“Hai que asumir que temos que convivir co lobo e que vai dar problemas”

Luis Llaneza, o biólogo que realizou o último censo da especie en Galicia, defende a necesidade de que gandeiros e conservacionistas eviten a polarización das súas posturas sobre o lobo para buscar un entendemento

“Hai que asumir que temos que convivir co lobo e que vai dar problemas”

Luis Llaneza, nunha charla do grupo O Xan en Muras (Lugo). / Imaxe: O Xan.

O biólogo Luis Llaneza leva máis de dúas décadas estudiando o lobo en Galicia. Do seu equipo de traballo é o último censo do lobo na comunidade, que estima que hai arredor de 90 mandas repartidas case por todo o territorio e que representan arredor de 700-800 exemplares.

De xeito paralelo o seu traballo científico, Llaneza participa no grupo O Xan, unha iniciativa que implicou a colectivos tan diversos como cazadores, gandeiros, ecoloxistas e investigadores cun propósito común: dialogar sobre o lobo para reducir a conflictividade. Este venres teñen unha nova xornada de traballo en Piornedo (Cervantes, Lugo).

Como valora a situación de conflictividade que se vive co lobo?
– A conflictividade social na zona noroeste é importante. Estou notando nos últimos anos que cada vez é máis patente. Esa conflictividade social sempre a houbo, tanto pola competencia que supón o lobo polas especies cinexéticas para os cazadores como, sobre todo, polos danos sobre a gandería. É un conflicto que debe entenderse de xeito normal, xa que o gando é o xeito de vida de moita xente. O ser humano inventou o pastoreo para defender o gando dos grandes carnívoros e desde o Neolítico perseguimos e arrasamos os grandes carnívoros en moitas partes do mundo. En España, o lobo tamén estivo moi preto da extinción.

Na actualidade, as poboacións de lobo levan anos en expansión, volvendo a territorios nos que desapareceran. Pode ser este un motivo do aumento da conflictividade?
– É certo que o lobo está recuperando áreas de distribución, como pode ser en España o País Vasco ou sur de Castilla y León, parte de Castilla – La Mancha (Guadalajara) e Madrid, e cando o lobo volve a un territorio vai causar danos e xerar conflicto. Tamén hai áreas de tradicional presenza da especie, como pode ser Picos de Europa, en Asturias, onde existe un conflicto alto. En Galicia, cun alto número de lobos, hai unha maior paz social, aínda que tamén existen problemas.

“Co lobo entran en xogo os sentementos e cada vez polarízanse máis as posicións. É necesario poñerse no lugar do outro”

En relación á conflictividade que xera o lobo, a cuestión é que estamos no século XXI e desde hai décadas temos unha demanda social clara de conservación da especie. Por tanto, hai que asumir que teremos que convivir cos grandes carnívoros.

Que elementos considera claves para reducir a conflictividade social?
– Desde o punto de vista da bioloxía, cada vez sabemos máis do lobo, pero no aspecto social temos que traballar moito. A clave é que co lobo entran en xogo sentementos e actitudes. Cando a unha persoa lle gustan os lobos, é lóxico que queira que non se maten. Se matan a un lobo, dóelle. Pero se a un gandeiro o lobo lle está matando ovellas, pensa que é necesario un control da especie. ‘Que é iso de protexer ó lobo?’, pensará.

Cre que hai posibilidades de entendemento entre conservacionistas e gandeiros?
– Cada vez polarízanse máis as posicións e teño a impresión de que custa traballo entenderse. É necesario poñerse no lugar da outra parte e partir dunha base común, a de que hai que ter confianza nos datos e censos que aportamos desde a ciencia,. Está o lobo en expansión desde os anos 80? Si, ninguén pode dicir o contrario. Está causando danos na gandería? Por suposto. Agora ben, é o lobo a causa do declive da gandería de montaña? Claramente non e non debe ser o chivo expiatorio.

“É o lobo a causa do declive da gandería de montaña? Claramente non e non debe servir de chivo expiatorio”

Hai que convivir cos grandes carnívoros e van xurdir problemas, polo que o mellor é sentarse a falar e avanzar en positivo. Carecemos de variñas máxicas para afrontar o conflicto, non hai solucións da noite á mañá.

Desde o grupo O Xan, no que participades, faise énfase na promoción de medidas preventivas para reducir os danos na gandería. Son un elemento clave para minimizar a conflictividade?
– Os métodos de prevención son a liña a seguir nas zonas con problemas de danos, pero hai que ter claro que non van evitar o 100% dos danos. O que si sabemos é que reducen a gravidade das perdas. Se un rabaño de ovellas está vixilado por cans, o lobo poderá matar unha ou dúas, pero non todo o rabaño.

En situacións de danos reiterados, a caza do lobo pódese autorizar en Galicia, se ben non é un recurso moi empregado. Cres que os controis por danos poden reducir os problemas?
– Hai un debate, non só social, senón tamén científico, sobre esta cuestión. Cal é o efecto dos controis sobre os danos que causan os lobos na gandería? Pois hai estudos incluso contradictorios. Probablemente necesitemos información de máis calidade. Non hai unha relación contrastada entre controis e reducción ou aumento de danos declarados,. Hai que ser prudentes e cautos.

“Non hai unha relación contrastada entre controis do lobo e reducción ou aumento de danos. Hai que ser cautos”

Lembro que unha persoa que foi guarda maior da Reserva de Caza da Culebra, en Zamora, Manuel Gallego, que é un referente da defensa do lobo, contaba hai anos nun libro como facía descastes e abatía exemplares para tratar de reducir a conflictividade. El mantiña que se non fixese iso, o lobo chegaría a desaparecer da sierra da Culebra polo furtivismo.
– Ese tipo de relacións son nas que os científicos non debemos caer. Os controis fanse porque unha parte da sociedade os demanda, pero a outra parte non lle gustan. Á ciencia correspóndelle determinar a eficacia ou ineficacia dos controis..

En todo isto, entran as emocións. Temos unha sociedade eminentemente urbán que reacciona á caza do lobo, pero tamén ten que contar o que opina a xente que vive no rural. O lobo na actualidade non representa un problema de conservación, como si pode representar o urogallo, o lince ou desmán dos pirineos, aínda que si hai que seguirlle prestando atención.

“Temos unha sociedade urbán que reacciona contra a caza do lobo, pero hai que ter en conta tamén a opinión de quen vive no rural”

A ciencia ten que apuntalar o coñecemento para que as Administracións poidan tomar decisións de xestión. En determinadas zonas con danos reiterados, en base ó coñecemento que teñamos, é probable que se poida determinar que son necesarios controis. Pero insisto, o coñecemento ten que ser bo e demostrable.

Dicías antes que en Galicia hai unha maior paz social que noutras zonas, pero si houbo problemas puntuais entre conservacionistas e cazadores en casos como o dunha batida por danos en Friol. Tamén hai unha conflictividade oculta, a do furtivismo.
– O furtivismo existe incluso en Portugal, onde o lobo é unha especie protexida. É un problema enorme que hai que tratar de erradicar. É ilegal e pouco máis hai que dicir. En canto ós conflictos en batidas por danos, son entendibles. Falamos de sentementos e de emocións, pero hai que tratar de buscar un entendemento. Os procesos de participación pública son claves.

“Os mitos sobre o lobo débense á falta de coñecemento”

Escoitarías moitas veces no rural a historia de que os lobos sóltaos a Administración en base a argumentos como que os lobos de agora son distintos ós de antes porque se achegan máis ás casas. Que pensas cando escoitas estas cuestións?
– Pois que falta coñecemento, que non divulgamos e explicamos o suficiente. Hai un problema, coñecemos moito dos lobos a nivel científico, pero divúlgase pouco. Ninguén responde a esas historias e xenéranse bulos, que ademais hoxe en día teñen o amplificador das redes sociais.

Nos estudos que tedes feito ti e o teu equipo, comprobastes como en moitas partes de Galicia o cabalo constitúe un elemento clave na dieta do lobo. A reducción de cabalos que está a haber no monte pode representar unha ameaza de máis danos para a gandería?
– En primeiro lugar, hai que pensar que os cabalos teñen un dono, son propiedade de alguén, aínda que na actualidade non teñan un gran valor económico. Que o lobo mate poldros en lugar de becerros pódese interpretar como unha medida atenuadora (os poldros teñen menos valor económico que os xatos), pero hai que pensar en distintos escenarios. Que sucede se nun futuro a carne de poldro se pon de moda e ten máis valor? Volvemos ó de sempre, hai que aprender a convivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información