% de audiencia. O resultado foi un evidente impacto negativo sobre o sector porcino español, un sector que experimentou un boom nos últimos anos cunha cifra de negocio de 15.000 millóns de euros en 2017, e superando os 5.000 millóns en exportación.

Analizamos a continuación coa axuda de varios expertos os fallos en comunicación que se produciron por parte do sector porcino neste programa, e que se poden estender a outras situacións de crises no sector gandeiro.

-O sector gandeiro ten que armarse de argumentos de forza.

César Resch Zafra é vocal da asociación Terra e Leite, investigador do CIAM-INGACAL e director do primeiro grupo focal da Comisión Europea para o futuro do sector lácteo. O seu contacto con representantes do sector gandeiro de toda Europa permítelle advertir que “o sector gandeiro ten que armarse dun discurso potente, que inclúa os seus efectos positivos na sociedade e no medio ambiente, para defenderse ante unhas posicións animalistas que van a máis”.

“En Francia é un tema que preocupa ao sector gandeiro e van varios pasos por diante de Galicia ou de España en canto a facer pedagoxía na sociedade e dotarse de bos argumentos, incidindo en prácticas de responsabilidade social e ambiental, así como de benestar animal”, asegura.

Neste sentido, César Resch asegura que unha das principais causas do auxe de posturas animalistas e vexetarianas “é, tal como explica o filósofo Francis Wolff, que as novas xeracións urbanas están cada vez máis afastadas da agricultura e da gandaría e a única relación que teñen co mundo animal é a través dos animais de compañía, equiparando por tanto animais de abasto e animais salvaxes a mascotas”.

“É un discurso típico de sociedades opulentas nas que poder alimentarse deixou de ser un problema. Estes discursos animalistas non cuestionan que se castren gatos, os concursos de mascotas ou porlle un abrigo a un can, algo que si que é antinatural, pero pola contra si critican a doma e cría de animais para consumo humano, algo que o home leva facendo de forma natural desde fai miles de anos e que nos permitiu ter a esperanza de vida que temos”, subliña.

-”Foi un un gran erro que El Pozo ou a patronal do sector non saísen no programa a defender a súa postura”

Outro erro de vulto cometido por parte do sector gandeiro é non saír a defender a súa postura no programa “Salvados” de La Sexta. Así o confirman destacados expertos en xestión da comunicación en situacións de crises. E é que ata tres veces tentou sen éxito Jordi Évole que El Pozo ou un representante da patronal do sector dese a súa versión dos feitos que se denuncian na granxa de Murcia.

“O primeiro fallo por parte do sector é non adiantarse á situación e non preparar un argumentario de defensa para cando isto ocorrese. Se existe un programa como Salvados e hai colectivos animalistas activos cuxo leit motiv é atacar ao sector é evidente que isto tarde ou cedo ía ocorrer e había que estar preparados para reaccionar de forma inmediata e efectiva”, asegura Fran Rosillo, experto en comunicación en situacións de crises a través da súa consultoría crisiscommresponse.com

“Pero tamén é evidente que antes é necesario ter a casa limpa en canto ao que é cumprir a normativa en sanidade e benestar animal”, subliña.

“Se o sector gandeiro non sae a defender a súa postura en programas como este vai quedar moi mal”

Un segundo erro que detecta Fran Rosillo por parte do sector en “Stranger Pigs” é que “non saia ningún representante de El Pozo ou da patronal sectorial a defender a súa postura”. “É imprescindible aparecer, sempre vai ser mellor, porque do contrario o espectador interpreta que se acepta a culpabilidade que se lle atribúe”, explica.

E é que, segundo advirte este experto “hoxe en día ter unha política de comunicación aberta é unha obriga, non unha opción, porque se non saes nunha situación de crise como esta, coas redes sociais vas quedar moi mal”.

-É necesaria unha maior transparencia informativa: “Dicir a verdade antes do escándalo pode evitalo”

“Dicir a verdade antes do escándalo pode evitalo”, asegura José Sixto Garcia, director de Instituto de Medios Sociales e profesor asociado de Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela.

Para este experto en comunicación “El Pozo ofreceu a súa visión oficial a través dun comunicado que foi segmentando nas redes sociais conforme a polémica ía gañando viralidade, pero botáronse en falta outros recursos, máis aló das declaracións, que, no caso de poder facelo, desmerecesen a visión da reportaxe e contribuísen á política de transparencia”.

Así, bota en falta que o comunicado fose acompañado de imaxes que mostrasen o desenvolvemento cotián das granxas e que, coñecendo que o programa se ía a emitir, deberían estar preparadas de antemán. Igualmente considera necesario un material audiovisual que testemuñase que esa zona de recuperación na granxa si existe, pero que é un espazo dedicado a saneamento e mostrar claramente que sucede con eses animais enfermos.

“As crises só se minguan coa verdade, ocultala só as incrementa”

En canto aos miles de comentarios que xerou “Stanger Pigs” nas redes sociais, José Sixto considera que “os comentarios positivos teñen que agradecerse e os negativos rebaterse con datos obxectivos que os desacrediten, mentres que os neutrais han de aproveitarse para ofrecer unha visión máis favorable da organización e transformalos en positivos”.

“As crises só se minguan coa verdade, ocultala só as incrementa, moito máis se se acaba coñecendo por outras vías. Unha boa xestión da crise podería provocar que quen a padecese fose o programa”, conclúe.

Que hai de certo nas imaxes da granxa de porcino?

Bacoriños nunha granxa.

Bacoriños nunha granxa.

O momento de máxima expectación do programa de Salvados foi cando Jordi Évole, guiado por membros da colectivo Igualdad Animal entran nunha granxa de porcino de Murcia, provedora de El Pozo.

As frases coas que La Sexta presenta o programa son inquietantes: “Porcos coméndose entre eles: as imaxes de canibalismo que mostran as crueis prácticas dunha granxa. As arrepiantes imaxes dunha granxa con porcos cheos de úlceras e malformacións. Parecen monstros”.

Que hai de certo en todo isto? Abelardo López Ramos é presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor). Critica a desinformación de Jordi Évole e o seu equipo e aclara a situación: “En todas as granxas hai unha enfermaría ou lazareto onde obrigatoriamente levan os porcos que teñen algún tipo de enfermidade, para que se recuperen sen ser molestados polos animais sans e proporcionándolles auga e comida”.

Que enfermidades teñen os porcos de Salvados?

En canto aos vultos que aparecen nas imaxes, Abelardo López explica que “nuns casos trátase de hernias inguinais e abdominais, que non se operan porque se poría en risco a vida do porco, e que non teñen ningún efecto contaxioso. Noutros casos, había porcos con problemas de artrose nas patas”.

Destínanse a consumo humano estes animais?

“Aínda que non suporían ningún problema sanitario, pois os animais serían aptos para consumo posto que presentan só un problema muscular ou esquelético, os matadoiros rexeitan todo animal que non sexa capaz de entrar polo seu propio pé no matadoiro e que non estea en condicións saudables, procedendo ao seu comiso total ou parcial”, explica.

Nestes casos, ou se o porco morre na granxa, pasaría a ser xestionado por unha empresa de residuos especializada, conforme establece a lei.

É normal que haxa canibalismo entre os porcos?

“Os porcos son animais omnívoros e, aínda que teñan penso, é natural que poidan comer a outro animal morto, empezando por chuchar as feridas e morder as orellas ou o rabo”, explica o presidente de Agavepor.

En todo caso, matiza que “o normal é que se un animal non ten posibilidade de recuperación sexa sacrificado e retirado previamente para evitar estes casos”. Porén, advirte de que “se o falecemento prodúcese durante a noite, cando non hai persoal na granxa, pódese explicar que se dea algún caso destes”.

Véndese carne de porco con antibióticos en España?

O programa de Jordi Évole insinúa que a carne de porco que se consome leva antibióticos e hormonas. Aínda que é certo que España é o país europeo que máis antibióticos utiliza en gando porcino e que o sector está a aplicar un plan para reducir o seu uso, esta afirmación non é certa porque de producirse sería un delito penal.

“Toda a carne que se vende en España non leva antibióticos porque os gandeiros respectan os períodos de supresión cando teñen que utilizalos e porque, a través das análiticas que se realizan por lei, os matadoiros detectarían a súa presenza”, aclara Abelardo López.

“Ninguén xoga con isto porque se trata dun delito penal contra a saúde pública. Ademais, se o sector porcino español logrou ser líder en Europa é grazas a unha crecente mellora en benestar animal e ao cumprimento da lexislación”, conclúe o presidente de Agavepor.

 

image_print

2 ideas sobre “Leccións para o sector gandeiro do programa de Salvados sobre o sector porcino

  1. Luis de Lugo

    La Sexta, esa cadea sensacionalista, en fin … xa sabemos de que pé coxea.
    “La Sexta y Jordi Evolé se adentran en la industria cárnica de España”, e ensinan unha soa granxa como exemplo, curiosamente a peor que hai.
    Está claro que haberá explotacións onde as cousas non se fan ben, pero son as menos, e digoo dende o coñecemento do sector, pero o que vende é a polemica, a noticia impactante, as “medias verdades”
    E o que se diga nas redes, para min pouca validez ten, primeiro que se actúa dende o anonimato e segundo que hai vida fora de twiter e facebook.

    Contestar
  2. Galaico

    Pois a min nunca se me ocorrería mercar leite ou carne que non sexa de pequenos produtores galegos ou en xeral do norte do Estado. Non coñezo o sector da carne pero quen beba leite que non sexa 100% galego non sabe moi ben que está a beber.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información