A Fruga advirte de impagos de xatos no sector de vacún de carne

A organización agraria advirte das débedas que un matadoiro mantén con gandeiros e tratantes. Pide a implicación da Xunta na busca de solucións para a industria e para os produtores

A Fruga advirte de impagos de xatos no sector de vacún de carne

A Fruga sinala que hai ganderías que arrastran débedas superiores ós 5.000 euros.

A Federación Rural Galega (Fruga) advirte da existencia de ganderías de carne que arrastran impagos de xatos por importes que nalgúns casos superan os 5.000 euros. A organización agraria apunta a un matadoiro como responsable principal dos problemas de débedas que se rexistran no sector, se ben renuncia polo de agora a facer público o nome da industria.

Os impagos, segundo explica a Fruga, están a afectar a toda a cadea do vacún de carne, tanto a tratantes ou compradores, que a súa vez manteñen débedas cos gandeiros, como ós propios produtores de xeito directo.

Esta situación resulta preocupante para as ganderías, pois teñen uns gastos fixos que afrontar e, temporalmente, vense sen ingresos polos xatos que acumulan sen cobrar. Doutro lado, a Fruga entende que os impagos están a danar ó mercado do vacún de carne, pois interpreta que favorece baixadas encubertas do prezo por parte doutros compradores, ó reducirse a competencia.

Solucións
Desde a Federación Rural Galega piden a intervención da Administración na busca de apoios para as industrias cárnicas que estean en problemas, ben colaborando na busca de novos investidores, ben por outros mecanismos. Tamén demandan liñas de apoio para as granxas en problemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información