A gandería deberá baixar un 15% as emisións ligadas ó cambio climático

A Comisión Europea estuda axudas no marco da PAC post-2020 para que o agro cumpra cos obxectivos da Cumbre de París, pola que a UE se comprometeu a reducir un 40% as súas emisións en relación a 1990

A gandería deberá baixar un 15% as emisións ligadas ó cambio climático

A Comisión prevé que a redución de gases de efecto invernadoiro repercuta na produción de carne.

O agro encara un triple reto ligado ó cambio climático. O quecemento do planeta ameaza con reducir as producións agrarias, se ben a demanda de alimentos medrará polo aumento da poboación mundial. Paralelamente, esíxelle a agricultores e gandeiros que reduzan as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. En Europa, a esa redución xa se lle poñen cifras. Espérase que chegue ó 15% no 2030.

A gandería europea enfrontarase nos próximos anos á obriga de reducir as súas emisións. A responsabilidade das emisións no campo divídense principalmente entre o sistema dixestivo dos rumiantes (42%), estercos (15% ) e manexo do solo (uso de fertilizantes, estercos, laboreo, etc.), que provoca o 38% das emisións.

En caso de que haxa axudas para reducir as emisións, Galicia baixará a súa produción de carne de vacún só nun 2-3%, segundo a Comisión

A necesidade de limitar os gases de efecto invernadoiro provocará un impacto en especial no vacún de carne, segundo o Joint Research Center (Centro de Investigación Común), dependente da Comisión Europea. O Centro baralla dous posibles escenarios. Un no que os produtores conten con axudas para facer esforzos de mitigación na emisión de gases, e outro sen axudas.

Na hipótese de que os gandeiros non tivesen axudas, o Joint Research Center prevé unha redución da produción de vacún de carne e un aumento das importacións en toda Europa. No caso galego, o centro cuantifica o descenso da produción para o 2030 entre un 5 e un 7%. Territorios veciños como Asturias ou norte de Portugal sufrirían un impacto maior, con perdas da produción do 8 ó 15%.

En caso de que houbese axudas para os gandeiros, as perdas de produción derivadas da redución das emisións limitaríanse no caso galego a un 2-3%, segundo as estimacións do Joint Research Center.

Medidas para reducir as emisións
As opcións para reducir as emisións no agro céntranse en aspectos como os seguintes:

Gandería: aumento do rendemento leiteiro por animal, cambios e mellora na eficiencia da alimentación dos rumiantes, produción de biogas con residuos gandeiros.

Cultivos: mellora na eficiencia do uso de fertilizantes nitroxenados, reducir o laboreo de solos ricos en materia orgánica.

O Joint Researh Center avoga por fomentar a produción de biogas gandeiro e por técnicas de cultivo como a agricultura de conservación, baseada nun mínimo laboreo, o que reduce as emisións e os gastos de enerxía da maquinaría agrícola.

Gases de efecto invernadoiro por sector

Na Unión Europea, a responsabilidade de reparto de emisións divídese entre os seguintes sectores:

– Enerxía: 77%
– Industrias: 8,8%
– Agricultura, 10,2%
– Residuos, 3,4%
– Sector forestal: -7,2% (Captura gases de efecto invernadoiro).

A emisión de gases de efecto invernadoiro no agro europeo reduciuse por riba do 20% desde 1990, pero se non se fai nada máis, ata o 2030 só se baixará un 2,3% máis. Os obxectivos da Comisión Europea apuntan a unha redución de emisións no agro dun 15% ó longo da próxima década.

O país que se atopa con máis problemas polas emisións gandeiras é Irlanda, pois ata un 30% dos seus gases de efecto invernadoiro corresponden á agricultura. Lituania e Letonia superan o 20% e Francia e Dinamarca rondan o 18%. En España, as emisións do agro rondan a media europea, cun 11,1%.

Máis información
O cálculo da pegada de carbono, un reto para a gandería galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información