Gandería O Bañal: De 15 a 0 ataques do lobo ao gando grazas aos mastíns

Visitamos esta empresa familiar que combina a gandería de vacún de carne en extensivo coa explotación forestal no concello de As Pontes. Grazas ao asesoramento técnico e á introdución de mastíns pasaron de perder ata 15 becerros ao ano polos ataques dos lobos a 0

Gandería O Bañal: De 15 a 0 ataques do lobo ao gando grazas aos mastíns

Rubén Pita Martínez con Sil, o último mastín que incorporaron

O Bañal SC é unha gandería de vacún de carne con 70 nais de raza Rubia Galega situada na aldea do Bañal, concello das Pontes, nunha única finca de 200 hectáreas, das que 60 están a pradería. Un auténtico luxo en Galicia, onde o minifundismo e a separación entre as parcelas encarece os custos de produción.

Isto foi posible grazas a Enrique Martínez, un constructor de Oleiros cuxa paixón pola natureza, a gandería e a caza o levou nos anos 70 a mercar fincas nesta aldea.

“Meu avó empezou a xuntar fincas mercándollas aos veciños ata xuntar esta finca de 200 hectáreas. Ao comezo gran parte estaba a monte, polo que tivo que traballar moito para ir limpándoo e converténdoo en praderías e en plantacións forestais, sobre todo de piñeiro de Oregón e de Eucaliptus Globulus, que ocupan unhas 140 hectáreas”, explica Rubén Pita Martínez, neto de Enrique, e que combina a dirección de varias empresas familiares na Coruña coa súa gran paixón, a explotación gandeira e forestal que lle legaron os seus pais, Manuel e Antonia.

“A min isto encántame porque dende pequeno viña aquí co meu avó nos fins de semana e nas vacacións. Gústame traballar aquí e ver que o gando medra ben e que imos mellorando as plantacións forestais. Ves como se completa o ciclo da vida e das estacións”, recoñece.

Sen embargo, hai 4 anos estiveron a piques de pechar a explotación debido aos ataques dos lobos ao gando, que pace en extensivo e en réxime de liberdade todo o ano, día e noite.

O problema, tal como explica Rubén, non era novo, dada a proximidade da finca ao Monte Caxado, lugar onde tradicionalmente se localizaron mandas de lobos. “Dende que empezamos a traballar con vacún de carne hai 40 anos meu avó e meus pais recordan problemas co lobo, pero nos últimos 10 anos os ataques ao gando incrementáronse e a situación volveuse insostible porque perdíamos polo menos entre 10 e 15 xatos ao ano e mesmo algunha vaca”, explica.

Ante a inviabilidade económica de pechar a finca de 200 hectáreas cunha malla fixa e con pastor eléctrico, Rubén decidiu buscar asesoramento en Joan Alibés, un gandeiro de ovino e caprino de Meira (Lugo) que tamén ofrece servizos de aconsellamento a outros gandeiros a través da entidade Beealia.

“Joan veu aquí, viu como era a explotación, localizou as mandas de lobos e vimos que a solución era meter mastíns e parcelar en fincas máis pequenas para que os cans puideran defender mellor o gando. O plan foi a tres anos: O primeiro ano metemos unha femia, Linda, que veu sendo unha cadeliña e que tivemos que afacer ao gando manténdoa durante uns 4 meses coas vacas estabuladas dun veciño e empregado noso”, explica Rubén.

Pasado ese período de adestramento no que o can asume que as vacas son a súa familia veu o seguinte paso de acostumar a Linda a estar permanentemente coas vacas no prado, día e noite. Logo chegaron Mera, outra femia, e o pasado ano Sil, un macho, completando o equipo de 3 protectores que Joan Alibés lle aconsellou para as características de Gandería O Bañal.

“No primeiro ano pasamos de ata 15 xatos mortos por ataques dos lobos a 0”

“O resultado foi espectacular: No primeiro ano pasamos de 10 ou 15 xatos mortos por ataques dos lobos a 0. E dende que os temos non volvemos ter problemas a pesar de que o lobo segue rondando, porque o vemos”, destaca. A aprendizaxe de protección do gando vaise transmitindo de forma natural dos cans máis vellos aos cadelos que se incorporan.

Como obstáculos iniciais, Rubén recoñece que “ao principio ás vacas non lles gustaba que os mastíns andivesen polo medio, pero estes patrullan o perímetro das fincas e sempre están co gando”. Tamén tiveron algún susto con algún xato que escapou ao monte porque os cans, cando son novos, queren xogar con eles. “Pero quedou niso, porque os becerros acababan volvendo”, subliña.

O instinto de protección dos mastíns lévaos a que se podan mostrar agresivos cando morre un xato na finca, pois permanecen ao lado do cadáver para protexelo.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados, e o que gastamos en penso compénsase de sobra”, destaca Rubén. O exemplo de Gandería O Bañal levou a varios veciños da contorna a incorporar tamén mastíns para protexer o gando dos ataques dos lobos.

Vacas e becerros con 0 gramos de penso

As 70 vacas nais coas que contan en Gandería O Bañal son de raza Rubia Galega, a que mellor se adapta ás duras condicións desta zona de montaña, con invernos fríos e chuviosos.

“O meu avó e os meus pais probaron coa Blonda de Aquitania pero non se adaptaba ben”, recoñece. Tanto nas vacas como nos touros que empregan -cambian o touro cada 5 anos- buscan como primeiro criterio a facilidade de parto e logo boa conformación de canais.

“As vacas están no prado día e noite todo o ano, polo que queremos vacas rústicas e con 0 complicacións nos partos, que pairan soas, e cara aí orientamos a nosa selección xenética”, explica.

 “Buscamos vacas rústicas e que pairan soas sen problema”

Venden cada ano entre 50 e 60 becerros cunha idade de entre 6 e 8 meses, alimentándose exclusivamente do leite da nai e do pasto. Dende hai 3 anos todos os xatos mércallos un cebadeiro de Lugo que lles fai un remate final con cereais. A explotación está dada de alta tanto na IXP Ternera Gallega Suprema como no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

A alimentación das vacas é únicamente en base a pasto, complementando no inverno con silo de herba e herba seca que recollen na propia explotación.

Para limpar o mato das 120 hectáreas de bosque que circundan a zona de pasteiros en Gandería O Bañal contan tamén con dúas mandas de 14 eguas e dous garañóns. Neste gando, si que seguen padecendo perdas de poldros debido aos ataques dos lobos.

Mellora das pradeiras

Un aspecto no que están a centrar os esforzos en Gandería O Bañal é en mellorar a produtividade das pradeiras e no manexo do pasto. “Non imos aumentar o número de cabezas de gando pero si que pensamos mellorar a rendibilidade das forraxes. En 2017 empezamos resementando unha pradeira cunha mestura de Fertiprado, especial para zonas de montaña de Galicia e na que se inclúen unhas 15 especies de gramíneas e de leguminosas, e os resultados foron moi bos, polo que imos intentar anovar 2 ou 3 pradeiras cada ano”, explica Rubén.

Gandería O Bañal en imaxes:

Unhas 300 hectáreas para a explotación forestal

Ademais das 200 hectáreas da finca de O Bañal, a familia de Rubén conta con outras 300 hectáreas en diversas fincas de As Pontes.

Neste sentido, un dos obxectivos de Rubén dende que se involucrou na dirección da empresa familiar foi mellorar a rendibilidade das plantacións forestais, a principal vía de ingresos desta explotación.

“Tiñamos moito eucalipto globulus que non medraba porque non se adapta ben á zona e está comesto polo gurgullo. O que estou facendo é cortar esa madeira e volver plantar con eucalipto nitens, que lle compramos a Mañente polos bos resultados que vemos en crecemento e en sanidade”, asegura.

No caso das masas de piñeiro, pretenden manter as máis próximas ás zonas de pastoreo do gando, pois sérvelles de acubillo no inverno.

Ademais, está traballando para racionalizar as quendas de corta, co obxectivo de que cada ano se planten e se corten unhas 10 hectáreas de monte, garantindo uns ingresos todos os anos. “No caso do eucalipto nitens, vemos viable nesta zona facer cortas cada 12 anos e reinvestir ese mesmo ano parte dos ingresos en volver plantar e en facer os abonados e limpezas que corresponden”, detalla.

 Para a venda da madeira fan subastas ao mellor prezo entre 3 ou 4 madeiristas

Para os traballos forestais (plantación, mantemento dos cortalumes, abonado..), agás para a corta, así como para o coidado do gando Rubén e a súa familia contan con tres traballadores asalariados: Servando, Lolo e Suso.

Para a venda da madeira fan subastas ao mellor prezo entre 3 ou 4 madeiristas. “Non vendemos por tonelada senón a prezo por lote, pois do contrario hai que agardar a que corten e a que che paguen e vai pasando o tempo, e o que nos interesa é volver plantar rápido”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información