Gran asistencia e baixada de prezos nos becerros en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola gran asistencia de becerros xa que a próxima semana non se celebra mercado. Isto repercutiu nuns menores prezos do gando. Seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos

Gran asistencia e baixada de prezos nos becerros en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola gran asistencia de becerros xa que a próxima semana non se celebra mercado debido ás festas de Nadal. En concreto, asistiron 1054 becerros (867 de recría e 187 carniceiros), fronte aos 643 da semana pasada e a cifra de negocio conxunta ascendeu a 295.326 euros, por riba dos 194.147 euros do pasado martes. Esta maior oferta repercutiu nuns menores prezos do gando vacún. Polo demais, seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa produciuse unha baixada moderada en case todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 108 euros por xato, fronte ós 114 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 85 euros por animal, 10 menos que o pasado martes. A excepción foron os becerros de máis de 50 días, nos que o prezo subiu ata os 144 euros de media por animal, 4 máis ca na anterior sesión.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi tamén baixista nos prezos en case todas as categorías. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos machos en 349 euros, o mesmo prezo ca na sesión pasada. Nas femias si que houbo baixada de prezos: 221 euros por animal, 11 menos que o pasado martes. Pola contra, nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos subiu ata os 310 euros, fronte ós 297 euros que se pagaron a semana pasada. Nas femias a suba foi máis pronunciada: 242 euros fronte aos 175 do martes pasado. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos baixaron ata situarse nunha media de 422 euros por animal, fronte aos 473 da sesión anterior, e nas femias a media baixou ata os 319 euros por becerra, fronte aos 358 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha caída do prezo, cotizándose a unha media de 713 euros por animal no caso dos machos, fronte aos 828 da lonxa pasada. As femias tamén caeron ata os 709 euros de media, fronte ós 757 que rexistraron a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios hoxe foron de 712 euros por animal, fronte aos 716 da semana pasada. Nas vacas de primeira a media foi de 1054 euros, por debaixo dos 1089 euros do pasado martes. O desvelle tamén baixou, quedando nun prezo medio de 443 euros por animal, fronte aos 456 da semana anterior.

silleda_decembro_18_vacun

Sen cambios no porco cebado e nos ovos e suba dos leitóns

En canto ó porco cebado, mantivéronse unha semana máis os prezos estables en todas as categorías, agás no desvelle. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle baixa 0,03 euros o kilo e queda nun intervalo de entre 0,49 e 0,55 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Polo que respecta ao leitón, segue a súa forte suba do último mes e encarécese esta semana 2 euros. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 50 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 55 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,50 e 2,75 euros respectivamente.

No referido ós ovos non houbo variacións: as categorías XL e L mantéñense sen cambios nos 1,68 euros e nos 1,26 euros a ducia, respectivamente. A M segue nos 1,14 euros e a S nos 0,92 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle baixa 0,02 euros e queda nun intervalo de entre 0,12 e 0,19 euros o quilo.

En canto ao coello, como ven sendo habitual por Nadal, a cotización baixou esta semana 0,15 euros o quilo na Lonxa de Madrid e queda nos 1,80 euros o quilo.

silleda_decembro_18_porcino

Cambios nas poxas polas festas de Nadal

Por último, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca informa de que debido ás celebracións das festas de Nadal suspéndese o mercado do martes 25 de decembro e que a poxa do martes 1 de xaneiro trasládase ao mércores día 2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información