Daniel Rodicio: mozo e preparado para o rural galego do século XXI

Daniel Rodicio incorporouse á actividade agraria para levar a granxa de coellos familiar dos seus pais en A Bola (Ourense). Malia as dificultades que está a atravesar o sector, confía na aposta pola diversificación como estratexia de futuro.

Daniel Rodicio: mozo e preparado para o rural galego do século XXI

Daniel Rodicio diante da súa granxa de coellos.

Daniel Rodicio Fernández é un mozo que hai 5 anos se incorporou á actividade agraria na explotación familiar de coellos en A Bola (Ourense). Licenciado en Ciencias Económicas , o seu perfil coincide co de moitos mozos e mozas que están voltando ao agro: persoas con formación superior que ante as dificultades do mercado laboral ven na agricultura e gandería unha opción profesional digna.

Por que un mozo con formación universitaria coma ti decide incorporarse á actividade gandeira?
Incorporeime hai 5 anos porque miña nai se xubilaba. Ademais, era un momento no que a cunicultura era rendible e o proxecto empresarial xa estaba montado.

Como nace esta explotación de coellos?
A historia da nosa explotación é repetida no rural galego: xente que se marcha á emigración nos anos 60-70 e os aforros canalízanos á actividade agrícola. En concreto, no ano 1982 os meus pais regresan de Alemaña e deciden poñer en marcha a granxa de coellos.

Os comezos foron duros porque o sector estaba pouco organizado. Deste xeito, por necesidade de supervivencia, no ano 1989 intégranse na cooperativa COGAL, o que supuxo unha importante mellora.

Cando me incorporei no ano 2011 arranxamos e modernizamos as instalacións existentes e fixemos unha esterqueira. En total investimos uns 180.000 euros.

A granxa ten uns 1.000 metros cadrados e inseminamos entre 670 e 700 coellas ao mes e producimos entre 4.500 e 5.000 coellos.

Como é o ciclo produtivo na túa granxa?
A raza – HIPlus- , é híbrida, como todos os coellos de xenética moderna e con parámetros de alta produción. O que facemos é organizar a produción en base a que unha coella pare entre 7,5 e 8 partos ao ano, e a partir de aí organizamos un proceso de produción estándar, que en nais é de 42 días e un proceso de engorde que é de 70-72 días.

“Sen o cooperativismo sería moi difícil sobrevivir no sector do coello”

Con estes prazos facemos un proceso de rotación: as coellas están cos gazapos e logo estes destétanse e cébanse, mentres que as coellas volven entrar en ciclo reprodutivo.

Cales son as vantaxes que vos aporta estar nunha cooperativa?
O cooperativismo ofrécenos moitísimas vantaxes porque nos axuda a ser moito máis eficientes na produción. No caso concreto de COGAL, facilítanos dende o seme, as compras ou a distribución final. COGAL subminístranos tamén os pensos a través dun acordo con COREN.

Todo este proceso sería moi difícil para unha granxa que non estea nunha cooperativa.

Cal é a situación a nivel de prezos para os produtores de coello?
Os prezos están á baixa dende hai dous anos: no 2013 o kilo de coello en lonxa chegou a cerca dos 2,00 euros e neste momento está en 1,5 €/kg.
Nun momento de crise a xente axusta moito máis a súa renda á compra, e a carne de coello é unha delas.

Ademais, a pel de coello tivo unha baixada moi importante e os custos de enerxía aumentaron.

Nesta situación, cal é a túa aposta de futuro para a explotación?
Un dos grandes problemas de que a xente moza non se incorpore á agricultura, a parte do desprestixio histórico da actividade agraria, é a inestabilidade de prezos e a falta de servizos no rural.

Neste sentido, debemos repensar o rural galego para o século XXI. ¿Que modelo queremos: un con moitas explotacións pero ben dimensionadas ou de poucas e moi grandes? Debería darse este debate na sociedade galega.

No meu caso, unha das claves pola que vou intentar apostar é a diversificación para non xogar todo a unha carta.

“O problema en Galicia é que o valor da terra é sentimental e o prezo é desorbitado”

Pero o problema que temos as persoa que queremos poñer en valor a terra en zonas abandonas é precisamente o abandono. As comarcas en Galicia teñen agora unhas asimetrías enormes: hai comarcas activas e outras totalmente abandonadas.

E o abandono o que provoca é que se cumpra o dito do “Perro do Hortelano”: non hai fluxos de información sobre o valor real da terra e acaba provocando que os propietarios da terra nin fagan nin deixen facer. É dicir, non se sabe nin o valor ni no prezo e o valor acaba sendo sentimental e o prezo dunha finca superior ao que lle podes sacar en 100 anos.

image_print

2 ideas sobre “Daniel Rodicio: mozo e preparado para o rural galego do século XXI

  1. Jorge

    NORABOA, Dani, polo artigo.
    Fíxose un pouco curto pero creo que o teu punto de vista e opinión é moi útil para dármonos conta do que ocorre no sector.

    Contestar
  2. jose marcial

    Me chamo José Marcial Díaz Manso son enxeñeiro agrónomo e me encanta ver a un mozo do meu pobo, de A Bola, está loitando na súa explotación. Eu nacín ei e moito me alegra ver como apostas polo sector no pobo. Me encantaría conocerte .

    Unha aperta

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información