Gandería Porto do Rego, cachena do prado ao prato

Agapito Rodríguez ten unha explotación con 75 vacas de raza cachena no Viveiró, no concello lucense de Muras, e desde fai ano e medio decidiu comercializar el directamente a carne na súa propia carnicería. Satisfeito co resultado, acaba de abrir a segunda na Praza de Abastos de Lugo

Gandería Porto do Rego, cachena do prado ao prato

Agapito Rodríguez, na carnicería na que comercializa as súas cachenas, na praza de abastos de Lugo.

Cando fai 15 anos Agapito decidiu continuar a actividade familiar, colleu a explotación dos seus pais na parroquia do Viveiró, no concello lucense de Muras, con 12 vacas de carne de raza rubia galega. Como Agapito naquel momento compatibilizaba a gandería con outra actividade, apostou pola raza cachena polo seu doado manexo. “Eu daquela traballaba e coas vacas rubias tiña que estar máis pendente, sen embargo as cachenas mantéñense soas moi ben. En Muras non hai seca no verán así que só con suplementar o pasto un pouco no inverno é suficiente. Ademais, as vacas cachenas non teñen problemas de enfermidades nin de partos. Desde que as teño, nunca asistín a un parto nin lembro que me morrera nin unha soa cría nun parto”, afirma.

Foi pouco a pouco aumentando o número de cabezas e chegou a ter 120 reprodutoras de raza cachena. Hoxe ten 95, 75 de raza cachena e 20 de raza rubia galega, todas en extensivo en 40 hectáreas de terreo en propiedade que posúe no Viveiró, en plena serra do Xistral, e outras 17 hectareas na parroquia de Pedreda, ás aforas da cidade de Lugo.

Cachenas da gandería de Agapito Rodríguez.

Cachenas da gandería de Agapito Rodríguez.

Agora Agapito vive en exclusiva da gandería e desde hai ano e medio apostou por chegar directamente ao consumidor coa súa carne. Comezou abrindo unha carnicería na cidade de Lugo, na rúa Montero Ríos, á que lle puxo o nome do seu fillo, Brais, que naceu xusto nese momento. Era o único punto de venda de carne de cachena na cidade de Lugo e esa diferenciación segue sendo o sinal de identidade de Carnicería Brais.

Agora vén de abrir a segunda na Praza de Abastos de Lugo. “Tiñamos clientes que ían desde toda a cidade expresamente a buscar carne de cachena á carnicería de Montero Ríos e tiñan que vir cargados coas bolsas até o centro”, explica. Para rematar con esa incomodidade abriron a segunda carnicería no casco histórico e puxeron en marcha un servizo a domicilio, que serve a particulares, hostalaría ou colexios.

Agapito sempre vendeu as súas cachenas directamente porque “para os matadoiros estes animais teñen pouco valor, posto que o rendemento dunha cachena é moito menor que o doutras razas e teñen pouco interese por estes animais de alta calidade”, explica. Por iso levaba máis de 10 anos vendendo canais e medias canais a particulares, “pero a moita xente non se lle adaptaba e vendendo só para conxelador é imposible sacar toda a produción”, di.

Por iso optou por abrir a primeira carnicería e o resultado non puido ser máis positivo. E malia que admite que “os comezos son duros e custa empezar”, animaría a outros produtores a facer o mesmo. “Aínda cos gastos de local, persoal, eccétera, que son importantes, sacas unha rendabilidade moito maior aos teus xatos”, di.

E pensa que o seu acerto fundamental foi a diferenciación no produto. Carnicería Brais é o único operador autorizado na cidade de Lugo co logotipo 100% raza autóctona cachena e, desde a súa experiencia, Agapito considera que “a introdución dunha raza autóctona no mercado é un proceso lento e difícil, pero desde que o consumidor proba é certo que se consolida rápido”, di. No seu caso, “a cachena tivo moi boa acollida porque ten boa imaxe, aínda que é unha carne moi descoñecida para o consumidor malia tratarse dunha raza autóctona galega, parece mentira”, argumenta.

Carne máis feita e infiltrada

A carne de cachena é máis feita porque os animais (só os machos, as femias serven para continuar coa recuperación da raza) sacrifícanse con máis meses, co que se consegue unha carne máis infiltrada e con menos cantidade de auga. “Hai consumidores que prefiren a tenreira normal porque é máis suave, pero ao que lle gusta a carne prefire cachena”, indica Agapito, que vende o dobre de cachena que de tenreira galega na carnicería de Montero Ríos, onde ofrece os dous tipos de carne (na da Praza ofrece só cachena), malia que a diferenza de prezo é de dous euros en quilo. A parte preferida dos clientes son as costeletas, pero non sempre as hai, porque un xato de cachena non dá máis de 10 quilos de costeletas.

A cachena é unha raza de crecemento máis lento e de animais de menor porte. “Chegar a 150 quilos é complicado e para chegar a ese peso, a un xato de cachena faille falta un ano, cando os de outras razas chegan a ese peso en 6 meses”, explica Agapito.

Por iso, os animais da gandería Porto do Rego pasan os primeiros 9 meses da súa vida pacendo na serra do Xistral e os tres últimos antes do seu sacrificio estabulados comendo cereal. “Senón pesarían moi pouco”, xustifica.

Carnicería Brais sacrifica 2 ou 3 canais de cachena á semana. Como non lle chegan os seus propios xatos, merca a outras tres explotacións que teñen esta raza nos concellos de Triacastela, Paradela e Friol. Porto do Rego forma tamén parte da comunidade de montes Teniente e Xistral, constituída por 11 veciños e da que Agapito foi presidente até o ano pasado. A comunidade manexa unha extensión de 650 hectáreas de monte veciñal e ten a súa propia explotación de cachena con 50 nais e tamén comercializa os seus becerros a través de carnicería Brais.

Agapito fai tamén produtos elaborados coa carne de cachena, como hamburguesas, albóndigas ou pinchos morunos e, con esa mesma filosofía de chegar coa carne directamente do produtor ao consumidor, por encargo ten polos caseiros, años ou coellos que lle merca a outros produtores. Nos meses de inverno tamén ofrece nas súas carnicerías todo tipo de produtos de “cocho da casa”, tanto en fresco como salgado ou en embutido, que lle merca a un criador de Muxa.

Cachena de gandería Porto do Rego no Xistral nun inverno, durante unha nevarada.

Cachena de gandería Porto do Rego no Xistral nun inverno, durante unha nevarada.

Lento proceso de recuperación da raza
O nome de cachena utilízase para designar unha poboación bovina que estivo a piques de desaparecer e na súa regresión censal chegou a quedar practicamente reducida á localidade de Olelas, no concello ourensán de Entrimo. Desde entón, esta raza, unha das seis razas de vacas autóctonas galegas, comezou un lento proceso de recuperación auspiciado pola Asociación de Criadores de Raza Bovina Cachena, que forma parte de Boaga.

A orixe dunha das vacas máis pequenas do mundo -en contraste cos seus longos cornos, que chegan a pagarse a 150 euros, segundo conta Agapito, por sacrificarse poucas vacas cachenas e ser polo tanto un produto escaso e prezado- é unha incógnita. Polo seu aspecto e fisionomía xeral ten características semellantes a outras vacas do tronco cántabro pero a súa peculiar cornamenta ten similitudes con algúns bovinos do norte de África.

Agapito cos seus animais.

Agapito cos seus animais.

Segundo os datos de Boaga, neste momento hai 4.284 exemplares de raza cachena repartidos en 150 explotacións, segundo o censo enviado ao Ministerio de Agricultura en decembro pasado. Salvo uns 350 animais distribuídos en 10 explotacións de Asturias, Castela e León e Extremadura, o resto da poboación atópase en Galicia. Por provincias, Ourense segue a ser a que mais animais desta raza ten, aínda que nos últimos anos sufriu un retroceso motivado polo peche de explotacións.

Na provincia de Lugo, sen embargo, a segunda con máis poboación desta raza, só nos últimos catro anos tres novas ganderías apostaron por introducir vacas cachenas. O tamaño medio das explotacións é de 28,5 animais por granxa. Das 52 ganderías con vacas cachenas na provincia de Lugo, que suman un total de 1.332 animais na actualidade, só 13 contan co selo 100% raza autóctona cachena, un distintivo de calidade que garante a pureza da raza e a trazabilidade do produto que chega ao consumidor final. A de Agapito é unha delas.

Difícil convivencia co lobo
Porto do Rego ten as súas vacas en plena serra do Xistral, unha zona de montaña onde os ataques do lobo son habituais. “Aféctanos moito, tiven anos de perder 11 ou 12 animais”, explica Agapito. “É certo que che pagan indemnizacións, pero só polos animais que aparecen e moitas veces é un problema atopar o animal morto en extensións tan grandes. Un ano que me matara 11 cabezas, só fora capaz de atopar catro delas e o resto non chas pagan, pérdelas directamente”, conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información