Esta é a rata-toupa que estraga as pradeiras da montaña de Lugo e así se combate noutras comunidades

A 'arvícola terrestris', un tipo de roedor que saca a terra á superficie cando fai as galerías, exténdese pola cornixa cantábrica favorecida polo cambio climático. Os Gobernos de Asturias e Navarra xa adoptaron medidas para frear a súa propagación

Imaxe dalgunhas das ratas capturadas por un gandeiro da montaña de Lugo

Imaxe dalgunhas das ratas-toupa capturadas por un gandeiro da montaña de Lugo

Non se trata dunha rata común. A praga que está a estragar as pradeiras a uns 300 gandeiros da montaña de Lugo está causada pola Arvícola terrestris, coñecida tamén como rata-toupa por facer galerías e sacar a terra á superficie. A simple vista, un prado afectado por este roedor semella inzado de toupeiras.

Pero no caso dos danos producidos en máis de 2.000 hectáreas de pastizais dos concellos de Pedrafita e Triacastela e que se está a extender aos veciños de Cervantes, As Nogais, O Courel ou Samos, a culpable non é a Talpa europaea, a toupa común que coñecemos en Galicia, e que se alimenta basicamente de miñocas e outros invertebrados pero non come os cultivos, pois é insectívora.

A toupa común (Talpa europaea)

A toupa común (Talpa europaea) non come as raíces das prantas, como fai a rata-toupa

A Arvícola terrestris (tamén denominada Arvícola terrensis), pola contra, roe a raíz das prantas, polo que no caso das pradeiras estas perden produtividade, ademais de minguar notablemente a calidade das forraxes nos ensilados por mor dos montículos de terra en superficie, o que provoca tamén roturas na maquinaria á hora de segar e recoller a herba.

A rata-toupa pertence á familia dos arvicólidos, mentres que os ratos e ratas comúns, así como o rato de campo (Apodemus sylvaticus) pertencen á familia dos múridos. A rata-toupa provoca uns danos moito máis cuantiosos que o rato de campo, a súa proliferación en canto colonizan unha zona é tamén moito maior, ao igual que as dificultades para a súa erradicación, ao moverse case todo o tempo baixo terra e ser polo tanto menos accesible aos depredadores naturais.

A Arvícola terrestris é un roedor que mide entre 12 e 18 cm, co rabo e fuciño curtos e orellas moi pequenas. Vive entre 15 e 24 meses e o seu periodo de xestación é duns 22-24 días, podendo ter de 4 a 6 partos ao ano con entre 1 e 6 crías por camada.

Viven dous anos e acostuman presentar dous máximos poboacionais nas épocas de primavera e outono

Estes roedores poden estar activos ao longo de todo o ano, aínda que acostuman presentar dous máximos poboacionais nas épocas de primavera e outono. Excavan extensos sistemas de galerías subterráneas que constan de túneis superficiais (até unha profundidade de 15 cm) para alimentarse e un conxunto de túneis máis profundos (de máis de medio metro), onde se localizan as cámaras para almacenar alimento e os niños onde crían. Ao se alimentaren das raíces produce danos graves nas pradeiras, onde diminúe a produción forraxeira ao destruir o sistema radicular.

Favorecida polo cambio climático

As pragas de roedores nas pradeiras estanse a extender por toda Europa como consecuencia, entre outros factores, do cambio climático. O frío invernal servía tradicionalmente de elemento regulador das poboacións, pero a climatoloxía cada vez máis benévola e favorable incentiva a súa proliferación.

O pasado inverno foi suave nesta zona da montaña lucense, polo que o tempo foille propicio á rata-toupa para seguir a súa expansión e colonizar novas zonas. A súa existencia nos concellos de Triacastela ou Pedrafita remóntase a fai uns 8 ou 10 anos, e mesmo a Xunta de Galicia fixo naquel momento un primeiro control mediante trampeos e tratamentos específicos que logrou frear a súa proliferación, pero desde entón nada máis se fixo e no último ano a súa multiplicación foi notoria, avanzando neste momento sen control de ningún tipo.

Existen importantes colonias desde hai anos no Pirineo navarro ou na Comarca da Sidra asturiana

Na península ibérica a praga está asentada na zona cantábrica, onde nos últimos anos se está a desenvolver con importantes colonias en zonas altas, como no Pirineo navarro, a Comarca da Sidra en Asturias (que comprende os concejos de Villaviciosa, Bimenes, Cabranes, Colunga, Nava e Sariego) e agora na montaña de Lugo.

A rata-toupa tamén se ve beneficiada polo aumento do tamaño das parcelas e a uniformidade da paisaxe agraria, polo que a plantación por exemplo de setos nos límites das fincas ou a existencia de matogueiras ou monte entre unhas pradeiras e outras dificulta a propagación da praga e facilita o seu control. Tamén se logra unha redución da actividade diminuindo a cuberta vexetal existente. No caso das pradeiras, por exemplo, mantendo a herba moi curta mediante a sega ou o pastoreo.

Do mesmo xeito, cando as poboacións chegan a niveis moi elevados, estas altas densidades acaban por baixar de maneira natural a niveis mínimos só co paso do tempo e de maneira cíclica, aínda que para iso haxa que asumir os cuantiosos danos provocados pola superpoboación.

Outras medidas de control da praga

Aínda que non se trata dunha especie invasora e a súa presenza é coñecida desde fai décadas na península, aparecendo xa nos anos 80 nas publicacións sobre pragas do Ministerio de Agricultura, a súa proliferación e afeccións están a aumentar nestes últimos anos.

Trampa pinza para roedores

Trampa pinza para roedores

Os manuais existentes para loitar contra esta praga, entre outros os elaborados polo Servizo de Sanidade e Ordenación Agrícola da Junta de Castela e León ou polo Departamento de Sanidade Vexetal do Goberno do Principado de Asturias, establecen distintas medidas en función do grado de afección. Por exemplo, indícase que “cando a densidade da poboación é moi pequena é moi útil a utilización de trampas pinza”.

Son pequenos artiluxios mecánicos dotados dun cebo e unha especie de muelle que atrapan á rata cando trata de comelo. Se embargo, para que estas trampas sexan efectivas deben estar colocadas nas galerías nas que está a traballar a rata, polo que é preciso achaiar antes todo o resto das toupeiras.

Pero cando a praga está xa moi extendida e a poboación de roedores é moi abundante, como acontece por exemplo nos concellos de Pedrafita e Triacastela, epicentro da afectación na montaña lucense, requírense outro tipo de medidas máis radicais e contundentes, como pode ser o control químico. “A loita química só se recomenda en casos moi extremos, cando as poboacións son moi elevadas alcanzando niveis de praga e logo de esgotar a utilización doutras medidas”, indica o departamento de Sanidade Vexetal do Principado.

Asturias declarou a praga fai dous anos e fixou indemnizacións para os afectados

Tradicionalmente o control químico da praga realizábase con anticoagulantes como a bromadiolona e o difenacum nas fases de crecemento dos roedores e preferentemente durante o outono, cunha segunda intervención ao inicio da primavera, alternando a utilización de ámbolos dous produtos para previr futuros problemas de resistencias.

Para a Arvícola terrestris resulta eficaz o emprego de cebos frescos como anacos de mazá, pataca ou remolacha, impregnados en concentrados oleosos do producto. En áreas reducidas os cebos poden colocarse manualmente no interior das touperas, deixándoas destapadas, e despois de 7 ou 10 días é convinte volver a cebar nas toupeiras novas que se vexan. Cando as áreas afectadas son grandes acostuman empregarse apeiros, coma un arado especial que vai colocando o cebo en galerías artificiais abertas mediante un rego.

Pero o Goberno asturiano, que declarou a praga fai dous anos en varias zonas do seu territorio mediante unha Resolución do 12 de xullo de 2017, na que estableceu as medidas para combatela, prohibiu a utilización de raticidas deste tipo polo risco que supoñen estes cebos, que son un foco de contaminación ambiental e poden ser inxeridos por outros animais.

O emprego de raticidas químicos ao aire libre trae consigo toda unha serie de inconvintes, xa que non se trata dun sistema de loita selectivo, senón que tamén pode matar de forma indiscriminada a outros animais, incluidos os depredadores que diminúen de forma natural as poboacións de roedores, como poden ser os raposos ou as aves rapaces, agravándose deste xeito a situación en caso de futuras aparicións da praga.

Malia estar previsto na normativa estatal e ao feito de que outras comunidades autónomas coma Castela e León recurriron a eles para loitar contra esta praga, o Goberno asturiano prohibiu a utilización de raticidas e limitou o uso de productos fitosanitarios unicamente a aqueles que non implicasen residuos ou acumulación de tóxicos na cadea trófica.

O Goberno asturiano estableceu indemnizacións de até 700 euros por hectárea no caso de pradeiras e de 380 euros en pastizais

Por iso, trala prohibición decretada aos cebos raticidas para uso exterior, quedando estes permitidos exclusivamente para uso en interior, os métodos químicos de control efectivo en pradeiras quedaban reducidos ao emprego de fósforo de aluminio. O fósforo de aluminio vén en pastillas que en contacto coa humidade da terra descomponse formando un gas chamado fosfina, cun olor semellante a carburo ou a peixe en mal estado.

Este gas ataca á rata a través da súa inhalación mediante a respiración, polo que o modo de emprego consiste en meter as pastillas nas galerías taponando logo as bocas e deixando actuar o produto durante dous días. O tratamento debe ser efectuado por persoal cualificado co título de fumigador. A cooperativa asturiana Campoastur, por exemplo, oferta este servizo a gandeiros ou produtores de mazá de sidra.

En Asturias combaten a praga con fósforo de aluminio, efectuándose os tratamentos por medio de fumigadores

O Goberno asturiano fixou tamén unha serie de axudas para paliar as perdas producidas aos agricultores e gandeiros, tanto nas pradeiras como nas plantacións de mazeiras de sidra. A contía das indemnizacións quedaron establecidas nun máximo de até 700 euros por hectárea no caso de danos en pradeiras para sega de forraxe, 380 euros por hectárea no caso de pastizais e 10 euros por planta no caso de perda de árbores froiteiras. O beneficiario adquiría o compromiso de instalar niños nas parcelas para o asentamento de aves rapaces que actúan como depredadores naturais e a obriga de subscribir para o exercicio seguinte un seguro agrario que inclúa a cobertura de danos por fauna salvaxe.

Control biolóxico: o Goberno de Navarra soltou aves rapaces para combatela

Solta de avelaionas no Pirineo navarro

Solta de avelaionas no Pirineo navarro

O Goberno de Navarra ten en marcha desde o año 2015 un programa de control e loita contra esta praga en pradeiras do Pirineo navarro mediante trampeos e a instalación de 66 estacións fixas de seguemento. Trala realización dos primeiros censos de afectación, o Executivo autonómico navarro procedeu á solta de exemplares da curuxa avelaiona, unha ave rapaz nocturna que se alimenta de roedores. Ademais, para fomentar a fauna auxiliar autóctona, que funciona a modo de loita biolóxica contra a rata-toupa, o Goberno foral actuou nestes últimos anos mediante a colocación de 257 niños e 40 pousadeiras de rapaces por toda a xeografía navarra.

A curuxa avelaiona (Strix aluco) é unha ave rapaz nocturna de tamaño medio que é común en toda Galicia. Trátase dunha ave non migratoria e altamente territorial que se alimenta principalmente de roedores e outros pequenos mamíferos, polo que contribúe ao control deste tipo de pragas prexudiciais para a agricultura e a gandería.

O uso de predadores naturais, aves rapaces coma as avelaionas, os miñatos (Buteo buteo) ou as águias ratoeiras, facilita neste caso ademais que se siga usando a pradeira e non haxa perigo de contaminación a outros animais durante a aplicación de tratamentos de tipo químico mediante fitosanitarios.

Á espera de posibles medidas por parte da Xunta de Galicia

O Real Decreto 409/2008, de 28 de marzo, polo que se establece o programa nacional de control das pragas da toupiña de campo (Microtus arvalis) e outros microtinos, entre os que se inclúe a rata-toupa (Arvicola terrrestris), califica, no seu artigo primeiro “de utilidade pública” a prevención e loita contra estas pragas, habilitando ás administracións públicas a “establecer medidas de actuación encamiñadas a paliar os danos provocados por este roedor, así como de control e prevención”.

As distintas comunidades autónomas atopan, pois, soporte legal para actuar fronte á praga da rata-toupa tanto no Real Decreto 408/2009 como no propio artigo 15 da Ley 43/2002, de 20 de novembro, de sanidade vexetal. Sen embargo, e mentres outras comunidades levan xa anos tomando medidas para a súa erradicación, a Xunta de Galicia non estableceu polo momento estratexia algunha a seguir.

Fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron a Campo Galego que técnicos deste departamento desprazaranse “o antes posible” á zona afectada para determinar de que animal se trata e comprobar a superficie afectada antes de establecer as medidas a adoptar

Fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron a Campo Galego que técnicos deste departamento autonómico teñen previsto desprazarse “o antes posible” á zona afectada para “avaliar sobre o terreo de que animal se trata” e “comprobar a superficie que hai afectada”. Preguntados polas posibles medidas a adoptar, indicaron que “de confirmarse que se trata da Arvícola terrestris actuaríase dentro do marco do Real Decreto establecido para esta praga” mais sen avanzar ningún tipo de actuación polo de agora, a expensas do que determinen os técnicos da Consellería trala súa visita á área afectada, nin aclarar tampouco se están previstas indemnizacións polos danos causados, como se estableceron, por exemplo, no caso do Principado de Asturias.

Mentres, os gandeiros afectados agardan desde fai meses a actuación da Consellería, que foi informada do problema no pasado mes de abril, e din sentirse “indefensos” ao “carecer dos medios necesarios para facerlle fronte” á praga de ratas que desfai as súas pradeiras e ameaza a rendibilidade das súas explotacións. “Os prados producen moito menos e ao baixar a reserva de forraxe ou ben teremos que mercala ou ben vender animais para pasar o inverno”, explican algúns dos afectados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información