Gandería extensiva e lumes, unha ecuación a invertir

Medio Rural recoñece que na zona sur de Galicia, os montes con máis gandería presentan máis incendios forestais. Pretende chegar a acordos con produtores e comunidades de montes para cambiar esa tendencia e converter o gando nun aliado da prevención

Gandería extensiva e lumes, unha ecuación a invertir

O bo manexo da gandería extensiva contribúe á prevención dos lumes.

O gando actúa no monte como unha desbrozadora. Vacas, cabras e ovellas en extensivo contribúen a manter o terreo cunha menor carga de mato, polo que a súa presenza no monte é sinónimo de menos combustible que poida arder se se declara un incendio. Os pastizais de herba verde actúan ademais a xeito de cortalumes. Esa é a teoría para cando hai unha boa xestión, pero que sucede cando as cousas se fan mal?

Cando hai un mal manexo do gando e do monte, a ecuación invírtese. O territorio con máis gando convírtese nunha zona con máis incendios, pois o lume emprégase para xenerar pastos. Medio Rural recoñece que tal problema dáse en boa parte dos montes con gando da metade sur de Galicia, en especial na provincia de Ourense e nalgúns concellos do interior de Pontevedra.

“Nas áreas conflictivas, imos falar coas partes e impulsar acordos entre gandeiros e propietarios” (Tomás Fernández Couto)

Para afrontar o asunto, a estratexia da Consellería pasa por mellorar o manexo do gando no monte. “Nas áreas conflictivas, imos analizar que ganderías hai, que comunidades de montes ou que organización da propiedade temos, e falar con todas as partes para impulsar acordos e regularizar o aproveitamento dos montes”, explica o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. “Queremos que nos montes con gandería se implanten pastizais, que haxa cercados, pasos canadienses e mangas de manexo”, enumera.

Con esa filosofía, as primeiras actuacións desenvolvéronse nos últimos anos na comarca do Barbanza (A Coruña), que Fernández Couto considera que pode servir de exemplo para outras comarcas co mesmo problema.

A progresiva implantación de pastizais convertiu en anecdóticos os lumes nos Ancares

O Barbanza, unha zona a cabalo das rías de Arousa e de Muros, rexistra cada verán episodios de reiterados incendios, os últimos graves en Porto do Son o verán pasado, pero Medio Rural pensa que esa tensión irá desaparecendo, alomenos no que respecta ós lumes vinculados á gandería.

O caso dos Ancares
Outro exemplo dos efectos positivos que implica unha boa xestión da gandería adoita contalo o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada, que durante máis de tres décadas foi funcionario de Extensión Agraria e da Consellería. “Cando eu cheguei por primeira vez ós Ancares, había lumes tódolos veráns, ata o punto de que un funcionario chegou a dicirme ‘Esta xente leva o lume no sangue”.

Tempo despois, a medida que Extensión Agraria foi promovendo a implantación de pastizais nos montes veciñais, os lumes nos Ancares remitiron e hoxe son case unha anécdota. “Semella que o problema non era que a xente levase o lume no sangue”, conclúe Villada.

Asturias levantou o veto ó pastoreo en zonas queimadas

A relación entre gandería no monte e lumes é extensiva a toda a Cornisa Cantábrica, onde cada primavera hai incendios ligados ós pastos. Esta campaña, os principais problemas rexistráronse en Asturias, unha comunidade na que o Goberno autonómico decidiu levantar a prohibición de pastorear en terreos queimados.

Os axentes medioambientais consideran que Asturias viviu esta primavera unha oleada de lumes ligados ós pastos

A medida de suprimir os acoutamentos de zonas calcinadas para o pastoreo desembocou, segundo os axentes medioambientais, nun aumento dos incendios. En Galicia, a lexislación autonómica prohíbe que durante dous anos se pastoree en terreos queimados, se ben o grao de cumprimento da medida é desigual.

Desde o sector gandeiro tamén advirten que non se debe penalizar a granxas que nada tiveron que ver nos lumes. Hai casos de incendios forestais que afectan a miles de hectáreas nas que é seguro que ganderías que están a quilómetros do foco inicial non gardan relación co lume.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información