“Estou contenta de incorporarme como gandeira, pero esperaba máis da administración”

Entrevista a Lina García García, enxeñeira Agrónoma e gandeira de vacún incorporada en Viana do Bolo (Ourense). Ven de contar a súa experiencia na II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

“Estou contenta de incorporarme como gandeira, pero esperaba máis da administración”

Lina García García coas súas vacas

Lina García García é unha moza gandeira de Viana do Bolo que ven de tomar o relevo na explotación familiar de vacún de carne. Vende intervir este sábado na II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrada na vila ourensá cun relatorio sobre “O relevo xeracional como alternativa”. Entrevistámola para saber como están a ser os primeiros pasos dunha gandeira incorporada nunha zona de montaña

Por que decidiches dar o paso e tomar o relevo na explotación familiar?
Debido á crise, non hai case traballo en ningunha parte polo que emigrei fóra de Galicia e alí vin que o que facía alí podía facelo en Galicia. Coincidiu que á miña nai chegoulle o momento de xubilarse na explotación gandeira familiar e decidín incorporarme.

Como valoras as axudas de incorporación? Están ben orientadas ou habería que facer cambios?
As axudas de incorporación están ben sempre e cando fagas un estudo de viabilidade sobre que facer despois. Os 22.000 euros que che dan están ben, pero despois hai que alimentar as vacas, pagar a cota de autónoma, mercar mangas de manexo, bebedeiros e comedeiros móbiles…etc. A xente que se queira incorporar á gandería que non o faga pola axuda de incorporación, senón que tamén teña un plan de viabilidade para que sexa sustentable economicamente a explotación.

En canto á tramitación foi sinxelo, só tiven que facer unha factura proforma dos animais.

Que cambios estás a introducir na explotación familiar?
Ampliei o rabaño, pasando de 17 UGM a 35 UGM, en total 50 vacas. E decidín pasar dun sistema semiextensivo a un totalmente extensivo. Tamén quero diversificar con ovellas -a próxima semana meterei 20 na explotación- e con ingresos pola venda de castañas e de madeira.

SGPF_outono2015_vACAS_blonda_standar

Vacas de raza Blonda

Reorientaches o tipo de gando de Rubia Galega a Blonda de Aquitania. Por que motivo?
Debido ao problema da Rubia Galega cos partos. A Blonda é unha raza adaptada ás zonas de montaña dos Pirineos, cun clima parecido ao de aquí, ten dotes maternais, pare no monte sen dificultade e da boas canais. Na Rubia Galega hai un problema de consanguinidade que provoca que os becerros non nazan ben e haxa que darlle mamadeira, e isto supón un gasto de tempo moi importante.

Había xente que me recomendaba meter razas autóctonas como a Vianesa, Caldelá …etc, pero non as metín porque a canal colle poucos quilos.

Como se están a comportar os prezos da carne de vacún?
Vendo os becerros por Ternera Gallega Suprema e están os prezos entre 4,80 e 5,10 €/kg, dependendo da época do ano. A venda dos becerros está asegurada, vendemos para Novafrigsa, e é un alivio para o gandeiro.

Podería mellorarse creando unha marca diferenciada para os becerros criados en zonas de montaña e en extensivo.

A base territorial é fundamental para mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras. Nunha zona con cada vez máis superficie abandonada como é Ourense, ¿como che está a resultar a busca de máis parcelas para o teu rabaño?
Pois é horrible. Non entendo que teña ao lado das miñas fincas, outras cheas de xestas, agardando a ser pasto do lume, e que non poda acceder a elas para traballalas. Hai moitas terras abandonadas na zona e non podo acceder a elas porque non coñezo aos propietarios e todo depende de criterios subxectivos. E a administración desenténdese de todo e limítase a entorpecer con burocracia.

 “Hai terras abandonadas que quero traballar pero non podo acceder a elas”

Temos as ferramentas informáticas, como o SIXPAC, temos instrumentos como o Banco de Terras pero a Xunta segue sen actuar para poñer a terra abandonada a disposición dos que a queremos traballar.

As axudas da PAC son importantes, especialmente en zonas de Montaña. Este ano comeza a aplicación da nova PAC. ¿Como está a ser a adaptación?
Estásenos a prexudicar moito xa que se penalizan os sistemas silvopastorais de aproveitamento de zonas mixtas con árbores (carballos, castiñeiros, piñeiros..) para pasto. Este ano a Administración decidiu aplicar nas axudas da PAC un coeficiente e redución do 80% nas axudas para pastos arbustivos e baixo árbores, de xeito que se o ano pasado cobramos 100 euros por hectárea, este ano baixou a 30 euros por hectárea. E na nosa zona o pasto é fundamentalmente arbustivo ou baixo castiñeiros e rebolos.

Deste xeito, co antigo CES, se miña nai cobraba 8.000 euros de axudas ao ano, este ano só vou poder cobrar 3.000 euros, porque para as axudas de pastoreo da PAC só lles vale o que é prado.

“Estásenos a prexudicar moito coas axudas PAC: pasamos de 100 a 30 euros por hectárea”

Con estas axudas limpábase o monte para mellorar os pastos e os animais encargábanse de previr os incendios. Con 100 euros por hectárea pagábase aos gandeiros eses desbroces, pero con 30 euros non cubre os gastos e aínda por riba se non desbrozo penalízanme sobre o total da subvención.

Que lle pedirías á Administración á hora de favorecer a incorporación da xente moza á agricultura e á gandería?
Menos burocracia e máis axilidade nos trámites. E que facilite vivir no rural, que non signifique vivir no terceiro mundo, que podas ter médico, levar os teus fillos ao colexio, ter servizos sociais…etc.

Tamén que poña a funcionar o Banco de Terras para que a xente que queira traballar poda acceder a elas. Estou contenta con incorporarme á gandería, pero esperaba máis da administración.

Una idea sobre ““Estou contenta de incorporarme como gandeira, pero esperaba máis da administración”

  1. Teresa Reija Santiso

    Noraboa Lina. Felicitote pola tùa decisiòn e aposta polo rural. Un biko moi grande.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información