Pradeira establecida en terreo de monte no entorno do Pedregal de Irimia-Serra de Meira- a 800 metros de altitude_SGPF

Implantación e mantemento de pradeiras en zonas abandonadas (I): preparación do terreo

Un artigo de Eloi Villada Legaspi, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF)

As condicións climáticas de Galicia, aínda que variables, permiten implantar pradeiras practicamente en calquera lugar da nosa xeografía, basta con empregar técnicas axeitadas ás características climáticas ou de solos das diferentes localidades. Na actualidade arredor dun 40% do territorio galego, o que noutros tempos foran terras de pasto ou de cultivo, está abandonado a matogueira ou forestal espontáneo.

Estes espazos pódense recuperar para implantar pradeiras ou pastos de calidade. Convén salientar que parte da superficie galega, considerada como forestal, realmente é unha gran superficie de terra abandonada, mesmo parcelas con cultivo intensivo de eucalipto e de piñeiro, que deberían recuperarse para a produción forraxeira e así aliviar as necesidades de terra que sofren as explotacións gandeiras.

 “A herba pacida ou fresca é o alimento máis barato para as vacas”

A recuperación das terras abandonadas tamén é compatible coa agroforestria, o que permitiría consolidar unha produción forestal de mellor calidade, alén de melloras paisaxísticas e agroambientais. Recuperar gradualmente máis superficie para producir herba, garantiría manter a produción agrogandeira galega, reducir a terra abandonada, a biomasa combustible e os incendios.

A extensión das áreas de pastoreo permitiría reducir os gastos de extinción de lumes forestais. O balance de secuestro de carbono sería positivo e a actividade económica no rural galego melloraría. Acéptase universalmente que a herba pacida ou fresca é o alimento máis barato para os ruminantes.

Posibilidades de actuación:

Existen diversas posibilidades de actuación para recuperar os terreos cubertos de mato. Por unha parte, o laboreo completo, que incluiría o desmatado (desbrozado), o descepado no caso de plantacións arbóreas, laboreo con maquinaria pesada, encalado, adubado, sementeira e compactado co rolo.

Outra opción sería o mínimo laboreo, un sistema que se adoita empregar en terreos nos que as características orográficas, como pendente, espesor do solo, pedregosidade, etc… son menos favorables. Incluiría desmatado ou queima controlada autorizada, laboreo superficial, encalado, adubado, sementeira e rolado.

Por último, a recuperación sen laboreo debe quedar reducida ás zonas mais difíciles e implicaría, queima controlada, sementeira sobre o remol da cinza, encalado e adubado, nas partes da parcela nas que fora posible. A queima pode ser substituída pola presión de pastoreo con animais lignívoros (cabrún, equino) ou mediante a alimentación in situ de bovinos con silo e feno.

En función da natureza das parcelas ou áreas a mellorar, tamén se pode aplicar unha combinación dos diferentes sistemas de recuperación.

Diferentes técnicas para a implantación e mantemento de pradeiras

O desmatado:
A altura do mato a reducir é o que vai determinar as características do labor e da maquinaria que compre empregar: con mato de altura media e de arbustos pouco leñosos, a desbrozadora de cadeas debe ser suficiente. Cando o mato é alto con troncos de xesta, ou de árbores novas xa de certo tamaño, precísanse desbrozadoras especiais accionadas por tactores de gran potencia. Os restos do desmatado débense incorporar aos solos cos labores posteriores.

O descepado:

Traballos de recuperación dos tocosns dun piñeiral recuperado para pradeira en A Pastoriza. Autor: SGFP

Traballos de recuperación dos tocóns dun piñeiral recuperado para pradeira na Pastoriza. Autor: SGFP

Logo dunha corta de madeira, piñeiros, eucaliptos e outros, é preciso arrincar as cepas con maquinaria pesada e amontoalas en cordóns, para queima posterior ou trituración para biomasa. Tamén é posible usar a desbrozadora a ras do chao, para moer a parte superficial dos tocóns, especialmente cando non se quere levantar pedras e penedos en terreos difíciles. Logo destes labores a terra queda bastante ben traballada e será necesario igualar o terreo con pala ou motoniveladora e algún pase posterior de grade lixeira.

A queima controlada:
Foi o primeiro sistema de laboreo que empregou a humanidade e aínda se practica en diversas partes do mundo. En xeral, considerase pouco recomendable. Sen embargo as queimas controladas, debidamente autorizadas, poden usarse con carácter restritivo, en zonas nas que a maquinaria ten difícil acceso. Debe empregarse, de preferencia, cando o que se pretende facer é unha mellora lenta e con posterior presión de pastoreo. É un sistema de baixo custe, pero de aplicación delicada.

O laboreo completo:
Adoita empregarse para a recuperación de terreos que foron cavados e cultivados e que na actualidade están abandonados (searas cubertas de mato, pasteiros embastecidos..etc) pero que reúnen condicións aceptables en canto a pendente, pedregosidade e profundidade de solo.

Consiste no labor fondo de arado ou pases de grade pesada de discos e posteriores pases de grade lixeira e rolo para igualar o terreo e facilitar o laboreo de cara a recoller a herba seca ou ensilar.

O mínimo laboreo:
Emprégase cando os terreos teñen límites para o traballo da maquinaria, tales como pedra en superficie e pendentes importantes. Preténdese abrir o solo o suficiente para que as sementes poidan entrar en contacto coa terra e ficar lixeiramente cubertas por esta. O encalado e adubado xeralmente pode facerse de xeito tradicional, pero ás veces é preciso facelo a distancia lanzándoo desde as zonas accesibles. En países como Nova Zelanda nas zonas de montaña faise con avións. Pode ser aconsellable que nunha mesma parcela, polas dificultades que presenta o terreo, se empreguen diferentes tratamentos.

O encalado:
A maioría dos solos de Galicia son pobres en calcio, ácidos, con moito aluminio libre, que é tóxico para as plantas. Mesmo nas áreas calizas (zonas montañosas de Lugo e nordeste de Ourense) os horizontes superiores do solo, por mor da chuvia soen estar lavados e tamén pode ser necesario encalar.

descepado dun piñeiral para implantar pradeira. Autor. SGPF

descepado dun piñeiral para implantar pradeira. Autor. SGPF

Como norma xeral recoméndase o emprego de 2000 a 3000 kg/ha. de calizas moidas (carbonato cálcico). No caso de empregar cal apagada (hidróxido de cal) ou produtos encalantes derivados das algas mariñas, a dose recomendable sería aproximadamente a metade de 1000 a 1500 kg/ha.

Convén que sexan enriquecidas en magnesio. Con posterioridade, débense encalar periodicamente as leiras de tal xeito que o pH vaia aumentado paseniñamente. Non ten sentido facer grandes achegas de cal dunha única vez, como se recomendaba nos anos 60 e 70 do século pasado, pois é economicamente moi custoso e os beneficios dende o punto de vista agronómico son escasos ou mesmo contraproducentes.

O adubado:
Os terreos abandonados, en xeral son pobres en fósforo (P) e moi variables no contido en potasio (K). Restaurar a fertilidade é imprescindible de cara á implantación de calquera tipo de pradeiras. En determinados casos tamén poden existir carencias de determinados microelementos (Mn, Mb, S, etc…).

Como adubado de fondo en terreos de monte, considerase que a distribución de 400-600 kg/ha dun adubo complexo do tipo do 8-24-16 ou similar é suficiente para lograr a correcta implantación da pradeira. En situacións máis complexas pódense empregar superfosfatos de cal, nas súas diversas formulacións e cloruro ou sulfato de potasa (moitos solos galegos xa son ricos en potasio de forma natural).

No caso da produción ecolóxica só se permiten os adubos orgánicos ou os procedentes das rochas moídas, fosfóricas ou potásicas (estas son insolubles de forma natural). Alén diso, existen preparacións específicas para a produción ecolóxica.

Uso de abonos orgánicos e lodos de depuradoras

O adubado tamén se pode realizar con aportes orgánicos (xurros e estercos), aínda que xeralmente non están dispoñibles en cantidades suficientes na propia explotación, no caso de que na zona existan granxas intensivas de aves ou de porcino, os xurros e estercos que producen, son un bo fertilizante, mais poden ter o inconveniente do custo do transporte. Os lodos de depuradora teñen un alto valor fertilizante, son baratos, pero é preciso ter autorización para a súa aplicación e non está permitido o seu uso cando se pretende percibir as axudas relativas ao clima e ao medio ambiente.