Denuncian á cadea de supermercados Día por “afundir” o prezo do polo

A organización de gandeiros UPA vén de presentar unha denuncia diante da Axencia de Información e Control Alimentarios por vender carne de pito por baixo dos custos de produción

Denuncian á cadea de supermercados Día por “afundir” o prezo do polo

Upa considera que o polo véndese arredor dun 30% por baixo do custe de produción acumulado.

A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) enviou hoxe a documentación á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para denunciar á multinacional de supermercados DÍA por vender carne de pito por baixo dos custos de produción.

A organización agraria, matriz estatal de Unións Agrarias, denunciou á gran superficie por facer “ofertas temerarias para danar aos produtores”, feito do que tamén alertou ao Ministerio de Agricultura. Segundo denuncia UPA, DÍA está a poñer en práctica unha “política de acoso e derrubo” ao sector produtivo de pito.

“DÍA está a baixar o prezo da carne de pito nos seus liñais, unha práctica que constrinxe aos avicultores e desvaloriza este produto ante o consumidor”, explicaron desde UPA. Desta forma, “están a atacar ao sector produtivo por varios flancos”, alertan.

“Á listaxe de máximos accionistas de DÍA, todos estranxeiros e encabezada por un conglomerado ruso de empresas de investimento, non lle importa en absoluto o sector produtivo de España”

“Á listaxe de máximos accionistas de DÍA, todos estranxeiros e encabezada por un conglomerado ruso de empresas de investimento, non lle importa en absoluto o sector produtivo de España”, advertiron desde UPA facendo fincapé no alto volume de emprego que a avicultura xera no conxunto do Estado.

Por iso, UPA indicou a necesidade de que a AICA, a Axencia pública creada para a vixilancia, control e cumprimento da Ley 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, “dea exemplo coa súa sentenza” para desanimar ao resto de grandes distribuidoras e industrias a realizar este tipo de prácticas.

Ademais, a organización de agricultores e gandeiros insistiu en que “urxe reformar a Lei da Cadea Alimentaria para evitar que sigan producíndose casos coma este e protexer a seguridade alimentaria” en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información