“Gústame a gandería, vivir nos Ancares e a xente daquí”

Catro persoas novas que se incorporaron nos últimos anos á produción agraria contan as súas experiencias no marco dunhas xornadas organizadas en Cervantes pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

“Gústame a gandería, vivir nos Ancares e a xente daquí”

Pastizais implantados nun monte veciñal en Balgos (Cervantes). Os técnicos de Extensión Agraria, conxuntamente cos veciños, teñen promovido nas últimas décadas arredor de medio cento de proxectos de creación de pastizais nos Ancares.

A reunión de outono que vén de celebrar a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes en Cervantes (Os Ancares, Lugo) permitiu constatar unha tendencia a unha maior valoración do traballo no rural. Catro persoas novas, tres de Cervantes e outra de Pol, contaron nas xornadas as súas experiencias de incorporación á produción gandeira. Todas coincidiron no mesmo. Gústalles o seu traballo e o entorno no que viven, e ademais, botando números, déronse de conta de que gañan máis no campo que na cidade.

“Vivir e traballar no rural xa non é principalmente un problema económico. Trátase máis dunha cuestión cultural. Tradicionalmente viña habendo unha presión sociolóxica para deixar o rural, pero esa situación está cambiando”, destacou nas xornadas o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada.

“Tradicionalmente había unha presión sociolóxica para deixar o rural, pero esa situación está cambiando” (Eloi Villada)

O cambio cultural, no caso dos Ancares, vai asociado a un proceso de extensificación da gandería de carne. Esa extensificación representou unha clara mellora nas condicións de vida e de traballo, pois boa parte das vacas pasaron nos últimos anos a estar case todo o ano nos pastos, co cal non hai que andalas a sacar e meter nas cortes a diario.

Resumimos a continuación as intervencións dos catro mozos que contaron as suas experiencias de retorno á actividade agraria nunha zona de montaña. Son Isaac González (Vilarnovo, Cervantes), Hugo Trabado (Quindóus, Cervantes), José Manuel Gómez (Balgos, Cervantes) e Joan Alibés (Pol).

De dereita á esquerda, Isaac González, Hugo Trabado, Víctor Álvarez (moderador), José Manuel Gómez e Joan Alibés.

De dereita á esquerda, Isaac González, Hugo Trabado, Víctor Álvarez (moderador), José Manuel Gómez e Joan Alibés.

“Tiña dúbidas de volver, pero un día, calculando cun amigo, vin que gañaría máis aquí”

Isaac González estaba hai uns anos traballando na construción, un sector que no seu día daba cartos pero que foi indo a menos coa crise. Esa baixada de traballo coincidiu coa xubilación da nai de Isaac, que levaba a explotación gandeira familiar. “Tiña dúbidas de volver -recoñece Isaac-, pero un día falando cun amigo, deime de conta de que ía gañar máis aquí e con mellor calidade de vida. Na construción había días de traballar 10-11 horas diarias e facendo moitos quilómetros na estrada”.

Gando nos pastos nos Ancares.

Gando nos pastos nos Ancares.

A decisión do regreso tomárona en conxunto Isaac e a súa parella, Marifé Vega, que estiveron de acordo en que vivir e traballar nos Ancares era unha boa alternativa. Isaac e Marifé fixéronse cargo da explotación de vacún de carne e optaron tamén por diversificar a actividade coa produción de mel e coa recollida de castañas.

Na actualidade, xestionan arredor de 58 hectáreas e contan con 36 vacas e xovencas e 20 becerros. Traballan coa raza rubia galega, a limousin e asturiana de los valles. Contan ademais con 111 colmeas de abellas e cunha horta para autoabastecerse, así como dos ingresos complementarios derivados da castaña. Este ano recolleron uns 5.000 quilos, que comercializaron a través da cooperativa A Carqueixa (Cervantes).

A principal dificultade que perciben vén dada pola dispersión das terras. “Queda pouca xente aquí e tes a posibilidade de ampliar os pastizais, pero temos o atranco da dispersión”.

“Aposto pola gandería, aínda que síntome estafado coas axudas á incorporación”

Hugo Taboada saíu de Cervantes para formarse en Lugo nun ciclo de electrónica, pero ao final optou por volver ós Ancares para incorporarse á explotación familiar. “Gustábame vivir aquí e incorporeime o ano pasado”, resume. Conta que non se arrepinte da decisión, pois tíralle a gandería, a caza e coñece a toda a xente da zona, pero considera que hai poucos apoios da Administración.

Pastor eléctrico en pastos de Balgos (Cervantes).

Pastor eléctrico en pastos de Balgos (Cervantes).

“Síntome estafado. Déronme unha axuda para a incorporación, pero ó ano seguinte tiven que pagar 6.000 euros de impostos por esa axuda. En vez de axudar, danche cartos por un lado e lévanchos polo outro” -critica-. “Tamén tivemos que pagar outros 1.200 euros pola transferencia de dereitos da PAC da miña nai”.

A explotación de Hugo conta cunhas 30 hectáreas, nas que manexa 46 cabezas e 25 xatos. Parte dos animais van de abril a novembro a unha zona dos Ancares leoneses que teñen alugada en conxunto 16 explotacións da comarca.

Ó comezo da primavera, os gandeiros fan unha trashumancia estacional, levando a pé os animais durante arredor de 8 horas ata os pastos do outro lado da montaña. Só van animais sen crías e, no posible, trátase tamén de retirar as vacas de León antes do parto, pois a presión dos lobos sempre remata coa desaparición dalgúns animais.

A instalación de comedeiros no exterior permite manter fóra a parte dos animais todo o ano.

A instalación de comedeiros no exterior permite manter fóra a parte dos animais todo o ano.

“Acordamos entre os veciños adicar parte do monte veciñal a pastos”

José Manuel Gómez vive en Balgos (Cervantes), un lugar no que quedan catro casas habitadas, dúas delas con vacas. “Levámonos ben todos os veciños e falando, acordamos adicar 20 das 90 hectáreas do monte veciñal para pastos. Agora temos sempre parte dos animais no exterior e outra parte nas cortes”, explica José Manuel, que, igual que Isaac, traballaba fóra na construcción ata hai uns anos. “A construcción foi a pique e decidín no 2014 incorporarme na explotación e formar unha sociedade civil con meu pai”, conta.

A granxa puido crecer nos últimos anos en boa medida grazas ós pastos, pois as cortes quedábanselles pequenas. A instalación de pastores eléctricos e de comedeiros exteriores para complementar os pastizais con silo de herba levaron a un cambio do manexo tanto na explotación de José Manuel como en boa parte das granxas dos Ancares.

O gandeiro de Balgos xestiona na actualidade arredor de 50 hectáreas nuns 8 enclaves diferentes e conta cun rabaño de 73 vacas e xovencas, 2 touros e uns 45 becerros.

“Comezamos de cero no 2007 a partir de fincas alugadas ó Banco de Terras”

Joan Alibés é un produtor de ovino e caprino que vivía en Cataluña traballando como técnico agrícola, ata que un día el e a súa parella, galega, decidiron instalarse en Galicia e comezar desde cero como gandeiros. O seu proxecto arrancou no 2007 a partir de 26,5 hectáreas de terreo que lles cedeu en aluguer o Banco de Terras. Os terreos estaban a monte, así que houbo que desbrozalos, encalar e implantar praderías, nas que se coidou a selección de herba, enfocada á gandería de carne.

Visita dos asistentes das xornadas a pastizais dos Ancares.

Visita dos asistentes das xornadas a pastizais dos Ancares.

Sobre esa base, Joan comezou a traballar cun rabaño de 140 cabras e 90 ovellas e completou a superficie, ata as 33 hectáreas, con alugueres e con terras en propiedade. Montou unha cuadra e dispuxo peches fixos e móbiles electrificados para reducir as incursións de depredadores, tanto do lobo como de raposo e visón.

Os animais, que tamén están protexidos por mastíns, pasan día e noite fóra todo o ano, alimentándose só en base a pastos e con suplementos de cebada cando son precisos. A cuadra, de feito, nunca se chegou a utilizar para o gando e adícase ó almacenamento de herba seca.

A explotación céntrase así na produción dunha carne de calidade, criada en extensivo, e xunto con outra granxa da zona apostou por crear a súa propia comercializadora, Beealia, así como por sacar ó mercado unha marca propia, Cordeiro e Cabrito Atlántico.

Lobo e Rede Natura, cuestións candentes

Os gandeiros dos Ancares que participaron nas xornadas da Sociedade Galega de Pastos, tanto os novos como os que levan anos na actividade, coincidiron en sinalar ó lobo como un atranco claro para a gandería extensiva. Houbo tamén consenso en que o problema, máis que os danos do lobo en si, era a súa xestión por parte da Administración.

Os produtores incidiron en que o habitual é que a Xunta tarde anos en pagar os danos e en que ás veces non se pagan, ben por non poder localizarse o animal morto, ben por non recoñecerse o ataque como dun lobo. Ademais, as escasas marxes que hai na gandería de carne, inviable sen subvencións, fan que a desaparición de animais teña un impacto especial para os afectados.

Outra cuestión que se percibe como un atranco é a Rede Natura. Os gandeiros din non cobrar ningunha axuda por traballar en zonas de protección da natureza, descoñecen que as haxa e, en cambio, enumeran problemas derivados das restriccións que introduce a normativa de conservación.

A falta de xente no entorno social das explotacións e a dureza dos invernos foron outros dos problemas que se comentaron nas xornadas. Pediuse un maior apoio da Administración para as zonas de montaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información