Demandan o pago das indemnizacións atrasadas do lobo

Unións Agrarias pide que se liquiden os danos pendentes do 2013, 2014 e 2015. A organización entende que os pagos deben facerse nun prazo de 3 meses desde a notificación do ataque

Demandan o pago das indemnizacións atrasadas do lobo

Danos de lobo.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar estes días a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2016. A orde multiplica por tres o orzamento de anos previos, dos 106.000 euros do pasado ano ós 358.000 deste ano, dando cumprimento a unha reiterada petición das organizacións agrarias. Unións Agrarias, en nota de prensa, lembra que vén reivindicando esa suba desde o 2009.

Co aumento de presuposto para o 2016, Unións demanda a liquidación dos expedientes atrasados pendentes de pago, xa que hai gandeiros que non cobraron indemnizacións do 2013 e do 2014 nas catro provincias galegas. Recentemente, a organización mantivo un encontro coa directora xeral de Conservación da Natureza para trasladarlle esa inquedanza. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, entende que entre a notificación do ataque e o cobro da axuda por parte do afectado non deben pasar máis de 3 meses.

Cada ano recíbense unhas 1.300 notificacións de ataques a gando

Cada ano recíbense unhas 1.300 notificacións de ataques, que afectan principalmente a gando ovino, vacún, cabalar e caprino, por esa orde. Co orzamento do 2015 pagáronse 214 expedientes atrasados do ano 2013 e 35 do ano 2014, estando pendentes de pago o resto dos expedientes do 2014 e a totalidade dos danos do 2015.

Xestión do lobo
A maiores do reforzo orzamentario, a liquidación dos atrasos e a axilidade administrativa na tramitación dos expedientes, Unións Agrarias avoga por unha verdadeira xestión do lobo en Galicia, o que implica o control puntual das poboacións nas zonas gandeiras, de maior risco e número de ataques (como recolle o Plan de Xestión do Lobo de Galicia), así como a posta en marcha de alimentación disuasoria en determinadas zonas e épocas do ano, sempre, ambas
medidas, con criterios científicos e técnicos.

“Non se pode pretender que a conservación do lobo recaia exclusivamente nas costas dos gandeiros” (Jacobo Feijoo)

A modo de exemplo, a organización lembra que en Asturias os gardas do Principado cazan de xeito autorizado uns 50 lobos ó ano, se ben aquí o sistema é diferente e as batidas de lobo xestiónanse a través dos Tecores.

Desde Unións insisten en que a conservación do lobo é unha tarefa de toda a sociedade, e en que non se pode pretender que caia exclusivamente nas costas das economías familiares de agricultores e gandeiros. “Recuperar o normal funcionamento das axudas é o primeiro paso para facer crible entre as xentes do rural a política de
conservación e xestión do lobo da Consellería de Medio Ambiente, despois dos recortes e abandono dos últimos anos”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información