Coren pecha o 2017 cun récord de 1033 millóns en vendas

Coren pecha o 2017 cun récord de 1033 millóns en vendas

Centro de procesado avícola de Coren

O Grupo Coren pechou o ano 2017 cunha facturación récord de 1.033 millóns de euros, un 8,6% máis que no exercicio anterior, no que se alcanzou unha facturación de 951 millóns de euros.

Segundo informa nun comunicado, este incremento no negocio da cooperativa galega foi posible grazas a que aumentou no exercicio pasado a produción en avicultura nun 9%, mentres que a gama de porco alimentado con castañas galegas medrou un 30%. Ademais, as exportacións impulsáronse un 8% durante o último ano e representan o 38% da produción cárnica do grupo.

Este balance de actividade da cooperativa que preside Manuel Gómez Franqueira ao peche do pasado ano foi analizado polo Comité de Xestión da cooperativa na súa recente convención anual.

Na mesma liña, a cooperativa está a impulsar as producións ecolóxicas que dispoñen tamén de saída a campo e, ademais, reciben unha alimentación con cereais de cultivo ecolóxico certificado.

“O noso obxectivo final é elaborar sempre os mellores alimentos e, por iso, os valores clave do traballo diario de todo o equipo de Coren, tanto dos nosos cooperativistas como dos empregados, son o benestar animal cumprindo os máximos estándares da UE, a saída de animais a campo, o coidado do medio ambiente, a rastrexabilidade e a innovación”, sostén o presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira.

Medran as exportacións aos mercados asiáticos

En canto ás exportacións, o crecemento produciuse fundamentalmente nas áreas de porcino e avicultura, e destacan mercados como os asiáticos, que se atopan entre os máis relevantes para a cooperativa galega.

“Así mesmo, e a pesar de que os prezos no mercado nacional continúan bastante axustados, este impulso das gamas de valor, o incremento das vendas no exterior e as iniciativas da cooperativa para mellorar a competitividade en todas as súas áreas traducíronse nun incremento da facturación total do grupo”, resumen desde a cooperativa galega.

Por outra banda, durante o ano pasado Coren deu un impulso aos investimentos, que alcanzaron os 25 millóns de euros. En 2017 a cooperativa salienta dous grandes proxectos: a posta en marcha do Centro de Reprodución e Selección Xenética de Avicultura de Friol, en Lugo, e a ampliación do Centro de Procesado Avícola de Santa Cruz de Arrabaldo cunha nova sala de 4.000 metros cadrados dirixida a elaborar as producións de Nadal (que representan unha parte destacada da actividade da cooperativa) e que o resto do ano destínase a asumir o volume de procesado derivado do incremento de actividade na área de avicultura, así como desestacionalizar produtos que ata agora se ofrecían soamente durante a campaña do Nadal.

Á vez que incrementa os seus investimentos, o Grupo Coren destaca o recorte da súa débeda. De feito, durante o ano pasado, a débeda total do grupo reduciuse case un 20%, e sitúase por baixo dos 68 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información