Gando de recría declarado non apto na inspección veterinaria no mercado de Amio

A feira xa advertira en xaneiro da necesidade dunha idade mínima de 25 días nos animais de recría

Gando de recría declarado non apto na inspección veterinaria no mercado de Amio

Gando de recría no mercado de onte.

A inspección veterinaria no mercado de Amio acordou declarar non aptos a algúns dos animais de recría que concurrían á venda. O motivo foi fundamentalmente a falta de madurez dos xatos. Desde Amio xa se advertira hai meses da necesidade de enviar o gando de recría á feira cunha idade mínima de 25 días, a fin de facilitar a súa viaxe cara os cebadoiros do leste español, Cataluña e Aragón principalmente.

Tralo problema que se viviu onte no mercado de Amio, as dúas asociacións de tratantes principais en Galicia -Astragal e Agega- acordaron solicitar de Medio Rural un maior control sobre a idade da recría nas explotacións de orixe, así como medidas para evitar posibles fraudes que na actualidade provocan unha diverxencia entre a idade documentada e a que efectivamente teñen os animais.

Os vogais da Mesa de Prezos de Gando de Abasto, que se reúne semanalmente en Amio coincidindo co mercado, consideran estas medidas imprescindibles e de efecto favorable a medio prazo, pois evitarán que o prezo da recría siga baixando tan notoriamente.

Mesas de Prezos
En canto ás cotizacións semanais decididas nas Mesas de Prezos, na de Ternera Gallega acordouse a repetición de valores, excepto nas femias de Suprema no treito de 161 a 180 quilos, que soben 2 céntimos por razón de axuste técnico.

Na Mesa de Gando de Abasto, o vacún maior baixa 5 céntimos nas canais P, O3 e O1. En becerros carniceiros e gando de recría non houbo cambios.

A asistencia de gando á sesión de onte foi de 2.268 reses, 149 máis que a pasada semana. Houbo 1.849 cabezas de vacún menor (197 máis que na sesión anterior), 220 de vacún mediano (30 menos) e 193 de vacún grande (10 menos).

Máis información
Táboa completa das cotizacións de Amio (18-IX-2019)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información