Expertos en nutrición animal defenden a incorporación da fariña de insectos nos pensos do futuro

Expertos en nutrición animal defenden a incorporación da fariña de insectos nos pensos do futuro

Xornada de AGAFAC

Internet, a robótica ou a intelixencia artificial son xa realidades utilizadas polas ganderías máis avanzadas, pero os expertos na produción de alimentos compostos para animais están convencidos de que algas, mosquitos, ou mesmo proteínas producidas en laboratorios, conformarán nas próximas décadas unha boa parte dos compoñentes da nutrición animal, da dieta do noso gando.

Esta é unha das conclusións do relatorio titulado “Desafíos e propostas da nutrición animal para o 2050” que o director técnico de Trouw Nutrition, Gerardo Santomá, desenvolveu esta mañá no Foro Galis 2019, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), que se celebrou en Santiago coa presenza de máis de 100 representantes do sector. O conselleiro de Medio Rural, José González, abriu o evento, cuxo peche correu a cargo do presidente de Agafac, Francisco Javier Barcia.

Na xornada participaron, entre outros, o director de Agafac, Bruno Beade; e o titular do departamento de Teoría Económica da Universidade de Barcelona, Gonzalo Bernardos, que impartiu o relatorio “A economía española: oportunidades e riscos?”. O ex-xogador e adestrador de fútbol Javier Irureta, pechou a quenda de intervencións coa conferencia “A evolución e o éxito do fútbol galego na década dos 90: un exemplo de motivación para a consecución dun obxectivo”.

Novas formas de producir alimentos no futuro

O aumento da poboación mundial, que previsiblemente acadará os 9.700 millóns de habitantes en 2050; o incremento da urbanización do solo, coa consecuente perda de terras cultivables; e o incremento na demanda de alimentos, estimado nun 70% máis de proteínas animais a mediados de século; obrigará á industria a buscar novas formas de produción de alimentos para animais que, á súa vez, permitan satisfacer a necesidade de alimentos dos humanos.

É nese contexto no que Santomá propugnou para a produción de alimentos compostos para animais o desenvolvemento da “economía circular”, un concepto que xuntaría o deseño de pensos máis sustentables, a redución de recursos destinados á súa produción e a utilización de novas fontes de proteínas. Entre estas novas fontes de proteínas destinadas á elaboración de alimentos compostos para animais o director de Trouw Nutrition destacou a fariña elaborada a base de insectos polo seu alto contido enerxético, de lípidos e proteínas e a súa excelente composición nutricional que converten a esta fariña na idónea para a alimentación de aves.

O experto defendeu tamén o que definiu como “alimentación de precisión”, enfocada a mellorar a saúde intestinal dos animais de cría até facer desaparecer a utilización de antibióticos.

Sobre Galis e Agafac

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos de Galicia (Agafac) é unha organización profesional creada para defender os dereitos dos fabricantes de pensos galegos da que forman parte 27 e empresas con 36 centros de produción que representan máis do 85% das toneladas de pensos que se elaboran en Galicia.

A entidade ten un sistema de seguridade alimentario propio para controlar as materias primas (soia, millo…). É o sistema Galis, creado en 2005 e pioneiro en España, que conta co aval da Xunta de Galicia. Na actualidade, en Galis están integradas un total de 56 fábricas que representan o 96% da produción de pensos de toda a comunidade autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información