Ganderías da Veiga, o reto de producir carne nos montes máis altos de Galicia

As explotacións gandeiras asentadas ós pés de Trevinca céntranse na produción de carne en extensivo. Un dos seus maiores desafíos é garantir pastos todo o ano, problemática na que están a traballar mentres desenvolven unha marca para comercializar a súa tenreira

Ganderías da Veiga, o reto de producir carne nos montes máis altos de Galicia

Nos montes de Trevinca, na Veiga, pacen rabaños de Rubia Galega, Caldelá, Vianesa ou Frieiresa. Foto de Beealia.

A gandería é unha das principais actividades, xunto co turismo, no municipio ourensán da Veiga, onde se encadra o pico de maior altitude de Galicia, Pena Trevinca, a 2.127 metros, un dos atractivos desta zona. Para producir nestes montes e vales os gandeiros deben, sobre todo, facer fronte á escaseza de pastos para o gando en determinadas zonas e épocas. Pese a estas dificultades, nos últimos anos incrementouse o número de cabezas de gando vacún e tamén xurdiron novas explotacións. Ademais, están traballando nunha marca baixo a que comercializar a carne producida no municipio. Coñecemos como son e como traballan as gandarías destas terras ourensás.

“Non existe turismo sen agricultura e gandería”:Juan Anta, alcalde da Veiga

Os últimos datos oficiais indican que na Veiga se contabilizan arredor de 1.000 vacas. Aínda que, dende o Concello apuntan que este número se incrementou e que se sitúa xa entre as 1.600 e as 1.800 cabezas de gando. Todas as explotacións son de extensivo e destinadas á produción de carne. Rabaños de Rubia Galega, Caldelá, Vianesa e Frieiresa pacen nos montes da Veiga. Xunto con estas, no municipio tamén se contabilizan algunhas explotacións de ovellas, aínda que moitas menos.

montes-Trevinca-A-Veiga_

Montes de Trevinca.

O alcalde do municipio, Juan Anta, teno claro: “non existe turismo sen agricultura e gandería”. Por iso, pese a que tamén se levaron a cabo distintas iniciativas para a promoción do turismo centrado nos atractivos paisaxísticos e astronómicos deste municipio, dende o Concello están a impulsar distintas propostas orientadas a impulsar a gandería. Neste senso, recentemente organizaron unhas sesións de asesoramento cos gandeiros, de man da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e a firma Beealia, para analizar as súas gandarías, detectar aspectos nos que mellorar e ofrecer recomendacións. Unha iniciativa que foi respaldada polos gandeiros que xa solicitaron novos encontros para continuar implementando melloras, segundo apunta o rexedor.

Dispoñer de máis pastos

A Veiga dispón dunha superficie forraxeira moi ampla, non en van é o municipio con maior extensión da provincia de Ourense, con 290 km2 de extensión. Sen embargo, na actualidade a carga gandeira é moi baixa e isto conleva que moitos dos gandeiros se vexan obrigados a unha loita continua contra os procesos de matorrización. Por iso, unha das conclusións destas sesións revela que moitos destes produtores poderían contemplar incrementar o tamaño das súas gandarías.

A Veiga conta cunha ampla superficie forraxeira e cunha carga gandeira moi baixa

Pese a dispoñer dunha ampla superficie, a meirande parte é monte e escasean os pastos de calidade, tamén condicionados pola climatoloxía e a altitude da zona. As resementeiras e a implantación de pradarías son algunhas das opcións que estes gandeiros están a barallar para dispoñer de pastos. Tanto este manexo de pradeiras como as implantacións que lles propoñen nestas sesións de asesoramento contemplan un baixo custe con fertilizantes económicos que poden ser unha alternativa tanto para as ganderías convencionais como as de ecolóxico.

A Veiga, como boa parte da Galicia rural, tamén notou un forte despoboamento nos últimos anos e a pesares de que a gandaría é unha actividade con tradición na zona, foron moitas as terras que quedaron abandonadas. Por iso, hai tamén gandeiros que comezan a recuperar os pastos e a produción en aldeas como Edreira, onde antano xa contaban con gando.

Están a recuperar terras abandonadas e a traballar coas comunidades de montes para que os pastos sirvan de cortalumes naturais

Á par de converterse nunha oportunidade de mellora para os gandeiros, incrementar os pastos tamén se contempla como unha ferramenta útil para combater os lumes forestais. Algunhas destas gandarías xa traballan de xeito conxunto con comunidades de montes veciñais en mancomún para dispor pastos verdes próximos a plantacións e que estes lles servan como barreira natural que actúe como cortalumes en caso dun incendio no monte. De feito, na Veiga máis do 50% do concello son montes veciñais en mancomún.

MVMC na Veiga (ourense)

Montes Veciñais en Man Común (MVMC) na Veiga.

Outro dos retos para estas gandarías é a convivencia co lobo que, ó mesmo tempo, representa tamén un dos atractivos desta zona. Por iso, a maioría dos gandeiros contan xa con mastíns que contribúen a evitar os ataques ó gando. Ademais dispoñen tamén de peches para reducir a incidencia destes animais sobre o seu rabaño, aínda que este tipo de medidas preventivas é un dos aspectos onde estes gandeiros teñen que seguir invertendo.

Polígonos agroforestais

Outra das propostas que contemplan dende a administración local centrada na actividade gandeira para combater o abandono das terras é a creación dun banco de terras ou de polígonos agroforestais. “Non se trata de limitar un espazo para estes usos senón que o que queremos facer é unha ordenación do territorio para que os gandeiros tamén poidan dispoñer destas zonas, á par que tentamos combater o abandono“, explica o alcalde.

Xunto con esta medida, Anta tamén recorda que nos últimos anos dende o Concello destinaron varias partidas tanto á formación en materia gandeira como para apoiar este sector. “Aínda que foi tamén criticado, cando os gandeiros tiñan dificultades para alimentar o gando, dende o Concello destinamos partidas específicas para iso”, recorda o rexedor.

Tamén están a organizar, con maquinaria municipal, desbroces para favorecer a actividade gandeira na zona. “Non se trata de desbrozar por desbrozar senón de facelo onde realmente pode resultar útil. Non somos capaces de desbrozar e manter limpa toda a superficie do concello por iso tamén hai que procurar darlle valor ó monte para que deixe beneficios”, puntualiza Anta.

Vacas-extensivo-A-Veiga-Trevinca_Foto-Beealia-

Baixo a marca Crianza Trevinca buscan comercializar a súa carne. Foto de Beealia.

Crianza Trevinca

Ó igual que xa fixeron coa produción de mel, onde A Veiga conta xa cunha marca rexistrada e tutelada polo Concello que sumou en menos de dous anos a case 20 produtores, na gandaría tamén están a traballar para dispoñer dun selo propio baixo o que comercializar a súa carne. Na pasada edición do 2018 de Xantar, o Salón Internacional de turismo gastronómico, que se celebra en Ourense, daban a coñecer Crianza Trevinca, este selo baixo o que distinguir a carne producida nestes montes. “ Esta marca é a maneira de que o consumidor poida ter a garantía de que está mercando unha carne producida con estas garantías e nestas condicións naturais, na montaña de Trevinca”, comenta Anta.

Coa marca procuran poñer en valor esta crianza para facer fronte ó incremento dos gastos pola despoboación desta zona

Trátase dun proxecto tutelado pola administración local que busca agrupar ós produtores locais e co que afrontar algunhas das dificultades que atopan na produción e comercialización da carne. “Os gandeiros da Veiga atopan as mesmas dificultades ca outros produtores galegos, pero agravadas pola despoboación desta zona que provoca que os custos dos transportes sexan máis elevados”, sinala o rexedor. “É preciso poñer en valor este xeito de producir para que sexa rendible para o gandeiro”, defende Anta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información