Demándanlle á Xunta que cumpra os compromisos cos produtores de coello

Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego piden á Xunta que poña en marcha canto antes unha campaña de promoción do consumo de carne de coello e axudas de mínimis para os produtores, que nas últimas semanas viron como o prezo da carne de coello volvía baixar ata os 1,50 euros o quilo.

Demándanlle á Xunta que cumpra os compromisos cos produtores de coello

Reunión do pasado 20 de novembro entre Belén do Campo e representantes dos produtores

Os sindicatos Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG) pídenlle á Xunta que cumpra as súa promesa dunha campaña de promoción do consumo de carne de coello, así como medidas económicas de apoio ao sector, tal e como se acordará na reunión celebrada o pasado 20 de novembro na sede da Consellería en Santiago de Compostela entre os representantes dos produtores e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

O certo é que tras unhas semanas de lixeiro repunte dos prezos en novembro, nas últimas cotizacións da Lonxa de Madrid, a que fixa os prezos para Galicia, volveron baixar ata os 1,50 euros o kg, por debaixo dos custos de produción, que os produtores fixan nuns 1,80 euros.

Neste sentido, o representante do Sindicato Labrego Galego en Intercun, Xosé Luis Santaclara, lamenta que “dende novembro non volvemos ter ningunha nova, a pesar de que se nos prometera dende a Consellería que en xaneiro a Xunta ía poñer en marcha unha campaña de promoción do consumo de carne de coello mediante a súa inclusión nos menús escolares ou nos dos centros da terceira idade”.

E é que unha campaña de promoción do consumo de carne de coello por parte das Administracións é clave para a recuperación dos prezos. Abonda cunha cifra: o consumo per cápita de coello pasou de 3,1 kilos en 1988 a 1,2 kilos en 2015, segundo datos do sector.

Román Santalla: “Pedimos unha reunión inmediata da Consellería cos representantes dos cunicultores”

Román Santalla, responsable de Gandería de Unións Agrarias-UPA, demanda tamén da Consellería que cumpra o seu compromiso de establecer unhas axudas de mínimis para as algo menos de 300 explotacións de coellos que quedan en Galicia. As axudas cífranas os sindicatos en 30 euros por coella, “o que para os produtores de carne de coello galegos suporían un mínimo de 3 millóns de euros”.

Xunto a isto, Santalla demanda tamén axudas para o refinanciamento da débeda a longo prazo, xa que moitas explotacións atópanse nunha situación de asfixia financeira, así como un plan de ordenación do sector en Galicia.

Ante estas demoras e o agravamento da situación económica das explotacións, tanto o representante do SLG como o de UPA-Unións Agrarias demandan unha reunión con carácter inmediato de representantes da Consellería do Medio Rural cos representantes dos produtores de carne de coello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información