Exaltación da galiña de Mos o domingo 28 no concello de Castro de Rei

A parroquia de San Xiao de Mos, da que toma o nome a única raza de galiña autóctona galega que se conserva, celebra unha xornada que conta con exposición de exemplares en vivo, concurso morfoloxico e degustación

Publicidade
Exaltación da galiña de Mos o domingo 28 no concello de Castro de Rei

Edición anterior dunha degustación de Galiña de Mos.

O domingo 28 de outubro, a parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, en Lugo, celebra un ano máis a súa Expodegustación de Galiña de Mos. A cita, que se celebra no campo da festa da parroquia, a carón da igrexa, inclúe diversos actos durante toda a xornada para promocionar a única raza de galiña galega que se conserva e que toma o seu nome deste lugar.

Un grupo de veciños e criadores, pertencentes á Asociación de Veciños, organizan un ano máis en colaboración co Concello de Castro de Rei, a Deputación, Avimós e Leitigal, unha degustación que se servirá nunha carpa para preto de 1.000 comensais. O menú inclúe empanada de carne, unha ración completa de polo acompañada de patacas guisadas, pan, bebida e queixo da empresa local Leitigal de postre. Os veciños que crían esta raza implícanse de cheo na celebración xa que cinco deles crian os máis de 200 galos que se ofrecen na comida, a partir da unha da tarde. O prezo por persoa é de 9 euros e como agasallo entregarase aos comensais unha bolsa de compra ecolóxica.

Nunha carpa anexa, haberá exposición de exemplares de Galiña de Mos, de criadores da zona e da comarca da Terra Chá, patrocinada polo concello de Castro de Rei en colaboración con Avimós. O concurso, no que se reparten premios aos mellores exemplares, chega á súa VII edición. Comezará ás 10 e media da mañá.

Haberá tamén, como complemento, diversas actividades durante todo o día, como exposición de maquinaria agrícola, feira de artesanía e diversas actuacións que animarán a xornada festiva, como xogos populares e música.

Unha das razas de galiña máis antiga da península

A galiña de Mos é unha das razas de galiñas da Península Ibérica máis antigas. A orixe xenética da Galiña de Mos, foi coa chegada dos celtas a Galicia, pobo que introduciu este tipo de aves. Estaba estendida por todo o interior de Galicia pero para facer a selección da raza mercáronse no ano 2000 os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de Galiña de Mos.

A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras.

Pero pese a que nas últimas décadas estivo ao borde da extinción, hoxe podemos voltar a desfrutar da súa beleza e da calidade da súa carne grazas ao esforzo dos criadores. A galiña de Mos ten unha crista moi característica, denominada técnicamente en chícharo por ser pequena e ter tres filas de papilas e puntos.

E unha raza moi dura e adáptase perfectamente ás condicións climatolóxicas máis extremas, polo que é ideal para a cría ao aire libre. A carne de galiña de Mos, de cor máis escura, ten unha porcentaxe de pel e de graxa subcutánea, ao igual que na peituga e no zanco moi inferior ás estirpes industriais. Ao mesmo tempo, contén maior contido en Omega 3 e Omega 6.

O proceso para a recuperación da raza

Tralas alarmantes noticias que se tiñan sobre o gravísimo risco de extinción da raza, a mediados do ano 2000, a Xunta de Galicia inclúe á Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e desde a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da administración galega, comézase o Programa de recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos.

O programa de recuperación da raza dividíuse en tres fases principais, comprendidas en periodos de seis anos, comezando actualmente o terceiro ciclo, que incluirá unha inclusión definitiva nos mercados. As medidas principais de cada unha das fases foron as que se sinalan:

Fase 2000-2006: documentación, estudo, localización de exemplares, aprobación do patrón da raza, conservación de grupos reprodutivos, creación de Avimós, incremento de censos, establecemento do Libro de Rexistro.

Fase 2007-2013: Incremento de censos dos grupos reprodutivos, expansión, fomento, marketing, creación de marcas individuais, entrada dos produtos nos mercados, propostas de adaptación de normativas, estudos de investigación.

Fase 2014-2020: Incremento da producción, mellora da produción e especialización das explotacións avícolas, innovación no sistema produtivo e de comercialización, estratexias de comercialización, potenciación do concepto de raza, campañas de información.

Nas primeiras prospeccións constatouse o deterioro que estaba sufrindo a raza ó localizar os poucos exemplares que quedaban.

Gallina de Mos en una muestra ganadera.

Gallina de Mos en una muestra ganadera.

Trala observación dos resultados dos exemplares que se tiñan e sobre a base dos datos históricos observados, redactouse o patrón da raza e se creou o Rexistro de exemplares, tendo oficialidade coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001.

No mesmo ano, os escasos criadores da raza que había neses momentos, conscentes do grave deterioro que sufrían os seus exemplares, crean a Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos (AVIMÓS) co obxetivo de aglutina-los esforzos na recuperación da raza.

O impulso definitivo para a recuperación da raza foi a creación, a finais do ano 2001, da Unidade de Recuperación da raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, pertencente á administración galega.

Dez anos despois, no ano 2011 chegou a haber 500 criadores inscritos no Rexistro de Criadores e no de Reprodutores, do Libro de Rexistro da raza. Como era previsible o número de criadores vai descendendo, debido a unha maior profesionalización das ganderías existentes, que teñen que obter o código REGA, pero buscando unha maior media de reprodutores por explotación, pretendendo unha maior especialización e unha maior rendibilidade de cada explotación.

Este programa de recuperacion da raza está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fóra do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana.

cartel Expodegustacion Galiña de Mos 2018

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información