Granxas da Terra Cha doan 35 toneladas de herba a unha gandería das Neves damnificada polo lume

Granxas da Terra Cha doan 35 toneladas de herba a unha gandería das Neves damnificada polo lume

Envío de bolos de silo desde a Terra Cha ata as Neves.

Xesús Ferreira ten nas Neves (Pontevedra) unha explotación de vacas de carne e ovellas que na vaga de lumes que asolou Galicia tivo a mala sorte de que lle arderán todos os pasteiros dos que se alimentaba o seu gando: todo o monte comunal da parroquia e 3,5 hectáreas de prados.

Froito das peticións de axuda que se moveron por redes sociais foron os cargamentos de herba que lle enviaron a Xesús desde parroquias chairegas como Labrada ou Fanoi (Abadín). En total, desde a Terra Chá enviáronselle esta fin de semana a Xesús 65 rolos de herba ensilada que superan as 35 toneladas, segundo explica o Sindicato Labrego en nota de prensa. A organización precisa que afiliados do Sindicato Labrego participaron na doazón. Para o transporte, contouse tamén coa colaboración desinteresada de Transportes Montes de Goiriz, de Vilalba.

O Sindicato Labrego sinala que se lle enviaron 65 rolos de herba a unha explotación das Neves afectada polos lumes

Xesús, segundo explica o Sindicato Labrego, quixo expresarlle o seu agradecemento aos gandeiros e gandeiras da Terra Chá que lle doaron herba, pois este apoio foi moi importante, xa que, até que cheguen as axudas da Xunta, o gando ten que comer: “Agora mesmo, estou alimentando o gando grazas á herba que me doaron estas e outras granxas”, explica Xesús, “porque, a nivel oficial, aínda non recibimos nada e non sabemos aínda se imos ter apoios ou non. E o meu gando ten que comer xa, dende a hora seguinte aos lumes. E, hoxe, grazas á solidariedade, as miñas vacas e as miñas ovellas están comendo”.

Tamén dende o Sindicato Labrego Galego agradecen o compromiso das granxas de Fanoi e Labrada que colaboraron desinteresadamente nesta campaña solidaria, “xa que os tempos que corren para a gandería non son bos e tiveron que facer un grande esforzo para apoiar a un compañeiro. Esta é a forza que mantén aínda vivo o rural galego a pesares da falta de apoios institucionais”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información