Expertos destacan o gran potencial da montaña galega para gandeiría de calidade

Durante a II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes en Viana do Bolo. O abandono destas zonas por parte da Administración e o despoboamento sitúanse como os principais obstáculos para a actividade gandeira nestas zonas.

Expertos destacan o gran potencial da montaña galega para gandeiría de calidade

Asistentes á segunda reunión de outono da SGPF

Máis de medio cento de asistentes participan entre onte e hoxe na II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que se celebra en Viana do Bolo, no Macizo Central ourensán, baixo o lema “Pastos, gandeiría e territorio nas áreas de montaña”.

A xornada está a combinar exposicións técnicas sobre mellora dos aproveitamentos dos pastos nas zonas de montaña con experiencias prácticas de explotacións gandeiras neste tipo de territorio.

Onte pola tarde as visitas foron a Lina García García, unha moza enxeñeira Agrónoma que se acaba de incorporar á explotación familiar apostando pola produción de vacún de carne en extensivo coa raza Blonde de Aquitania. Os asistentes tamén visitaron a explotación de ovino de carne de Nieves Fernández Vidueira en Quintela de Pando, tamén en Viana do Bolo. Esta gandeira buscou un produto diferenciado apostando pola gandeiría ecolóxica mediante a inscrición no CRAEGA e pola raza autóctona Ovella Galega. Tanto Lina como Nieves, ao igual que a maioría das explotacións gandeiras da zona compatibilizan nesta época a gandería coa recollida de castañas, un produto cada vez máis demandado no mercado.

A importancia de potenciar as Oficinas Agrarias Comarcais

No turno de ponencias de pola mañá, Víctor Álvarez Arias, enxeñeiro da Oficina Agraria Comarcal de Becerreá, e Secundino Fernández, alcalde de Viana do Bolo e traballador da Oficina Agraria Comarcal da localidade salientaron a importancia das Oficinas Agrarias Comarcais para impulsar a actividade agrogandeira, en especial nas zonas de Montaña, e alertaron contra o seu abandono por parte da administración.

E é que, tal como explicaron, o principal obstáculo ao desenvolvemento da actividade gandeira nestas zonas é de tipo humano -abandono por parte da administración e despoboamento- máis que de limitantes técnicos e naturais á produción.

Víctor Arias expuxo tamén tres experiencias de mellora de pastos na alta montaña de Os Ancares (Fonlor, Balgos e Cerredo), nas que o nexo de unión foi o aumento da superficie de pastos a costa de terreos a matogueiras, a aposta pola gandería en extensivo e a modernización técnica con peches electrificados e comedeiros e bebedeiros móbiles, o que redundou nun aumento do número de cabezas de gando, de rendibilidade e de facilidade de manexo e na fixación de poboación no rural.

Menos explotacións pero máis profesionalizadas

Pola súa parte, Secundino Fernández, fixo unha detallada exposición sobre a evolución do sector agrogandeiro nos concellos de Viana do Bolo, A Veiga e Vilariño de Conso entre os anos 2005 e 2014, un período do que salientou a profesionalización das explotacións gandeiras. Deste xeito, malia o importante descenso no número de explotacións -pasaron de 317 en 2005 a 194 en 2014- durante este período o número de gando vacún aumentou na comarca e incrementouse en máis dun 80% o número de vacas por explotación. En canto ao gando ovino e cabrún, Secundino Fernández, salientou que se manteñen explotacións importantes, sobre todo en Vilariño de Conso, e o censo sitúase nunhas 5000 cabezas.

“A apicultura permitiu a incorporación de 25 mozos á actividade agraria en Viana nos últimos anos”

Como actividades que están a ter un importante pulo na comarca, o alcalde e técnico da OAC salientou a apicultura e o castiñeiro. Da primeira salientou que nos últimos anos aumentou un 50% o número de colmeas, ata as 10.000, e está a permitir a incorporación de xente moza á actividade agraria debido á gran calidade do mel desta zona de montaña e aos bos prezos que acada no mercado. Así, salientou que das 35 incorporacións de mozos e mozas nos últimos dez anos, 25 foron en apicultura.

En canto ao castiñeiro, Secundino Fernández lembrou que a comarca é a zona máis produtora de castaña de Galicia, cunha superficie de soutos en aumento e cun produto que se está a valorar cada vez máis no mercado, con prezos que este ano superan os 1,5 € o kilo. Esta alza está motivada tamén este ano pola diminución da produción en Francia e Italia debido á praga da Avispiña do Castiñeiro.

SGPF_outono2015_vACAS_blonda_standar

Explotación de Blonda en Viana do Bolo

O apartado de experiencias de gandería nas zonas de montaña completouse cunha ponencia de Marcos Vázquez Marey, un gandeiro de Láncara. A súa explotación, Casa Vázquez, apostou por un aproveitamento multifuncional da terra, como se facía tradicionalmente en Galicia, neste caso combinando a produción de carne de vacún coa de mazá para sidra ecolóxica, ademais de contar cun museo de maquinaria agrícola. E Miguel Cordero Souto, enxeñeiro de Montes, e traballador do Laboratorio do Territorio (USC) explicou a súa experiencia na cría de cabras en Becerreá, nos Ancares, unha actividade que empezou cunha cabra para limpar unha finca e que hoxe suma un rabaño de arredor de 100 cabezas.

A importancia da cabra e das zonas de matogueira para mellorar o rendemento do vacún de carne

Xa no apartado técnico de mellora dos rendementos dos pastos en zonas de montaña, Koldo Osoro Otaduy, veterinario e investigador do SERIDA (Asturias), destacou os bos resultados de rendemento do vacún de carne en rabaños mixtos, especialmente de vacas con cabras, con melloras na ganancia de peso dos becerros de ata un 15%. “Isto é posible xa que a conduta de pastoreo do gando caprino favorece o desenvolvemento do trevo e o crecemento da vexetación herbácea en zonas de matogueira”, salientou.

Ademais, defendeu o mantemento de zonas de matogueira xunto aos pastos polos beneficiosos efectos que teñen os taninos da vexetación leñosa na saúde das vacas.

A parte técnica completouse cunha ponencia de Josel Presa, enxeñeiro agrónomo de Fertiprado, sobre a implantación e manexo de pradeiras biodiversas de sequeiro.

Xornada deste sábado

A xornada deste sábado complétase cun relatorio de sobre “Pastos e Territorio : pasado, presente ou futuro” por Quico Ónega López, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio do Territorio da USC e gandeiro de ovino. Haberá tamén dúas ponencias sobre incorporacións de xente moza: a de Lina García, gandeira moza incorporada en Viana do Bolo, e a de Xavier Fernández Arias, biólogo e gandeiro de ovino e vacún incorporado no concello lucense de Cospeito.

A II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes finalizará cunha visita a unha explotación de Manzaneda que combina o aproveitamento do viñedo, ovino de carne e vacún de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información