Frigoríficos Bandeira exporta un 27% da súa carne a Holanda e outros países europeos

A firma silledense acadou os 60.000 exemplares sacrificados o pasado ano e aumentou a súa facturación nun 1,5 %

Frigoríficos Bandeira exporta un 27% da súa carne a Holanda e outros países europeos

Frigoríficos Bandeira.

Frigoríficos Bandeira, unha firma centrada no sacrificio e despezamento de gando bovino, continúa superando as súas cifras de facturación, acadando no 2018 os 56,8 millóns de euros, un 1,52% máis que o anterior exercicio. A firma, situada en Bandeira (Silleda, Pontevedra), sacrificou o pasado ano 60.000 exemplares, o que supón uns 1.200 por semana. Un 27,7% do seu mercado atópase na exportación, principalmente cara a Holanda e outros países da UE, como Portugal, Dinamarca, Alemaña e Bélxica.

O abastecemento da firma realízase con gando vacún nado e criado en Galicia, Asturias e norte de Portugal, tanto a través dun amplo grupo de provedores (gandeiros, tratantes, etc.) como da compra directa de vacas en feiras e poxas.

O persoal de Frigoríficos Bandeira está composto por 85 traballadores, que se reparten entre as instalacións de Bandeira e as instalacións de Mercamadrid, ademais de xerar uns 250 empregos indirectos aproximadamente.

Investimentos
En canto ás melloras levadas a cabo pola firma, destaca a automatización da liña de sacrificio, cun investimento de 800.000 euros. Ademais, realizáronse melloras consistentes en duplicar a potencia e mellorar a eficiencia enerxética, reducíndose tamén o impacto ambiental no que ao ruído se refire.

Outra das melloras levadas a cabo foi en relación coas caldeiras, nas cales se duplicou a potencia de produción de vapor, substituíuse o combustible por GNL (Gas Natural Licuado), mellorando desta forma a emisión de gases á atmosfera. Do mesmo xeito, iniciouse unha primeira fase de tratamento de xurros, atendendo á normativa da Unión Europea, que consiste na separación de fase sólida e da fase líquida. Proximamente acometerase un tratamento íntegro de xurros e sandach (subproducto animal non destinado ao consumo humano).

Todas estas actuacións supuxeron un investimento total de 1,5 millóns de euros ao longo do ano 2018.

frigorificos bandeira estandar

Historia
Frigoríficos Bandeira SL é unha empresa familiar fundada por José e Avelino Cochón no ano 1984 e ao longo de tres xeracións, converteuse nunha das industrias cárnicas de referencia en Galicia. A empresa está presente no Mercado Central da Carne en Mercamadrid, onde ten un módulo de venda, despezamento e conservación de produtos cárnicos.

A firma destacou tamén nos últimos anos por ser das primeiras en sumarse á Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia, que pon en valor a calidade da carne procedente de vacas e bois cuxo nacemento, crianza, engorde e sacrificio se leva a cabo en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información