“É importante que o beneficio do cebo dos becerros quede en Galicia”

A cooperativa Proterga agrupa a 24 cebadoiros da provincia de Lugo que traballan no marco de Ternera Gallega. Falamos co seu presidente, Amable Fernández

“É importante que o beneficio do cebo dos becerros quede en Galicia”

Amable Fernández, presidente de Proterga.

A cooperativa Proterga (Produtores de Ternera Gallega) agrupa a 24 cebadoiros da provincia de Lugo. Entre todos, producen uns 5.000 animais ó ano, que comercializan en conxunto. A cooperativa tamén merca a alimentación das explotacións e encárgase de xestións técnicas, como a PAC. Preside Proterga Amable Fernández, de Gandería Fonchave (Becerreá, Lugo).

Cóntanos cal foi o orixe da cooperativa Proterga.
– A cooperativa Proterga naceu a mediados dos anos 90. Eu entrei no 1996, non son socio fundador pero asocieime xa no seu comezo porque desde sempre me pareceu que nosoutros para traballar o gando tiñamos que estar asociados. A cooperativa é pequena, somos 24 socios e eu digo que máis que cooperativa, somos un grupo de amigos. É un sistema de traballo cómodo, xuntámonos unha vez ó mes para compartir ideas e vendemos todo en conxunto.

Como facedes a comercialización do gando?
– Traballamos con tres comerciais cárnicas, con Nova Frigsa, con Alimentación Breogán e estivemos tamén enviando gando a Castro de Riberas de Lea a través de Artesáns Gandeiros. Temos un técnico adicado á comercialización e negociación de prezos, que controla a saída e o pago do gando. Se hai algunha ternera un pouco extraordinaria, pois tratamos de primala. Esta persoa leva a xestión. Tamén traballamos desde hai anos con carniceiros que están contentos co tipo de carne que elaboramos.

“Ternera Gallega ten un prezo maior para o produtor, pero tamén os custos son maiores pola esixencia de calidade nos pensos”

Pensastes algunha vez en chegar á distribución final?
– Nós nunca chegamos a venderlle ás cadeas de distribución. Somos un equipo pequeno. Para venderlle á distribución final, hai que ter máis volume e por outra parte, as cadeas adoitan pedir unha homoxeneidade de canais e unha continuidade de pesos. Nós facemos unha produción bastante homoxénea, pero ás veces non dariamos cumprido eses estándares.

Outra das cuestións que xestionades en conxunto é a alimentación do gando. Con que pensos traballades?
– No penso metemos totalmente cereal, como esixe a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, e no noso caso estamos mesmo por riba das especificacións da Indicación. Usamos só produtos nobres naturais, de primeira liña. Agora mesmo traballamos cunha formulación da cooperativa Aira, aínda que ás veces facemos probas noutra fábrica para comparar resultados. O noso obxectivo é que os animais saian o máis homoxéneos posibles, sempre cunha marxe.

En pesos, por exemplo, as comerciais ás veces tiran do gando con nove meses de idade e outras veces tes que retrasar o sacrificio unhas semanas, sempre co límite dos 10 meses que marca Ternera Gallega. Tampouco tódolos terneros medran o mesmo nin teñen a mesma conformación.

“Hai becerros frisóns que se ceban fóra de Galicia e que volven aquí a sacrificarse para levar o cuño dun matadoiro galego”

Ternera Gallega representa máis do 50% da carne de IXPs de vacún que se comercializa en España. A que cres que se debe ese éxito?
– No mercado de España sempre nos diferenciamos pola tenrura. Comercializamos unha carne tenra, con menos de 10 meses de vida. É unha carne que se paga máis, igual 60-70 céntimos por quilo máis que a do resto de España, pero tamén hai que ter en conta que fóra de Galicia levan o ternero a 15 meses de vida, co cal póñenlle máis quilos e compénsalles o menor prezo. Nós tamén temos un penso que, polas esixencias de calidade, é máis caro que o que usan outros cebadoiros de España.

Os becerros de recría frisóns que nacen en Galicia, que non están amparados por Ternera Gallega, estanse vendendo maioritariamente para cebadoiros do resto de España. Pensas que habería posibilidades de cebalos en Galicia?
– Aquí a maioría de cebadoiros tratamos de traballar con Ternera Gallega. Por tanto, as razas que non entran na IXP, como os frisóns ou os azuis belgas, están indo nun 80-90% para fóra, á zona de Madrid, a Toledo ou Cataluña, entre outros puntos. De feito, eu sei de xente que ceba frisóns fóra de Galicia e volve sacrificar os animais a Galicia para despois comercializalos de novo fóra. Son animais que non están en Ternera Gallega pero que levan o selo do matadoiro de Galicia, o que sempre dá lugar a enganos. Penso que en Galicia se podería cebar máis. É importante que o valor do cebo quede aquí. Tamén hai algúns cruces, sobre todo femias, que marchan para cebarse fóra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información