Forte malestar nos gandeiros galegos polas axudas da Xunta para previr os danos da fauna salvaxe

O sector gandeiro denuncia que a Consellería de Medio Ambiente non o tivo en conta á hora de publicar a orde de axudas Advirten de que presenta eivas que impedirán que sexa útil para previr os ataques aos cultivos e ao gando do lobo ou do xabarín

Forte malestar nos gandeiros galegos polas axudas da Xunta para previr os danos da fauna salvaxe

Forte malestar entre os gandeiros galegos pola orde de axudas para a prevención dos anos da fauna salvaxe que publicou este luns a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Diversas organizacións coinciden en advertir de que tal e como se publicou a orde impedirá que boa parte dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ou do xabarín podan solicitar as axudas e que estas non serán efectivas para previr os danos.

Unións Agrarias: “O erro de base é que a orde non foi consultada nin pactada co sector, algo xa habitual na Consellería de Medio Ambiente”

Así, dende Unións Agrarias denuncian que “o erro de base é que o borrador da orde non foi consultado nin pactada co sector, como sería o lóxico, e pese haber mecanismos sobrados de interlocución como o Consello Medioambiental, ou o Consello Agrario”.

“Desta forma, a orde de axudas que presentou a Consellería de Medio Ambiente presenta unha serie de graves erros que fará inviable e ineficaz a súa aplicación”, advirte Jacobo Feijóo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

A organización agraria pon como exemplo os peches fixos para manexo seguro do gando, “onde se esixe a presentación de todos os permisos e autorizacións de obra, como a licenza municipal, no momento da solicitude, o que é inviable nos casos nos que a concesión desta licenza involucra informes positivos doutros entes administrativos, como Carreteras, Augas de Galicia, ou mesmo a Consellería do Medio Ambiente no caso da Rede Natura”.

Jacobo Feijóo: “É incomprensible que para as axudas para peches fixos se esixan presentar todos os permisos no momento da solicitude”

“O lóxico é pedir toda a documentación ao final do período de execución da obra, como se fai cos plans de mellora e coa maioría das axudas, para que dea tempo a obter os permisos, non no momento da solicitude”, defende Jacobo Feijóo.

“Esíxese un tipo de can mastín que non é eficaz para defender o gando”

Por outra parte, dende Unións denuncian que esta orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente “introduce un cambio non pactado na tipoloxía dos cans para a defensa do gando, de xeito que nesta convocatoria se esixe a inscrición dos cans adquiridos no libro xenealóxico da raza, o que na práctica obriga aos gandeiros á adquisición dunha tipoloxía de can de mostra, moi bo para exposición ou a defensa estática, pero incapaz de acompañar ao gando no seu movemento no monte”.

Unha crítica que é respaldada pola Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (ACMET), quen advirte de que os criterios que emprega a asociación que leva a xestión do libro xenealóxico do mastín español son máis de tipo estético e de concurso que de funcionalidade para a protección do gando.

“Os mastíns inscritos nos Libros Genealógicos expedidos pola Asociación que leve o Libro Oficial, réxense por un estándar no que non se valora a rusticidade, a funcionalidade e o temperamento, características fundamentais para o bo desenvolvemento do seu traballo, uns cans que perfectamente poden proceder duns ascendentes  que non estivesen traballando en extensivo co gando en zona de lobos e osos”, subliñan dende a ACMET.

Tamén se cuestiona dende o sector que na orde se subvencione o Can de Palleiro, “que si ben é unha excelente raza de can pastor e realiza un magnífico traballo cos rabaños, non ten aptitudes nin capacidade de enfrontarse ao lobo, o que fai inexplicable a súa presenza no marco dunha Orde de prevención de danos do lobo”.

Sociedade Galega de Pastos e Forraxes: “É imprescindible unha corrección integral da orde”

Ante esta situación, dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) demandan á Consellería de Medio Ambiente unha corrección integral da orde.

“Para previr os ataques da fauna salvaxe ao gando o menor investimento que debería facer a Xunta é en pastores eléctricos e o maior debería ser en cans de defensa e en peches fixos, pero coa actual orde as medidas son totalmente ineficaces”, advirte Joan Alibés, gandeiro e presidente da SGPF.

Joan Alibés: “É inexplicable que a Consellería de Medio Ambiente faga oídos xordos ás propostas do sector”

Así, ademais dos erros co tipo de cans que se subvencionan, no caso dos peches fixos denuncia que as axudas da Consellería de Medio Ambiente “non chegan nin a cubrir o 50% dos gastos, pois subvenciona un máximo de 3,7 euros por metro, cando o custo é dun mínimo de 8 euros o metro”.

Por último, Joan Alibés considera inexplicable a actuación da Consellería de Medio Ambiente, “toda vez que nestes anos levamos dende o sector gandeiro presentando propostas e mantivemos reunións con responsables da Consellería, pero claramente fan oídos xordos a todas e cada unha das nosas propostas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información