Gandería periurbán, como se xestiona o monte contra o lume nas Rías Baixas

A Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes coñece o traballo de comunidades de montes e gandeiros da contorna de Vigo e Pontevedra, en zonas con gran presión urbán pero nas que o monte en ocasións queda no abandono

Gandería periurbán, como se xestiona o monte contra o lume nas Rías Baixas

A Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos puxo o foco en darlle valor ó papel da gandería nos montes das Rías Baixas.

A gandería extensiva de vacún e cabrún estase a demostrar como unha actividade viable en montes dalgunhas das comarcas máis poboadas de Galicia, no entorno de Vigo e Pontevedra. En zonas nas que a penas quedaba máis tradición gandeira que a de autoconsumo, están a consolidarse iniciativas tanto de comunidades de montes como de gandeiros particulares. A Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrada en Pontevedra, contou coa participación de media ducia de proxectos que se desenvolven con éxito nas Rías Baixas.

Un dos casos máis coñecidos é o da comunidade de montes de Meira (Moaña), no Morrazo, que conta desde o 2016 cun rabaño de 160 cabras e dous peches que suman 27 hectáreas. A súa experiencia, orientada a controlar o mato no monte veciñal e a diversificar os ingresos da comunidade, demostra que a produción gandeira é un complemento posible do monte nunha comarca na que a gandería xa se daba por perdida. Do coidado do rabaño encárgase a diario un dos tres traballadores da comunidade, que conta co apoio de 3 mastíns e dun can pastor border collie. O obxectivo da comunidade é chegar ás 300 cabras para lograr a sostibilidade da iniciativa.

Os atrancos burocráticos coas distintas administracións é unha das dificultades que destacan os proxectos gandeiros do Morrazo

Tamén nun monte veciñal do Morrazo, en O Hío (Cangas), xurdiu outro proxecto de gandería do cabrún, protagonizado neste caso por unha cooperativa que impulsaron tres mozos da parroquia. Trátase da cooperativa Pouso da Serra, que logrou o respaldo unánime da comunidade de montes do Hío para iniciar no 2016 un proxecto de cría de cabras no monte veciñal, no que a produción de madeira convivía cunha importante superficie de toxeiras sen uso.

A cooperativa Pouso da Serra, que traballa tanto con cabras mestizas como con galegas, introduciu progresivamente arredor de 200 animais. Para iso, tivo que mellorar o hábitat con rozas, de xeito que se vise favorecido o crecemento de herba para o gando, se ben a falta de pasteiros é un dos problemas cos que aínda se atopa o rabaño, que entre outras funcións, encárgase do mantemento do cortalumes do monte veciñal. A diferenza de Meira, no Hío só teñen un pequeno peche de 3 hectáreas, que é outra das necesidades que ven para mellorar a xestión da gandería.

cabras sgpf

O traballo da cooperativa complétase cun colmear para a produción de mel e con servizos forestais de roza e podas que prestan en toda a comarca do Morrazo.

Cando se lles pregunta polas dificultades de arrancar cos proxectos gandeiros, tanto Javier Fernández, presidente da comunidade de Meira, como Carlos Piñeiro, da cooperativa Pouso da Serra, apuntan a problemas comúns, Á cabeza de todos, as dificultades de lidiar cos permisos e requerimentos que esixen as diferentes administracións (Augas de Galicia, Patrimonio, Montes, etc.). Outro problema é a falta de servizos especializados para o traballo no monte e coa gandería que son habituais noutras zonas de Galicia, tales como veterinarios, proveedores de forraxes ou empresas de servizos de maquinaria.

Visita a unha gandería na Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Visita a unha gandería na Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

A parte positiva dos proxectos sitúase na súa función social e medioambiental, pois o gando está a revelarse como importante na prevención dos lumes. É o caso tamén da gandería de vacún de Iván González, que traballa en Ponteareas e Pazos de Borbén terreos de montes veciñais afectados polos grandes lumes do 2017, agora en proceso de recuperación, nun dos casos incluíndo a construcción de peches e pasos canadienses para controlar o gando.

Outros dous gandeiros que están a desenvolver unha importante tarefa de control do mato en comunidades de montes son Roberto Louzán (Cotobade), que xestiona unha gandería de razas autóctonas (vacas frieiresas, caldelás e cabra galega), e Albino Piñeiro (Fornelos de Montes), un gandeiro que traballa cachenas cruzadas con limusín e que habilitou peches e pasos canadienses en zonas alugadas a montes veciñais. O seu é un traballo contra o abandono que demostra novas posibilidades nos montes da contorna de Vigo e Pontevedra, onde a gandería dábase xa por perdida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información