“Galicia é afortunada por contar con persoas no campo tan comprometidas co seu traballo”

Carlos Rodríguez, director técnico de Ovica, a asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia, analiza nesta entrevista a situación do sector e a evolución da marca ‘Pastores de Galicia’, creada no 2015

“Galicia é afortunada por contar con persoas no campo tan comprometidas co seu traballo”

Carlos Rodríguez, nunha saída de asesoramento en campo nunha gandería de Samos asociada a Ovica. / Imaxes: Ovica.

Carlos Rodriguez, enxeñeiro agrónomo de profesión, é desde hai algo máis de cinco anos o director técnico de Ovica, a asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia, un posto que compatibiliza coa súa docencia como profesor asociado de Economía Aplicada na Escola Politécnica de Lugo (Universidade de Santiago).

Cal é a radiografía que se pode facer do sector do ovino e caprino en Galicia?
– En Galicia existen máis de 20.000 explotacións de ovino e cabrún, cunha media de 10 animais por granxa. Na maior parte dos casos, estas ganderías son un complemento doutras actividades agrarias ou doutras rendas de traballo. Non se precisan grandes investimentos para iniciarse no noso sector e complementar o ovino ou o cabrún con outros ingresos agrarios é moi común entre os nosos asociados e cooperativistas.

Podes atopar gandeiros que diversifican ingresos e ademais de sacar adiante a súa produción de carne de cordeiro ou cabrito, ou de leite de ovella e de cabra, tamén dispoñen de ganderías de vacún de carne, de vacún de leite, de horta, de porcino ou de avicultura artesanal, entre outras.

Temos asociados tanto con ganderías de razas autóctonas como ganderías de rabaño mestizo (a gran maioría), e tanto en produción convencional como con certificación ecolóxica, que está a ter un auxe exponencial nos últimos anos.

En ganderías en extensivo, teño escoitado moito como a xente se define como supervivintes ou ata como románticos do agro. Dadas as circunstancias actuais, eu adoito dicir que os pastores son unha raza en perigo de extinción.

Ovica cumpre 25 anos no 2019. Que destacarías dos logros da asociación?
– Desde a constitución de Ovica, no 1994, os gandeiros entenderon que a profesionalización do sector pasaba por comercializar e valorizar a excelente carne de cordeiro e cabrito que producimos en Galicia.

É importante destacar que a gran maioría das persoas asociadas a Ovica non quere vivir de axudas públicas. Queren que se recoñeza o valor dos seus produtos, polo que traballamos a reo para que a Xunta aprobara a marca de garantía ‘Pastores de Galicia’, coa que se garante a trazabilidade da carne de cordeiro e cabrito do “país”, que é criado de xeito tradicional en base ao leite materno das nais e ao pastoreo libre destas nos prados.

“A gran maioría dos gandeiros non quere vivir das axudas públicas. Quere que se recoñeza o valor dos seus produtos”

Con que estrutura de funcionamento contades en Ovica?
– Ovica acolle a todo o sector na comunidade, tanto na propia asociación coma na súa cooperativa (Vélaro), e funciona de xeito asambleario. A xunta directiva de Ovica está formada por 15 persoas: gandeiros/as das catro provincias, tanto de ovino como de cabrún, moitos deles mulleres e homes que se incorporaron hai pouco e con ilusión polo sector. Tamén temos gandeiros/as cunha gran traxectoria detrás, a punto de xubilarse e con moita experiencia acumulada que transmitir ás novas xeracións.

Carlos Rodríguez, nunha xornada en Lalín.

Carlos Rodríguez, nunha xornada en Lalín.

Cando fun coñecendo as ilusións, gañas e esforzo que adican os nosos gandeiros e gandeiras a todo o que fan no seu día día, dinme de conta do afortunados que somos como sociedade Galicia ten moita sorte de contar cun sector primario cheo de xente tan comprometida no seu traballo.

A sociedade tamén debería ser consciente da importancia que temos a nivel individual como consumidores, cando decidimos mercar os alimentos que producimos en Galicia fronte a outros foráneos.

En Ovica, un dos apartados ó que lle prestades especial atención é o da formación. Que actividades estades desenvolvendo a nivel formativo?
– Xa hai anos que vimos que era necesario paliar o déficit formativo ofertado por parte da Xunta de Galicia, polo que estamos a programar alomenos unha xornada técnica anual monográfica do sector ovino e cabrún. Tamén se convocaron cursos de capacitación teórico-prácticos de esquilador de ovellas profesional, e algúns outros, pero o máis importante é que comezamos a realizar xornadas específicas de asesoramento para mozos/as que desexan incorporarse á actividade gandeira no rural no eido da produción ovina e de cabrún.

Xornada con persoas mozas que se incorporan ó agro.

Xornada con persoas mozas que se incorporan ó agro.

As persoas que se queren incorporar a este sector non dispoñen de ningunha alternativa formativa específica de carácter público e gratuíto, polo que rematan acudindo a nós para poder recibir unha formación axeitada e ter a oportunidade de visitar granxas con traxectoria no sector e xestionadas por mozos/as que tiveron que pasar polos mesmos atrancos.

Este ano xa imos pola terceira edición e comprobamos que é unha actividade moi ben valorada polos rapaces e rapazas que asisten. Ao mesmo tempo, como asociación permitiunos incorporar a 65 novos/as gandeiros/as repartidos/as por toda Galicia entre o 2015 e o 2017.

Como está sendo a acollida da marca “Pastores de Galicia” no mercado nesta primeira fase, tras a súa recente creación e aprobación do seu Regulamento de uso?
– A verdade é que estamos moi ilusionados e satisfeitos por como foi o recibimento da marca nos mercados nesta fase inicial. No primeiro ano de vida houbo preto de 20 produtores/as que integraron as súas ganderías de ovino e cabrún no Regulamento de Uso de Pastores de Galicia. Ben é certo que aínda que a maioría xa eran socios/as de Ovica e coñeciamos como traballaban e criaban os seus animais, tamén se integraron algúns novos.

Hai que lembrar que a marca “Pastores de Galicia” é propiedade de Ovica, pero está aberta a calquera produtor, sempre e cando cumpra co Regulamento de uso aprobado pola Consellería de Medio Rural.

“Pastores de Galicia conta xa cunha vintena de ganderías acollidas ó Regulamento de uso da marca”

Por parte de Ovica, os nosos técnicos son os encargados de realizar a certificación do selo e o mantemento da trazabilidade dos animais dende que saen da gandería ata que son distribuídos desde o matadoiro cara o seu punto final de consumo, ben sexa en venda directa, restauración ou distribución maiorista e minorista.

A maior parte dos nosos clientes actuais son chefs e restauradores de gran talento e creatividade, que recoñecen o valor dos cabritos e cordeiros de ‘Pastores de Galicia’.

O obxectivo sitúase en asentar unha base sólida sobre a que poder programar a futura produción para desestacionalizar e abastecer o mercado ao longo de todo o ano, a medida que aumentemos o número de clientes e lle demos acollida a máis produtores dentro da marca.

Que características destacas do Regulamento de uso da marca ‘Pastores de Galicia’?
– As ganderías acollidas á marca ‘Pastores de Galicia’ caracterízanse por un manexo en base a sistemas extensivos e semiextensivos, cunha alimentación diaria das ovellas ou cabras pastoreando libremente nos pastos ou mediante aproveitamento silvopastoril. A alimentación das crías realízase únicamente co leite materno e coa posibilidade de suplementar con herba seca ou cereais cara o final do seu período de cebo.

Logo de 'Pastores de Galicia'.

Logo de ‘Pastores de Galicia’.

Realmente con “Pastores de Galicia” non inventamos nada novo, plasmamos sobre o papel o xeito de producir do año e cabrito do país, criado en Galicia, cunha carne exquisita grazas ao xeito de crianza e de alimentación, que levan facendo os nosos bisavós e avós dende tempos inmemoriais. É unha marca inclusiva, que aglutina aos produtores por un xeito tradicional e artesanal de crianza, de manexo e de alimentación, máis aló que por diferenciación de raza autóctona ou produción ecolóxica, que xa contan con seus propios selos e certificacións.

Coa marca de garantía, hai un control en todo momento da crianza para asegurar a trazabilidade ata o consumidor final, o que nos permite establecer unha relación de confianza co cliente ou co restaurador.

Todo o procedemento é artesanal, xa que ata o máis mínimo detalle se coida durante a cadea de trazabilidade: co proceso de despece, envasado, etiquetado e transporte refrixerado ata o destino final. Esta situación motiva un encarecemento do produto final, polo que estamos a barallar distintas alternativas de cara a un futuro próximo, para que poida ser introducido en asadores, parrilladas e restaurantes a un prezo máis competitivo.

Falabas da posibilidade dun manexo silvopastoril do gando. A xestión do monte con gando é unha cuestión pendente de impulsar en Galicia?
– O elevado volume de biomasa que medra nos nosos montes, que agrava o problema dos lumes, quedaría mitigado considerablemente se se executaran políticas reais de limpeza con brigadas antilumes naturais de cabras e ovellas, que permiten ter desbrozado o monte durante todo o ano, xa que as especies leñosas e herbáceas son a base da súa excelente alimentación, como a silva, o toxo, a xesta, a folgueira, a carqueixa ou o fento.

Gandería de Ovica pastando baixo arborado e e en pastos arbustivos. Ao fondo, plantación ilegal de eucaliptos en terras agrarias.

Gandería de Ovica pastando baixo arborado e e en pastos arbustivos. Ao fondo, plantación ilegal de eucaliptos en terras agrarias.

É unha mágoa que padecendo a problemática de lumes existente en Galicia, e tendo en conta o potencial do noso sector, a Consellería de Medio Rural non implante programas específicos de apoio á gandería e de prevención de lumes, como teñen feito noutras partes do territorio español.

“En Castilla La Mancha, hai 100 ganderías de ovino e cabrún que xestionan 6.600 hectáreas de monte para previr incendios”

O máis recente é o coñecido como “Ovella Bombeira”, posto en marcha polo governo de Castilla La Mancha no 2017, que xestiona 6.600 hectáreas de monte coa colaboración de 100 ganderías.

Qué debilidades considerades que poden afectar a “Pastores de Galicia” no futuro máis próximo?
– O mercado da carne en Galicia a tódolos niveis é moi complexo. No caso do cordeiro e do cabrito se cabe aínda está máis agravado, porque non dispoñemos dunha lonxa de prezos ou dun mercado de referencia sobre o que orientarnos.

Para nós isto constitúe un gran inconvinte, polo que a tendencia é empregar os valores medios de mercados como o de Villalpando (Zamora) como referencia, cando o produto é totalmente distinto. O cordeiro “lechal” de Castela é un animal destetado da súa nai, alimentado con leite en pó e lactorremplazantes e sacrificado con menos de 2 meses de idade, polo que a carne é máis insípida.

“Os consumidores teñen un gran poder cando deciden consumir alimentos que producimos en Galicia fronte a outros foráneos”

Actualmente estamos a desenvolver un proxecto de investigación no marco dun grupo operativo local, xunto con Agaca e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), precisamente para definir os matices que lle aportan á carne o manexo e a alimentación que reciben dentro da marca.

O fin último de “Pastores de Galicia” é ofrecer uns ingresos dignos a todos/as aqueles/as rapaces/zas que decidan apostar por este xeito de vida no rural. Pastores de Galicia é a pedra angular sobre a que profesionalizar todo un sector e o seu éxito depende en gran medida do compromiso e vontade da Consellería de Medio Rural para aplicar certas medidas que son imprescindibles para invertir a actual situación.

A realidade é que a produción galega de cordeiro e cabrito rolda os 428.800 quilos sacrificados en matadoiros, pero hai case 1.000.000 de quilos que se seguen a sacrificar por canles non autorizadas e sen axeitados controis sanitarios.

O sector leva necesitado nos últimos 10 anos dunha aposta decidida, que ao noso entender debe pasar por un Plan Estratéxico.

Gandería de cabrún nun monte veciñal das Rías Baixas.

Gandería de cabrún nun monte veciñal das Rías Baixas.

“Un 70% da produción galega de ovino e cabrún sacrifícase por canles non autorizadas”

Que necesidades prioritarias vedes no sector?
– En primeiro lugar, os prezos que a maior parte dos matadoiros impoñen polo sacrificio de pequenos ruminantes son prohibitivos. Non podemos asumir custos que oscilan entre os 10 e 30 euros por cordeiro ou cabrito e sen contar o despece e envasado ao baleiro. Esta situación leva a que moitos gandeiros pequenos que non están na asociación nin na cooperativa, sobre todo os menos profesionalizados, realicen o sacrificio na propia granxa, sen ningún tipo de control sanitario.É unha situación que afecta ata a un 70% do gando.

A Consellería debe poñer en marcha sistemas de matadoiros móbiles, o que permitiría abaratar o custo da comercialización da carne, lastrada na actualidade polos gastos de desprazamento e sacrificio en matadoiros autorizados. Estes modelos de sacrificio xa están implantados noutras comunidades como Cataluña e en países como Alemania, Suecia ou Noruega.

“O sistema de matadoiros móbiles permitiría abaratar os custos da carne”

Tamén somos partidarios de que se modifique o decreto ministerial sobre sacrificio e comercialización directa nas granxas para flexibilizar a instalación de salas de despece compartidas entre varios gandeiros.

Por parte da Xunta, vemos falta de apoio real ás demandas do sector. Esa falta de apoio, unida a outros factores, como o cambio dos hábitos de consumo, leva a unha progresiva reducción en Galicia do número de animais reprodutores.

Está baixando en Galicia o consumo de cordeiro e cabrito?
– O que vemos é que en Galicia está a mudar a gran tradición asociada ao cordeiro e cabrito nas festas familiares e eventos. Isto débese en parte á desconexión co rural das novas xeracións. A globalización condúcenos á irremediable introdución de alimentos transformados, cada vez máis presentes na nosa dieta, que está desprazando a ingredientes básicos da cultura culinaria galega.

Paletiña de 'Pastores de Galicia' preparada polo restaurante A Tafona (Santiago).

Paletiña de ‘Pastores de Galicia’ preparada polo restaurante A Tafona (Santiago).

É unha verdadeira mágoa, porque se non hai un consumo e a poboación non fai uso da súa soberanía alimentaria dun xeito responsable, estamos a tirar pedras contra o noso propio tellado, estamos a destruir parte da nosa cultura gastronómica.

Actualmente estamos a elaborar desde Ovica un recetario de cociña, co apoio da Deputación de Lugo, que mestura a tradición coa innovación e a vangarda para a promoción do consumo da carne de cordeiro e cabrito de “Pastores de Galicia”. Esperamos que estea editado e publicado para a campaña de Nadal deste ano.

“Estamos a elaborar un recetario de cociña con novos cortes que sexan atractivos para a xuventude”

Queremos que os nosos cortes de carnes sexan atractivos para a xuventude e que descubran novas elaboracións e sabores. O futuro éxito da marca pasa en gran medida por apostar polos máis novos da casa e ofrecerlles un producto diferente, sinxelo de elaborar, divertido e de excelente calidade.

En que outros proxectos estades a traballar?
– De cara ó medio prazo, e manténdonos fieis á nosa filosofía, estamos a traballar sobre a creación da nosa propia aplicación telemática de comercio electrónico, que estará operativa no primeiro trimestre de 2.020 e que ademais permitirá a programación da produción ovina e caprina de todos os gandeiros/as inscritos/as en Pastores de Galicia.

“Imos crear unha aplicación de comercio electrónico que estará operativa no 2020”

Até o de agora integramos a Cooperativa e a marca en plataformas existentes de venda directa de produtos artesanais, como o movemento Feedcoo, a quen lle agradecemos a súa paixón recíproca por dar a coñecer a bondade da materia prima coa que contamos en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información