Investigadores do Campus Terra avanzan na eliminación de micotoxinas en pensos compostos co emprego de nanopartículas

O catedrático Luis M. Botana atribúe o aumento da presenza de toxinas en cereais ao cambio climático, que “sobre todo é un problema de seguridade alimentaria”

Investigadores do Campus Terra avanzan na eliminación de micotoxinas en pensos compostos co emprego de nanopartículas

A detección de micotoxinas nos pensos é unha preocupación para o sector gandeiro

A eliminación de micotoxinas en pensos compostos destinados á alimentación animal centra unha das liñas de traballo nas que está a pescudar o grupo de investigación “GI 1682 Toxinas Mariñas: Mecanismos de transdución, usos terapéuticos e métodos de detección (Farmatox)”, un equipo con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo e coordinado polo catedrático da área de Farmacoloxía da Universidade de Santiago, Luis M. Botana.

As pescudas que está a realizar o grupo Farmatox da USC neste eido desenvólvense no marco dun proxecto do programa Interconecta, no que tamén está implicada a multinacional francesa de solucións nutricionais Evialis. A spin-off da USC Cifga, con sede en Lugo, e o grupo de Física da USC liderado polo catedrático de Electromagnetismo da USC José Rivas Rey son outros dos axentes implicados neste proxecto de investigación, no que se están a empregar nanopartículas para suprimir as micotoxinas dos pensos, segundo indica Luis M. Botana.

“A presenza toxinas nos cereais está a aumentar co cambio climático”

“A presenza toxinas nos cereais está a aumentar co cambio climático, que, sobre todo, é un problema de seguridade alimentaria”, afirma Botana. “Daquela, como as cantidades de penso que se manexan para a alimentación animal son tan altas, na práctica resulta imposible controlar a su presenza”, relata. Este investigador sinala asemade que os animais alimentados con pensos que conteñen micotoxinas son proclives a manifestar problemas de reprodución graves, sobre todo no caso de gando porcino e vacún, así como nos coellos. A inxesta destes pensos compostos que conteñen micotoxinas provoca abortos e constitúe un problema económico importante, xa que ten difícil solución se non se conseguen erradicar as toxinas, afirma.

O estudo de métodos acaídos para suprimir as toxinas da materia prima orixinal centra as primeiras pescudas que están a realizar ao abeiro deste proxecto de investigación desde hai un par de meses. “De feito, Cifga traballa na obtención de patróns de micotoxina de cereais para logo proceder á súa certificación e posterior venda, pois o mercado das micotoxinas é moi grande”, di Luis M. Botana.

“As grandes multinacionais que venden cereais para nenos están sometidas a un férreo sistema de control, pois trátase dun problema global que vai a peor coa crecente incidencia do cambio climático”, explica este investigador, ao tempo que incide no feito de que as micotoxinas proliferan solas naquelas áreas húmidas e con calor.

Moitas destas toxinas non están lexisladas e a súa presenza non é coñecida

Respecto dos procedementos que se están a seguir no desenvolvemento deste proxecto de investigación, Luis Miguel Botana comentou que “o grupo da profesora da USC María Jesús Sáenz é o que se ocupa de identificar os fungos, nós vemos que toxinas producen, Física achéganos nanopartículas e Evialis fainos chegar as fariñas problemáticas”. Este proceso posibilita ter unha visión en conxunto de cómo funciona o sistema, sinala o catedrático de Farmacoloxía da USC, quen sostén que “incluso o leite, o pan, os pistachos e todos os cereais son susceptibles de conter micotoxinas, moitas das que provocan cancro”, afirma.

“As toxinas mariñas mátante mentres comes, pero estas, sen embargo, teñen un camiño de máis longo percorrido”, explica este investigador, ao tempo que aclara que moitas destas toxinas non están lexisladas e a súa presenza non é coñecida. “De feito, nos alimentos ecolóxicos, que non son tratados con pesticidas pero que non son moito mellor que os demais alimentos, os fungos crecen solos e ninguén controla a súa presenza”, advirte. “A supresión de pesticidas favorece o crecemento das micotoxinas”, explica Botana, que defende a súa eliminación antes de se cheguen a detectar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información