Coren pon en marcha en Friol un avanzado centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola

Coren pon en marcha en Friol un avanzado centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola

Inauguración das instalacións

O Grupo Coren acaba de pór en marcha en Friol (Lugo) o seu novo Centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola – Friol 1, a primeira fase do proxecto do Centro de Investigación Xenética Avícola e Nutrición de Porcino e Vacún que a cooperativa prevé desenvolver en Lugo co obxectivo de lograr a dimensión necesaria para atender as necesidades de crecemento do mercado nacional e internacional nos próximos anos.

As instalacións foron inauguradas polo presidente e conselleiro delegado de Coren, Manuel Gómez-Franqueira Álvarez e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.

O Centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola – Friol 1, será estratéxico para fortalecer a produción de avicultura de Coren e orientala cara á a exportación, pois o 50% da produción con orixe nesta planta destinarase ao mercado exterior.

O presidente de Coren indicou na inauguración da planta que a cooperativa realizará nela a selección das liñas xenéticas e cruces para conseguir os animais máis sans, robustos e con altos niveis de inmunidade; á vez que permiten obter os diferentes tipos de carne máis adaptados a cada un dos mercados nos que comercializa os seus produtos.

Tamén se investigarán as xenéticas autóctonas galegas, desenvolvendo así o potencial e riqueza de Galicia. “Deste xeito, as investigacións que antes só se realizaban en terceiros países, agora tamén se desenvolven en Galicia”, sinalou Manuel Gómez-Franqueira.

O Centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola de Coren conta cunha capacidade de 55.000 reprodutoras -as nais dos futuros pitos da cooperativa-, en cinco naves. O centro está deseñado para permitir a realización de estudos que desenvolvan as melloras produtivas para dar resposta ás necesidades do mercado.

Unha “explotación 4.0” á vangarda en tecnoloxía

A planta caracterízase por unhas condicións de máxima bioseguridade, aspecto crave e diferenciador desta planta, para minimizar calquera risco sanitario. As novas tecnoloxías son fundamentais na seguridade do centro e tamén para a súa xestión, xa que esta nova planta está concibida como unha “explotación 4.0”, dotada cos máis novos sistemas de xestión avícola, controlados informáticamente a través da tablet e vía wifi.

A domótica aplicada á gandaría permite controlar a nutrición dos animais ou parámetros como a temperatura exterior e interior, a calefacción, ventilación, humidade… Se se producise algunha situación anormal, o encargado da planta recibe unha alerta no seu móbil que permite emendala canto antes.

Igualmente, todos os datos de produción, produtividade e xenética quedan rexistrados no sistema informático para o seu control e posterior xestión nos estudos e proxectos de I+D que se van a desenvolver.

Os ovos incubables procedentes destas reprodutoras canalízanse coas máximas garantías de seguridade e hixiene, e logo trasladaranse ao Centro Tecnolóxico de Incubación de Razas Autóctonas de Portomarín , Lugo. Destes ovos incubables van nacer máis de 7 millóns de poliños ao ano.

O centro está deseñado para minimizar o impacto ambiental. Trátase dunha planta autosuficiente coa enerxía que produce. Está dotada de caldeira de biomasa na que procesa a galiñaza alí xerada, que representa parte do combustible empregado xunto a biomasa da zona.

Conta tamén coas tecnoloxías máis eficientes de calefacción, ventilación ou iluminación, así como de aforro de auga.

Un investimento de 5,4 millóns de euros

A construción do centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola incluíndo todos os servizos e instalacións auxiliares, entre eles a vivenda destinada a residencia dos granxeiros- supuxo un investimento de 4.100.000 de euros por parte do Grupo Coren, e contou cunha axuda institucional da Xunta de Galicia de 1.316.000 euros, que permitiron construír unha instalación innovadora e punteira, única en Europa.

Este é o primeiro paso do conxunto de proxectos previstos por Coren entre Friol e Portomarín, dentro do Plan de Acción de Coren en Lugo, que levará un investimento de 33 millóns de euros por parte da cooperativa e suporán a creación dun total de 175 postos de traballo no campo galego. Estes empregos súmanse aos máis de 600 que xa xera Coren actualmente na provincia de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información