Gandería heroica na montaña lucense

Un percorrido por explotacións de vacún de carne dos montes de Baleira, organizado pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, constata o valor da actividade gandeira nun territorio marcado pola despoboación, a orografía e o desamparo das Administracións

Gandería heroica na montaña lucense

Monte roturado para pastizais na gandería de Amaro López, en Baleira.

A Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que congregou esta fin de semana no concello de Baleira (Lugo) a medio cento de gandeiros e técnicos, puxo de manifesto o valor da actividade gandeira na montaña lucense. Se ós viñedos dos canóns da Ribeira Sacra asóciaselles con razón o nome de viticultura heroica, a gandeiría dos montes orientais de Lugo acumula tamén méritos suficientes para o calificativo de heroica.

As explotacións de vacún de carne da montaña oriental da provincia traballan nun contexto complicado. Teñen unha orografía caracterizada por fortes pendentes e terras altas e ventosas, e un clima que tanto castiga con secas coma con nevaradas tempraneiras, como a deste outono. As neves de finais de outubro deixaron nos Ancares e nos concellos do entorno un escenario case bélico de árbores rachadas e camiños cortados, pois o temporal colleu ás árbores aínda con folla, o que provocou que a neve se acumulase sobre elas e que rematasen por tronzar bosques enteiros.

Animais na gandería de Indalecio Neira.

Animais na gandería de Indalecio Neira.

Ós problemas da orografía e do clima hai que sumar os habituais no rural galego, a despoboación, a perda de servizos e un sentemento de desamparo das Administracións. En tal contexto hai tamén motivos para o optimismo. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes realizou este sábado un percorrido por catro ganderías da parroquia de Córneas, nos montes de Baleira, que amosan un rural vivo e que mantén a xestión do territorio.

Comezou a visita pola gandería Neira, que manexa arredor de 80 animais de Rubia Galega, entre vacas e recría, nunhas 50 hectáreas de superficie. A explotación conta tamén cunha moderna instalación para estabular o gando nos meses duros de inverno e iniciou nos últimos anos outra actividade, a cría de porcos en extensivo. Habilitou para iso un peche arredor dunha carballeira dunhas 8 hectáreas na que se moven os animais.

Porcos criados en extensivo.

Porcos criados en extensivo.

O proxecto cos porcos comezou con porco celta, unha experiencia da que Indalecio Neira se declara satisfeito, se ben este ano está facendo unha proba co porco convencional, na busca de maiores volumes de carne.

A seguir, visitouse a gandería de José Manuel Villar, unha explotación de 60 vacas rubias que está a acometer nos últimos anos importantes investimentos, coma a roturación para prados de 12 hectáreas dun antiguo piñeiral ou a creación dunha nave con cama quente de palla para estabular temporalmente ós animais. José Manuel, igual que o resto dos gandeiros, amósase preocupado pola expansión que percibe nas accións do lobo na comarca, un dos motivos que o levou a erguer a nova nave.

Nin José Manuel nin Indalecio sufriron polo de agora ataques no seu rabaño, pero Amaro López, a terceira explotación visitada, si ten experimentado xa perdas. A gandería de Amaro está conformada por 43 vacas vianesas e tres bois, contando tamén con 8 cabalos para facer rotacións de roza, pois parte das terras que manexa Amaro ubícanse en montes de elevada pendente que foron roturados para implantar pastos.

Visita a unha das explotacións.

Visita a unha das explotacións.

A explotación conta cun tractor de cadeas de 100 cabalos que lle permite executar traballos en condicións orográficas complicadas e adica tamén parte do seu tempo á prestación de servizos no entorno.

A gandería de Amaro xestiona arredor de 40 hectáreas de terras, que se reparten desde o val ata o cumio dun monte. Pese ás fortes pendentes, todos os seus pastos están circundados dun peche electrificado que suma uns 12 quilómetros, un dato que dá idea de todo o traballo que hai detrás da explotación.

Peche con pastor na gandería de Amaro López.

Peche con pastor na gandería de Amaro López.

As visitas remataron nas terras da explotación de Pepe de Montouto, tamén na parroquia de Córneas, onde esta gandería fixo unha roturación dun antigo piñeiral, desclasificado a favor dos veciños, para a creación de pastos.

Hai uns anos, Pepe traballaba na construción, pero a crise levouno a compatibilizar esa actividade coa gandería. “É un traballo que me me gusta e no que me pasan as horas sen darme de conta”, explica. Sempre lle gustaron os animais, así que está a dimensionar a explotación que tiñan seus pais e no horizonte, a gandería ten perspectivas de relevo, pois a súa filla xa se está a incorporar. Novo motivo para o optimismo nun entorno complicado, o das montañas orientais de Lugo, nas que se desenvolve unha auténtica gandería heroica.

Mesa redonda cos gandeiros Ovidio Mëndez (dereita), José Manuel Fernández (centro) e Amaro López.

Mesa redonda cos gandeiros Ovidio Mëndez (dereita), José Manuel Fernández (centro) e Amaro López.

Xornada sobre manexo do gando e casos de éxito

O percorrido por ganderías de Baleira da Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos complementouse cunha xornada na tarde do venres na que se abordaron cuestións de manexo do gando, con ponencias a cargo do nutrólogo Josep Roquet (Alltech), tamén gandeiro de vacún en Cataluña, e de Daniel López (Ion), que falou sobre os peches eléctricos de parcelas.

A sesión contou tamén cunha explicación de Quico Ónega (Universidade de Santiago) sobre as perspectivas de futuro da Política Agraria Común (PAC) e coa presentación de tres casos de éxito a cargo de gandeiros da comarca: Amaro López, unha das ganderías visitadas o sábado; Ovidio Méndez, que xestiona unha gandería ecolóxica de vacas vianesas na Fonsagrada, unha actividade que complementa co restaurante Catro Ventos, no que ofrece a carne da súa propia explotación; e José Manuel Fernández, ex-presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, que conta cunha explotación de vacún de carne que complementa con 5 hectáreas de soutos e coa produción de mazás.

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes aproveitou tamén a Reunión para nomear dous novos socios de honra, Juan Piñeiro, investigador xubilado de Mabegondo, e un gandeiro da Gudiña, José Manuel Pérez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información