Galicia exporta a Andalucía o seu modelo de seguridade alimentaria no sector de pensos da man de Agafac

A Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos destaca en Sevilla as vantaxes dos autocontrois e dos protocolos de alerta rápida sectoriais

Galicia exporta a Andalucía o seu modelo de seguridade alimentaria no sector de pensos da man de Agafac

Ponencia de Bruno Beade en Sevilla

Como funciona e que axentes participan no control de pensos compostos para animais para garantir ao máximo a seguridade do consumidor foron os principais puntos que o director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), Bruno Beade, analizou na Asociación de Fabricantes de Pensos Compostos para Animais de Andalucía (Afaca), entidade que agrupa ás principais empresas do sector nesta comunidade autónoma.

O encontro tivo lugar en Sevilla, no marco da asemblea xeral de decembro da asociación andaluza, e onde o sistema galego de seguridade alimentaria, gmp.Galis, foi o gran protagonista da xornada de traballo.

Na actualidade, gmp.Galis está considerado polos expertos como o sistema de control sectorial en pensos compostos máis avanzado de España, situando ao sector galego, e por tanto a Galicia, como un modelo a seguir e á vangarda en canto a modernidade e colaboración, xa que participan todos os axentes implicados no proceso de elaboración de pensos, desde provedores de materias primas ata almacenistas, transportistas, fabricantes, gandeiros, agricultores e veterinarios.

Máis de medio centenar de fábricas

Na súa intervención, Beade explicou que o sistema aborda a posible contaminación de materias primas mediante un control conxunto e sectorial, baseado en criterios de Análises de Perigos e Puntos Críticos de Control (APPCC) cuxa implantación “beneficia moi considerablemente ao sector”, ademais de facilitar a homoxeneidade dos controis oficiais e achegar tranquilidade e seguridade, tanto ao sector como aos consumidores “ao dispor dun protocolo de alerta rápida de carácter sectorial”.

Agafac creou gmp. Galis en 2005, avalado pola Xunta de Galicia para realizar un control sectorial e conxunto das materias primas coas que se fabrican os pensos. Funciona mediante mostraxes representativas das descargas de barcos, almacéns portuarios e de mostras procedentes do interior da Península. Na actualidade, engloba a 55 fábricas de alimentación animal que representan aproximadamente o 96% da produción de pensos de toda a comunidade galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información