Gandería Doval, Cachenas e Rubias que traballan na prevención do lume no Candán

Manuel Doval apostou hai 5 anos pola cría de vacas en extensivo nos montes de Zobra (Lalín). Comezou con Rubia Galega e pouco a pouco foi incorporando as Cachenas, que agora son a maioría. Hoxe ten 70 cabezas desta raza autóctona e vai camiño dos 100 animais

Gandería Doval, Cachenas e Rubias que traballan na prevención do lume no Candán

Manuel Doval, con algunhas das vacas e xatos do seu rabaño de Cachenas.

Hai 5 anos que Manuel Doval cambiou as obras nas autoestradas polas cachenas. Cando o traballo comezou a escasear neste sector, Manuel decidiu apostar pola cría de vacas en extensivo nos montes de Zobra, na Serra do Candán, no concello pontevedrés de Lalín, a súa aldea natal.”Esta é outra vida totalmente diferente”, valora.

Comezou con Rubia Galega para logo pasarse ás Cachenas, que hoxe son maioría no seu rabaño. “Quería empezar xa coas Cachenas pero a inversión era moi grande e decidín ir pouco a pouco e optei por mercar primeiro Rubia Galega”, explica o gandeiro. Hoxe conta cunhas 20 vacas desta raza e unhas 70 cachenas.

Decidiu comezar coa cría de Rubia Galega e pouco a pouco ir incorporando Cachenas

Mentres as vacas de Rubia Galega pacen nos prados máis próximos á vivenda, as cachenas tenas no monte case todo o día e só en determinadas tempadas, cando os xatos son moi pequenos, volven á corte que lles ten nunha das fincas en propiedade.

“Os becerros non quero telos no monte porque teño moito risco de perdelos e déixoos neste terreo pechado. Mentres os xatos son moi pequenos, as vacas volven xunto a eles pola noite”, explica. O gandeiro tamén apunta a que é un xeito de evitar perdas polo lobo.

Cachenas-e-xatos-no-montes-Zobra-

Os becerros tenos nunha finca cerrada de monte.

Entre monte e pradeiras

Os xatos permanecen nunha parcela dunha hectárea, pechada no monte, onde conta tamén con cortes pensadas, sobre todo, para os becerros. Esta parcela é tamén onde xunta as vacas cando ten que facerlles o saneamento. “Aquí teñen sombra e fresco no verán e é un sitio moi abrigoso no inverno”, comenta o gandeiro.

O resto do rabaño das cachenas repártense por unhas 40 hectáreas de monte veciñal en man común. “Eu precisaba monte por onde ter o rabaño e as vacas contribúen a manter o monte limpo e traballan na prevención de lumes”, indica Manuel.

Dispón dunhas 40 hectáreas de monte veciñal en man común, cedidas pola comunidade de montes, onde ten as cachenas

De feito, a Comunidade de Montes encargouse de desbrozar inicialmente parte desta superficie para facilitar que medre o pasto. “Eles déronlle a primeira volta para triturar os toxos e xestas que había e agora eu voulle dando cada pouco porque senón o toxo volve aparecer”, sinala Manuel.

Xunto coas fincas de monte, Manuel ten en propiedade arredor dunhas 15 hectáreas de pradeira en Zobra onde adoitan pacer e pasalo día o rabaño das vacas rubias. “As cachenas déixoas no monte pero as rubias van ó prado tódolos días e quitan máis tempo”, recoñece. Agora está pendente de pechar boa parte das fincas que ten próximas á casa, nas que pacen as vacas rubias, polos danos do xabaril. “Fanse necesarias máis axudas polos problemas que nos está causando o xabaril nos prados e que nos obriga a pechalos”, indica.

Ademais, na parroquia veciña de Vilatuxe ten arrendadas outras 20 hectáreas. Nestes prados é onde produce boa parte das forraxes, tanto de silo de herba como de herba seca, para alimentar o gando. “Se non fora polas terras de Vilatuxe non tería xeito de producir as forraxes para tanta vaca”, apunta.

Parte do rabaño de cachenas que Manuel ten no monte.

Os comezos foron difíciles

Aínda que os comezos adoitan ser difíciles en tódolos eidos, Manuel tivo nestes primeiros tempos importantes baixas na súa gandería. “De non ser polas baixas, agora estaría xa nas 100 cachenas”, comenta.

Nos primeiros tempos morréronlle unhas 20 vacas, 5 delas a causa dun raio

Unha das compras de animais que fixo foi de 35 cachenas e delas só lle quedaron 15, ademais de perder algunhas das vacas que xa tiña no rabaño. “Non sei se foi que non se adaptaron ben na finca na que estiveron ó principio ou se xa viñan con algún virus”, comenta o gandeiro.

Entre esas baixas, nunha soa xornada perdeu 5 animais. “Desa vez dixéronme que fora un raio o que as matara”, recorda. “Daquelas pensei que como seguise así non me ía quedar vaca ningunha. Agora, levo 2 anos sen baixas”, indica Manuel.

O seu rabaño procede de distintos puntos de Galicia. Algúns dos exemplares mercounos en Ortigueira, outros no Vicedo e boa parte delas a unha gandería dunha parroquia veciña, á que lle adquiriu a totalidade dos animais que tiña.

Cachenas-Zobra-xatos-monte__--

Mentras os becerros son moi novos, as vacas volven á corte pola noite.

Pese a que a estas vacas, caracterizadas polo seu pequeno tamaño e gran cornamenta, se lle adoita atribuír un carácter bravo, Manuel ten moitos exemplares bastantes mansos, aínda que estean todo o día no monte. O gandeiro tamén recoñece que “algunhas son máis bravas e en canto escoitan unha voz que non lles resulta familiar xa escapan”, indica.

Nos montes da Serra do Candán, Manuel conta con outra dificultade engadida: as minas que aínda quedan dun pasado no que se extraeu o estaño na zona. Na finca que ten pechada, ten dous pequenos buratos que levan a estas minas. “Polo momento solo me caeu unha vaca unha vez nunha, o resto non se meten a elas”, recorda.

Venda directa

Nestes primeiros tempos, a gandería está a vender sobre o todo os xatos machos e cría as becerras que pode para ir incrementando o rabaño. “Todas non as podo criar porque se non vendes animais, non das aguantado ca gandería”, precisa Manuel.

Cachenas-Zobra-Xatos-para-a-venda-

Comercializa directamete os becerros unha vez que teñen arredor de 8 meses, cuns 110 -115 quilos en canal, que sacrifica e prepara nun matadoiro e unha carnicería próximos. Os xatos críaos a base do leite que maman, penso e herba seca.

A maioría dos seus clientes, polo do momento, son particulares da zona ou aqueles que o coñeceron a través do boca a boca. Ademais, algúns dos becerros son parte do pago polo arrendo das terras dos veciños.

Manuel recoñece que polo momento pode aguantar ó combinar a venda da carne cos pagos que recibe por criar raza autóctona. “Se non fora polas subvencións está moi complicado comezar con estas ganderías e menos sendo un só”, comenta o gandeiro, que vende o quilo da cachena a un prezo medio de 5 euros.

Manuel quere convencer a outros gandeiros do lugar para criar gando de xeito extensivo e de forma conxunta

De feito, Manuel xa tentou convencer a outros gandeiros da zona para crear unha gandería en extensivo conxunta, aproveitando os montes veciñais en man común que poida cederlles a comunidade de montes e contar cun rabaño de vacas máis amplo. “Para min era o xeito de poder ser máis competitivos e ó mesmo tempo, conseguir que o monte non se nos metese nas casas”, comenta o gandeiro.

Pero, por agora, non conseguiu o apoio do resto dos gandeiros. Na actualidade, nesta pequena aldea da Serra do Candán só quedan media ducia de ganderías de vacún de pequeno tamaño.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información