Estratexias para reducir o uso de antibióticos en gandería

España é un dos países europeos que máis antibióticos utiliza en gandería, un uso que tanto a lexislación europea como a española están a reducir. Diversos expertos expuxeron as propostas para reducir o seu uso na última xornada do Instituto Tecnolóxico do Penso

Estratexias para reducir o uso de antibióticos en gandería

O sector porcino é o que máis ten que reducir o uso de antibióticos.

España é, despois de Chipre, o estado membro da Unión Europea que máis antibióticos utiliza en gandería, principalmente en porcino. O propio sector, consciente de que isto supón unha desvantaxe competitiva fronte a outros países produtores, e a administración, a través do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos, están a corrixir esta situación.

O principal cambio producirase a partir de xaneiro de 2018 coa implantación da receita electrónico entre o colectivo de veterinarios, o que permitirá ter unha trazabilidade dun antibiótico desde o laboratorio ata a gandería, e cunha restrición ao uso de antimicrobianos con carácter preventivo, que na actualidade ocupan o primeiro lugar, por encima do uso curativo.

Neste sentido, diversos expertos reunidos recentemente en Santiago de Compostela na xornada técnica do Instituto Tecnolóxico do Penso debateron sobre as “Alternativas de redución de antibióticos na alimentación animal”.

Así, Pedro Medel de la Torre, director de I+D de Innovabiotics lembrou que a utilización de antibióticos en produción animal pasará de “tratamentos masivos e preventivos a específicos e concretos” co obxectivo de preservar a eficacia dos antimicrobianos e evitar a aparición de resistencias, un problema que se prevé que será de primeira magnitude nas próximas décadas.

Neste sentido, para afrontar a obrigación dun menor uso de antibióticos defendeu unha actuación integral ou holística en catro campos: bioseguridade, xenética, manexo e nutrición.

As principais estratexias que prevé Pedro Medel nas producións gandeiras ante a limitación ao uso de antibióticos son os seguintes:

-Cambios en xenética: liñas máis “rústicas”

En xeral isto asociarase a animais menos produtivos que no caso do gando porcino pódese asociar a porcas que pairan animais cada vez máis grandes a pesar de diminuír a prolificidade. Esta tendencia é a contraría á que se experimentou nos últimos anos. Así, o número de leitóns destetados por porca e ano pasou de 20,34 no ano 2001 a 25,99 no 2015, un 28% máis en España.

-Cambios na nutrición: Dietas menos proteicas e con máis fibra.
En canto á nutrición, os cambios implicarán dietas máis seguras (menores niveis nutricionais, menor proteína, máis fibra, máis dixestibilidade, ausencia de factores antinutricionais), e posiblemente a suplementación con aditivos que potencien dita seguridade.

É previsible un maior desenvolvemento dos tratamentos nutricionais vía auga nas granxas para a subministración de antibióticos. Isto pode reemprazar o uso preventivo de antimicrobianos nos pensos medicamentosos.

En todo, segundo Pedro Medel “non hai ningunha familia de aditivos que por si soa sexa capaz de substituír o efecto da adición de antibióticos, polo que é conveniente a procura de combinacións de aditivos que actúen de maneira sinérxica”.

-Benestar animal.
A densidade de animais será cada vez menor, co que o risco de propagación de enfermidades tamén se reducirá.

No caso dos leitóns unha tendencia tamén é que a idade ao destete será cada vez maior, con menos risco de diarreas ao ter os bacoriños a microbiota intestinal máis desenvolvida.

Os selos de benestar animal e de producións gandeiras libres de antibióticos terán cada vez máis importancia para o consumidor.

Os selos de benestar animal e de producións gandeiras libres de antibióticos terán cada vez máis importancia para o consumidor

-Melloras na bioseguridade
O experto recomendou aumentar as medidas de bioseguridade en todo tipo de ganderías, incluídas as de vacún de leite.

Como medidas concretas, defendeu que o perímetro de seguridade dos vehículos que acceden ás granxas reduciría considerablemente o risco de patóxenos. Tamén recomendou evitar o acceso dos condutores ás instalacións gandeiras, limitacións reais ao acceso de persoal e xeneralizar medidas de hixiene como as duchas e o uso obrigatorio de botas e roupa específicas. Outras medidas serían a instalación de pediluvios e rotaluvios hábiles.

Igualmente, e como medidas sanitarias, lembrou a importancia de medidas de control de pragas (roedores, insectos, animais salvaxes) ou xestionar as dexeccións e os cadáveres

-Mellora na calidade microbiolóxica da auga.
O experto lembrou que “a auga é unha nutriente clave e un potencial vehículo de transmisión patóxenos”. Neste sentido, incidiu na necesidade de realizar un tratamento sistemático e unhas análises químicas para garantir a súa calidade, ben mediante filtros para elementos físicos (partículas, turbidez…) , microbiológicos mediante o uso de biocidas (NaClO/ ClO2 / O 3 / H 2 0 2).

“A longo prazo, estas melloras serán progresivamente implementadas polos sectores produtivos, e non necesariamente implicará unha perda en competitividade”, concluíu Pedro Medel.

Cambios no protocolo de uso dos antibióticos por parte dos veterinarios

Pola súa banda, o profesor da Universidade de Lleida, Lorenzo José Fraile Sauce, centrou a súa intervención no uso racional dos antibióticos. Neste sentido, lembrou que “os antimicrobianos son unha ferramenta fundamental para unha produción eficiente, sustentable e rendible economicamente”.

“Sen embargo, necesitamos revisar que se están aplicando de forma correcta, e a partir de xa haberá que xustificar o seu uso, realizar un bo diagnóstico, confirmando que é un enfermidade de etioloxía bacteriana e o tipo de bacteria, e dosificalo e aplicalo de forma eficiente?” subliñou. “Hai que esquecerse do uso profiláctico ou preventivo dos antibióticos, só poderanse utilizar como último recurso, agás que non haxa outra opción posible”, advertiu Lorenzo José Fraile.

Lorenzo Fraile: “Hai que esquecerse do uso profiláctico ou preventivo dos antibióticos, agás que non haxa outra opción posible”

Neste sentido, como principais deberes para o sector veterinario, destacou os seguintes:

-Necesitamos revisar en profundidade os programas de medicina preventiva para o control de enfermidades bacterianas:
Vacinas: unha alternativa cada vez máis utilizada.
Medio ambiente: ver as melloras que se poden aplicar nas instalacións, manexo e alimento para previr as enfermidades bacterianas. A hixiene e a bioseguridade son claves.
Antimicrobianos: é o último recurso a utilizar. Débese identificar correctamente o patóxeno.

-Necesitamos comprobar que estamos a aplicar correctamente os tratamentos antimicrobianos :
Inxectables: Por esta vía adóitase sobredosificar os antibióticos.
Auga de bebida: Por esta vía adóitanse subdosificar os antibióticos
Penso: Por esta vía adóitase subdosificar os antibióticos.

-Necesitamos integrar no noso modo de traballar unha monitoraxe da sensibilidade dos microorganismos que se deben tratar con antimicrobianos:
Diagnóstico e illamento
Monitoraxe da sensibilidade.

-Necesitamos cuantificar o consumo de antimicrobianos no noso sistema de produción. É interesante utilizar o sistema ESVAC para poder compararse a nivel nacional e internacional.

-Debemos tomar conciencia que a maior parte do consumo de antibióticos orixínase polo uso profiláctico de antimicrobianos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información